Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 25 de abril de 2000 Páx. 6.672

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 13 de abril de 2000 pola que se instrumenta na Comunidade Autónoma de Galicia a axuda ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados productos lácteos.

O Regulamento (CE) nº 1255/1999, do Consello, do 17 de maio, establece actualmente a organización común de mercados no sector do leite e dos productos lácteos e o seu artigo 14 dispón que se concederá unha axuda comunitaria para a subministración ós alumnos de centros escolares de determinados productos lácteos transformados, ademais de preve-la posibilidade de que os Estados membros concedan unha axuda nacional complementaria da anterior.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), e o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que o desenvolve, modificado posteriormente polo Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, correspóndelle ó dito instituto, entre outras funcións, a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en relación coas accións derivadas da política agrícola común (PAC) e para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados, na Comunidade Autónoma de Galicia, como, neste caso, a instrumentación da axuda comunitaria para a subministración de determinados productos lácteos ós alumnos de centros escolares.

Con base no anterior, esta orde prevé o programa de leite escolar nesta Comunidade Autónoma, establecendo o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión das ditas axudas comunitarias.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regular na Comunidade Autónoma de Galicia un programa de leite escolar para a concesión das axudas comunitarias para a subministración ós alumnos de centros escolares dos productos lácteos transformados previstos no artigo 14.1º do Regulamento (CE) nº 1255/1999, do Consello, do 17 de maio.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Serán beneficiarios desta axuda os alumnos que asistan regularmente ós centros escolares recoñe

cidos oficialmente pola autoridade competente, dos seguintes niveis de ensino regulado pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo:

a) Educación infantil, incluídos os xardíns de infancia ou outros establecementos de educación preescolar, legalmente recoñecidos.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria, comprensiva da educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio.

d) Educación especial, recollida no capítulo V da L.O. 1/1990.

2. As axudas outorgaranse para os períodos de desenvolvemento do curso escolar ou durante a estadía en colonias de vacacións dos alumnos beneficiarios delas, organizadas polos centros escolares.

Artigo 3º.-Productos subvencionables e prohibicións.

1. A axuda concederase exclusivamente para os productos lácteos transformados previstos no anexo I desta orde, e consumidos nas dependencias do establecemento escolar ou lugar onde se realice a colonia de vacacións.

2. Queda prohibida a utilización dos productos obxecto de subvención na confección de comidas, no servicio de cafetería dos centros escolares, e a súa subministración nos ditos centros a través de catering, cociñas centrais, comedores colectivos, residencias de estudiantes ou otros establecementos e sistemas semellantes.

3. Nembargantes o previsto no punto anterior, será posible o servicio dos ditos productos nos comedores de centros escolares, sempre que, para cada curso escolar, se presenten as dúas certificacións previstas nos anexos III e IV, debidamente cubertas, cuñadas e asinadas polo responsable do centro escolar, comprensivas do compromiso do centro de que os ditos productos non se empregarán na preparación de comidas e que o seu reparto repercutirá en beneficio directo dos alumnos, así como dos datos do centro escolar, onde se reflectirán o alumnado do centro, os productos solicitados e os provedores.

Artigo 4º.-Contía da axuda.

1. A axuda concederase pola cantidade máxima global de 0,25 litros por alumno e día lectivo, ou día de estadía en colonias de vacacións.

2. Coa finalidade de que a axuda repercuta directamente nos alumnos dos establecementos escolares, o Ilgga fixará, ó longo do curso escolar, por resolución do seu director, o prezo máximo que deberá paga-lo alumno para os diferentes productos subvenciona

bles, de acordo co custo medio da materia prima e as posibles modificacións da contía da axuda.

Artigo 5º.-Autorización como provedor dos productos subvencionados.

1. Todo novo provedor que queira participar no réxime das axudas previstas na presente orde deberá estar previamente autorizado polo Ilgga, con excepción do xa autorizado, a nivel estatal, polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) por excede-lo seu ámbito de actuación o territorio desta Comunidade Autónoma.

2. A solicitude de autorización efectuarase segundo o modelo que figura no anexo II, asumindo o productor os compromisos que se indican no devandito modelo, e presentarase na forma prevista no artigo 7º.1 desta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria técnica das instalacións de producción, distribución e/ou almacenamento.

b) Certificación da inscrición no rexistro sanitario de alimentos.

c) Certificación da inscrición no rexistro de industrias agrarias e alimentarias.

3. O servicio provincial correspondente elevará, a través da Delegación Provincial do Ilgga, a oportuna proposta ó director do instituto, para que este resolva sobre a solicitude de autorización, no prazo de tres meses desde que tivo entrada naquel servicio provincial.

4. A dita resolución poderá ser revogada polo director do Ilgga en calquera momento, coa retirada da autorización, por incumprimento dos compromisos asumidos polo provedor ou pola existencia das irregularidades previstas no artigo 9º da presente orde. Transcorrido un período mínimo de, alomenos, o ano escolar en curso, poderá concederse unha nova autorización, por instancia do provedor, logo da valoración dos antecedentes que deron lugar á revogación da autorización anterior.

5. Respecto das autorizacións concedidas polo FEGA a nivel estatal, o Ilgga, nos casos en que proceda, elevarará ante o dito organismo proposta de retirada da autorización.

Artigo 6º.-Presentación de datos.

1. Entre os días un e quince, ámbolos dous incluídos, do mes anterior ó inicio do servicio ó centro escolar, os provedores presentarán, no respectivo servicio provincial do Ilgga, unha relación na que figuren os datos correspondentes ós centros escolares e os productos que se subministrarán en cada centro, axustada ó modelo do anexo IV desta orde, xunto coa certificación de compromisos e de datos do centro, de acordo cos modelos dos anexos III e IV.

2. Entre o día dezaseis e o último do mes anterior ó inicio do servicio, o respectivo servicio provincial do instituto autorizará, se procede, o comezo da subministración ós centros escolares.

Artigo 7º.-Solicitude de pagamento da axuda.

1. As solicitudes de pagamento da axuda, debidamente asinadas, serán formalizadas polo provedor autorizado de acordo cos modelos previstos nos anexos VI e VII da presente orde, e presentaranse nos servicios provinciais do Ilgga ou por calquera dos canais previstos no artículo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación das solicitudes rematará o último día do cuarto mes seguinte ó mes de subministración dos productos. Non obstante, admitiranse as solicitudes presentadas no quinto e sexto mes seguinte, reducíndose, nestes casos, o seu importe nun 5% e 10%, respectivamente.

3. Ás solicitudes de axudas achegaránselle-los xustificantes, orixinal ou copia compulsada, das correspondentes facturas, que reflectirán, por separado, o custo total de cada producto subvencionado (base impoñible máis IVE), e o importe da axuda, así como unha proba do seu pagamento. Ademais, presentarase un certificado ou recibo do centro escolar das cantidades efectivamente subministradas.

Artigo 8º.-Controis.

1. O Ilgga realizará inspeccións periódicas aleatorias, tanto ós provedores como ós centros escolares, co obxectivo de comproba-la correcta aplicación do programa de leite escolar previsto na presente orde. Para tal efecto, serán obxecto de control:

a) A calidade dos productos subministrados.

b) O etiquetado individualizado de cada envase.

c) A non utilización dos productos na confección das comidas.

d) A distribución correcta (lugar, horario, forma, repartidor, producto, etc.) a tódolos alumnos participantes.

e) A observancia dos prezos máximos vixentes.

f) A observancia das cantidades máximas consumidas por cada alumno.

g) A contabilidade específica para o presente programa.

h) A comprobación da facturación en relación coa solicitude de pagamento da axuda.

i) Calquera outro aspecto necesario para determinar que a axuda repercute directamente en beneficio dos alumnos.

j) E en xeral, a utilización dos productos subvencionados de conformidade coas disposicións vixentes.

2. Os controis e inspeccións serán realizados por funcionarios do Ilgga debidamente autorizados, que redactarán a correspondente acta de inspección na que constarán, con claridade e detalle, as posibles irregularidades detectadas.

Artigo 9º.-Irregularidades e consecuencias.

1. A existencia de irregularidades na calidade de productos subministrados, na etiquetaxe e envasado do producto, e/ou na distribución correcta a tódolos alumnos participantes (lugar, horario, forma, distribuidor e producto), implicará, con carácter inicial, o apercibimento e o requirimento de emenda. Se na posterior inspección verificadora se demostrara que non se emendaron aquelas, independentemente de que a causa sexa imputable ó provedor ou ó centro escolar, procederase á retirada ou á proposta de retirada da autorización como provedor, de acordo co previsto nos puntos 4 e 5 do artigo 5º desta orde.

2. As irregularidades motivadas pola utilización dos productos subvencionados na confección de comidas, por non cumpri-los prezos máximos vixentes, por supera-las cantidades máximas de consumo por alumno e día lectivo, por erros cometidos na facturación e na contabilidade e, en xeral, por impedir, total ou parcialmente, a repercusión da axuda directamente en beneficio dos alumnos, poderá dar lugar á denegación ou minoración da axuda solicitada polo provedor, así como á retirada ou proposta de retirada da autorización, nos termos do punto anterior, logo de apercibimento e posterior inspección verificadora.

3. A falsidade de datos, manifestamente intencionada, e a desviación dos productos do seu destino, sen prexuízo das responsabilidades de calquera orde nas que puideran incorre-los responsables do centro escolar e o provedor, dará lugar á suspensión cautelar das axudas pendentes de aboar e, se é o caso, á denegación das axudas solicitadas, así como á retirada inmediata, ou proposta de retirada, da autorización como provedor.

Artigo 10º.-Tramitación e resolución das solicitudes de axuda.

1. Efectuados os controis pertinentes, os servicios provinciais do Ilgga elevarán a oportuna proposta, a través da delegación provincial do Ilgga, ó director do instituto sobre as solicitudes presentadas, para que este dicte a correspondente resolución.

2. O prazo máximo de resolución e pagamento das axudas será de tres meses desde que a solicitude de axuda tivo entrada no servicio provincial do Ilgga.

3. Á falta de resolución expresa no prazo anterior, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condiciones tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Reintegro da axuda.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda prevista na presente orde, cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Recursos administrativos.

Contra as resolucións dictadas en aplicación da presente orde, polo director do Ilgga, poderase interpoñer recurso de alzada ante o presidente do dito instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 14º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan esixi-los órganos correspondentes do Ilgga, os beneficiarios das axudas do programa de leite escolar teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio da súas funciones de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. Para a concesión das axudas previstas na presente orde existe crédito axeitado e dabondo con cargo ós orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para o ano 2000, na aplicación orzamentaria 09.50.614A.779 -axudas comunitarias a productores

derivadas da nova PAC-, do orzamento de gastos do Ilgga, por importe de 110.000.000 de pesetas.

2. As solicitudes presentadas ó abeiro da orde da anterior Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 15 de xuño de 1994, e non resoltas expresamente, aboaranse, se é o caso, con cargo ó presente exercicio orzamentario.

3. A aplicación orzamentaria e a contía da axuda para ulteriores exercicios determinarase de acordo coa Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o respectivo exercicio.

Segunda.

Sen prexuízo do previsto no artigo 9º desta orde, seralles de aplicación ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Terceira.

Os provedores xa autorizados pola anterior Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, ou pola actual Dirección Xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, participarán no réxime das axudas previstas na presente orde da mesma forma que os novos provedores autorizados conforme o artigo 5º. En todo caso, a retirada ou proposta de retirada da autorización, a que se refiren os puntos 4 e 5 do devandito artigo, será da competencia do director do Ilgga.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a orde da anterior Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 15 de xuño de 1994, pola que se regulaban as axudas a alumnos de centros escolares para consumo de leite e outros productos lácteos.

Disposición derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia para dicta-las instruccións axeitadas para o desenvolvemento e execución desta orde, así como para modificar, por medio de resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os prazos de presentación de solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos nesta orde, cando teñan a súa orixe nas modificacións producidas na normativa estatal ou comunitaria regu

ladoras das axudas ó programa de leite escolar, así como nos orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para cada exercicio.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

ANEXO I

Productos obxecto de axuda.

1. Os productos que poderán beneficiarse da axuda comunitaria, de acordo co punto 1º do artigo 2 do Regulamento (CEE) 1842/1983, en relación co artigo 14.1º do Regulamento (CE) 1255/1999, serán:

1.1. Categoría I.

a) Leite enteiro pasterizado ou UHT.

b) Leite enteiro chocolateado ou aromatizado, ben pasterizado, ben esterilizado, ou ben UHT, que conteña un mínimo do 90% en peso de leite enteiro.

c) Iogur de leite enteiro.

1.2. Categoría II.

a) Leite semidestonado, pasterizado ou UHT.

b) Leite semidestonado chocolateado ou aromatizado, ben pasterizado, ben esterilizado, ou ben UHT, que conteña un mínimo do 90% en peso de leite semidestonado.

1.3. Categoría III.

Queixos frescos e queixos fundidos cunha porcentaxe de graxa en peso de materia seca igual ou superior ó 40%.

1.4. Categoría IV.

Outros queixos cunha porcentaxe de graxa en peso de materia seca igual ou superior ó 45%.

2. O cálculo da axuda e de cantidade máxima de 0,25 litros de leite previsto no punto 4º do artigo 14 do Regulamento (CE) 1255/1999 e no artigo 4º.1 desta orde, realizarase aplicando as equivalencias seguintes nas categorías III e IV:

2.1. 100 quilogramos de producto de categoría III corresponden a 300 quilogramos de leite enteiro.

2.2. 100 quilogramos de producto de categoría IV corresponden a 765 quilogramos de leite enteiro.

3. A conversión de litros en quilogramos para o cálculo da axuda efectuarase aplicando un coeficiente de 1,03.