Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 24 de abril de 2000 Páx. 6.576

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 10 de abril de 2000 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes de subvencións para a contratación da prestación de servicios públicos a través dos programas de cooperación con entidades locais para o exercicio do ano 2000.

Mediante Orde do 28 de decembro de 1999 (DOG nº 251, do 30 de decembro), a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude regulou as axudas e subvencións para o fomento do emprego polas entidades locais a través dos denominados programas de cooperación, entre os que figuran, no capítulo III, as subvencións para a contratación de servicios públicos con empresas cualificadas como iniciativas de emprego, con centros especiais de emprego ou con empresas de economía social constituídas por mozos ou por desempregados que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional ou por parados de longa duración ou por mulleres.

A necesaria sucesión de trámites administrativos dos expedientes para a cualificación das iniciativas de emprego, dos centros especiais de emprego e para a constitución de cooperativas e de sociedades laborais, allea ás entidades locais, unida ó interese desta fórmula como xeradora de actividade e de desenvolvemento, aconsellan, para optimiza-la eficacia destas axudas cara á xeración de emprego no ámbito local e rural, amplia-lo prazo de presentación de solicitudes, para dar cabida ás iniciativas emprendedoras xurdidas nos tres primeiros trimestres do ano 2000.

Consecuentemente con todo o anterior e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Amplíase ata o 30 de setembro do ano 2000 o prazo de presentación de solicitudes para as subvencións reguladas no capítulo III da Orde do 28 de decembro de 1999, para a contratación de servicios públicos con empresas cualificadas como iniciativas de emprego, con centros especiais de emprego ou con empresas de economía social constituídas por mozos ou por desempregados que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional ou por parados de longa duración ou por mulleres.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude