Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 19 de abril de 2000 Páx. 6.489

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 10 de abril de 2000 pola que se convocan axudas para o desenvolvemento de guións e para a realización de proxectos de producción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores.

A Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, dedica o seu capítulo II ás actividades de fomento do sector audiovisual.

En consonancia co espírito recollido na citada lei, e tendo en conta que á Administración autonómica lle corresponde promover e potencia-lo ensino do audiovisual e das novas tecnoloxías interactivas, así como a actividade profesional no sector audiovisual, considera necesario colaborar na formación de todos aqueles que se inicien neste sector, mediante axudas ó desenvolvemento de guións orixinais e axudas que permitan poñer en práctica as creacións de novos realizadores.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

1. Bases xerais para a concesión das subvencións.

Artigo 1º

Convócanse axudas, mediante réxime de concorrencia competitiva, para apoia-lo desenvolvemento de guións e para a realización de proxectos de producción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores.

Para as mencionadas axudas resérvase a cantidade de 25.000.000 de ptas. que se imputarán ó crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 10.04.353.B 770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Artigo 2º

Poderán optar a estas subvencións:

a) No caso de axudas ó desenvolvemento de guións en lingua galega, as persoas físicas domiciliadas en Galicia que teñan prevista a escritura dun guión para proxectos como os sinalados no artigo 13º.

b) Para a realización de proxectos de producción en lingua galega que incorporen novos realizadores, tanto persoas físicas domiciliadas en Galicia, como productoras audiovisuais e empresas de producción multimedia legalmente constituídas como tales, con domicilio social en Galicia que incorporen para a dirección do proxecto en cuestión un novo realizador. No caso de productoras cinematográficas deberán estar inscritas no rexistro oficial do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais.

Quedan excluídos os solicitantes que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento, así como proxectos

encargados por terceiras persoas e as produccións didácticas e publicitarias.

Ademais, quedan excluídos aqueles solicitantes que, para o mesmo proxecto, xa foran beneficiarios dunha subvención para o desenvolvemento e para a producción audiovisual das convocadas anualmente pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 3º

As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentaranse no rexistro xeral de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nos rexistros das delegacións provinciais, sen prexuízo dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

No caso de persoas físicas xuntarase a seguinte documentación:

a) Alta no IAE.

b) Fotocopia do DNI.

c) Currículum vitae do solicitante.

No caso de persoas xurídicas xuntarase a documentación seguinte:

a) Fotocopia compulsada do DNI do representante ou solicitante e acreditación suficiente da representación que exerza mediante poder notarial debidamente inscrito.

b) Fotocopia compulsada da documentación acreditativa da constitución legal da empresa, do seu domicilio social en Galicia e da súa inscrición no Rexistro Mercantil.

c) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

d) Documentación acreditativa da inscrición no correspondente rexistro de empresas do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais.

e) Documento acreditativo de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

f) Documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou posuí- los dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

Tanto para persoas físicas como xurídicas, declaración de solicitudes efectuadas ou axudas concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas.

Artigo 4º

A esta documentación de carácter xeral engadiráselle a sinalada nas correspondentes bases específicas de cada unha das modalidades de subvención.

Os modelos para a presentación da documentación estarán á disposición dos solicitantes nas delegacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 5º

As solicitudes deberán presentarse, segundo o modelo que figura nos anexos, no prazo de trinta días naturais contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo resultase ser sábado ou festivo, poderase presenta-lo seguinte día hábil.

Artigo 6º

Corresponde ós servicios competentes da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual a instrucción dos procedementos para a concesión das subvencións. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión asesora nomeada polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que estará presidida pola directora xeral de Comunicación Social e Audiovisual e composta polos seguintes vocais:

-Un vocal en representación da CRTVG.

-Dous vocais en representación do sector audiovisual.

-Un vocal en representación das universidades de Galicia.

-Un vocal en representación do Centro Galego de Artes da Imaxe.

-Un vocal da dirección xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

Artigo 7º

A comisión asesora poderá requirir dos solicitantes canta documentación complementaria considere precisa e atenderá para a súa valoración os criterios que figuran respectivamente nos artigos 15 e 20 desta orde.

Os membros da comisión presentarán os seus informes previos dos proxectos, valorando cada criterio en catro niveis: moi favorable (10 puntos), favorable (8 puntos), pouco favorable (6 puntos) e desfavorable (4 puntos), así como a axuda que propoñen para cada proxecto.

A comisión elaborará un informe conxunto sobre os proxectos presentados, á vista do cal a directora xeral de comunicación Social e Audiovisual elevará

a proposta de concesión de axudas, dentro das dispoñibilidades económicas, ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá, poñendo fin á vía administrativa.

Artigo 8º

Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa aceptación. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida.

Artigo 9º

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realiza-las oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de axuda.

De igual maneira o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino de axudas.

Artigo 10º

O pagamento das subvencións realizarase de acordo coas disposicións orzamentarias que lle sexan de aplicación.

Para proceder a calquera pagamento os beneficiarios deberán presentar certificacións acreditativas do cumprimento das obrigacións tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, en concordancia co disposto no artigo 3.g), no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas, supere o 100% do custo total da actividade subvencionada que deberá desenvolve-lo beneficiario.

Artigo 11º

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para instruír expediente sancionador, conforme o previsto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e de actuación administrativa e na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 12º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de catro meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria.

2. Bases específicas para a concesión da subvención:

A) Subvencións para o desenvolvemento de guións en lingua galega.

Artigo 13º

Serán obxecto de subvención ó desenvolvemento de guións os seguintes tipos de proxectos:

a) Longametraxes cinematográficas.

b) Películas para TV.

c) Produccións multimedia.

Non se poderán presentar á presente convocatoria adaptacións de obras preexistentes.

Artigo 14º

Ademais da documentación sinalada no artigo 3º, xuntaranse sete exemplares de:

-Memoria explicativa do proxecto.

-Sipnose argumental e/ou tratamento e borrador do guión, con especificación dos dereitos de autor.

-Declaración subscrita polo solicitante de que o proxecto non foi desenvolvido.

-Documento que acredite, se é o caso, o compromiso dunha producción das sinaladas no artigo 13º

baseada no guión, por parte de empresas de producción audiovisual ou empresas de producción multimedia.

Artigo 15º

A comisión asesora considerará, para a avaliación das solicitudes, os seguintes aspectos:

-Interese do guión e calidade artística (orixinalidade e creatividade do guión).

-Viabilidade da execución do proxecto, unha vez desenvolvido o guión no marco da industria audiovisual galega.

Artigo 16º

A entrega dos guións debe facerse antes do 15 de novembro do presente exercicio orzamentario.

A documentación que integrará a xustificación do desenvolvemento do guión constará de:

-Xustificantes materiais da realización de investimentos.

-Un exemplar do guión definitivo.

Artigo 17º

Nos títulos de crédito da producción resultante, así como en toda a publicidade que dela se faga, farase constar que recibiu unha subvención para desenvolvemento de guións por parte da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

B) Subvencións para á realización de proxectos de producción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores:

Artigo 18º

Serán obxecto de axudas a realización das seguintes produccións audiovisuais:

a) Curtametraxes, as produccións cinematográficas de duración inferior a sesenta minutos.

b) Vídeo-creación, os proxectos que expresen unha clara vontade de experimentación formal.

c) Produccións multimedia, as que conxuguen o emprego de medios informáticos e audiovisuais tanto na súa elaboración como no seu consumo.

As devanditas axudas destinaranse a proxectos que, tendo un orzamento inferior a 10.000.000 de pesetas, incorporen novos realizadores, entendéndose por tales quen á data da presente convocatoria dirixisen menos de tres proxectos de producción audiovisual das características que se especifican anteriormente.

Artigo 19º

Ademais da documentación sinalada no artigo 4 na presente orde, xuntarase a seguinte documentación, en calquera dos idiomas oficiais de Galicia:

Sete exemplares de:

a) Memoria explicativa (2 páx. máximo).

b) Sinopse do proxecto (2 páx. máximo).

c) Guión definitivo da producción.

d) Relación de membros do equipo.

e) Plan de producción con orzamento total del.

f) Plan de financiamento, con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións e documentalmente acreditado.

g) Calendario de investimentos para a execución do traballo.

h) Calquera outra documentación que o solicitante estime pertinente para a mellor defensa do proxecto.

i) Declaración subscrita polo solicitante de ter dirixido menos de tres proxectos á data da convocatoria.

Artigo 20º

A comisión asesora terá en conta para a valoración das solicitudes os seguintes criterios:

-Calidade do proxecto (grao de desenvolvemento, elaboración, axuste entre o proxecto e o orzamento, presentación a outras convocatorias de axudas).

-Utilización de recursos de Galicia (persoal artístico, técnico e servicios instalados en Galicia, así como a rodaxe na comunidade autónoma).

-Viabilidade do proxecto (grao de financiamento garantido, % de axuda solicitada, compromisos de distribución.

-Calidade artística (orixinalidade e creatividade do proxecto).

A contía das subvencións quedará determinada da seguinte forma:

a) Proxectos de curtametraxes: ata o 60% do custo total.

b) Proxectos de vídeo-creación: ata o 60% do custo total.

c) Proxectos de produccións multimedia: ata o 60% do custo total.

Artigo 21º

As produccións subvencionadas deberán axustarse fielmente ó proxecto presentado. Calquera modificación do proxecto ou no equipo técnico e artístico deberá ser notificada á Consellería de Cultura,

Comunicación Social e Turismo, que decidirá o que proceda e adoptará as medidas que considere procedentes.

As productoras subvencionadas deberán comunicar á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a data de iniciación e finalización da rodaxe ou gravación da producción subvencionada, no caso de que estas varíen nas previsións do proxecto.

Artigo 22º

As productoras subvencionadas quedarán obrigadas a presentar un resumo dos investimentos realizados antes do 15 de novembro xustificando o investimento efectuado mediante xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados. Así mesmo, deberán entregar dúas copias da producción resultante á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e un vídeo promocional á Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

Na documentación do proxecto figurarán os títulos de crédito da producción, así como en toda a publicidade que dela se faga, farase constar que a producción recibiu unha subvención á realización de proxectos de producción audiovisual por parte da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 23º

As copias entregadas á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que sempre deberán ser en lingua galega, quedarán depositadas no Centro Galego de Artes da Imaxe da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, para a súa conservación e uso con fins culturais e de promoción do audiovisual galego. Para tal fin, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realizar cantas copias considere precisas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Comunicación Social e Audiovisual para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo