Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 19 de abril de 2000 Páx. 6.482

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 10 de abril de 2000 pola que se convocan subvencións a empresas vinculadas co sector audiovisual para apoia-lo desenvolvemento de proxectos de producción audiovisual en lingua galega, así como a producción audiovisual en lingua galega.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo establece as liñas de apoio ás diversas fases de producción audiovisual, co fin de potencia-la existencia en Galicia dunha auténtica industria audiovisual.

A través das axudas ó desenvolvemento dos proxectos audiovisuais en lingua galega preténdese fomentar unha das fases máis esenciais da producción audiovisual, como é a da posta a punto dos aspectos guionísticos e orzamentarios.

Enténdese por desenvolvemento de proxectos o conxunto de operacións que preceden á fase de producción propiamente dita, a rodaxe dunha obra audiovisual. O devandito concepto inclúe, en particular, a redacción do guión, a procura de socios, a preparación do plan financeiro da producción, e elaboración do plan de márketing e de distribución.

Para certos tipos de producción, considéranse como parte integrante do desenvolvemento da obra a investigación gráfica e a realización dun filme piloto (para as películas de animación), a busca de arquivos (para as produccións que valoren o patrimonio audiovisual europeo) e o desenvolvemento de software específico (para produccións multimedia).

Este procedemento de desenvolvemento culmina propiamente coa fase da producción pola que a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo establece axudas para a producción audiovisual en lingua galega, co fin de fomenta-lo crecemento da industria audiovisual na nosa Comunidade Autónoma.

Por todo isto,

DISPOÑO:

I. Bases xenéricas para a concesión das subvencións.

Artigo 1º

Convócanse subvencións, mediante réxime de concorrencia competitiva, para apoia-la lo desenvolvemento de proxectos de producción audiovisual en lingua galega e a realización de produccións audiovisuais en lingua galega.

As subvencións financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.353B.770 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, nos que existe un crédito para este efecto por un importe de cento cincuenta e catro millóns quinientas mil (154.500.000) ptas.

Para aqueles proxectos que a empresa solicitante considere que teñen carácter plurianual, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá comprometer outras fases de realización dos proxectos, ó amparo do disposto no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 2º

Poderán optar a estas subvencións as productoras audiovisuais e empresas de producción multimedia legalmente constituídas como tales, con enderezo social en Galicia. En todo caso, nas bases específicas determinaranse os requisitos concretos que deben cumpri-los solicitantes para accederen a ambas modalidades.

Quedan excluídos os solicitantes que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento, así como proxectos

encargados por terceiras persoas e as produccións didácticas e publicitarias.

Ademais quedan excluídos aqueles solicitantes que, para o mesmo proxecto, xa foran beneficiarios dunha axuda para a realización de proxectos de producción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores, convocadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 3º

As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentarana no rexistro xeral de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nos rexistros das delegacións provinciais, sen prexuízo dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Tanto para unha como para outra modalidade de axudas, achegarase a seguinte documentación:

a) Copia cotexada do DNI do representante ou solicitante e acreditación suficiente da representación que exerza mediante poder notarial debidamente inscrito.

b) Copia cotexada da documentación acreditativa da constitución legal da empresa, do seu enderezo social en Galicia e da súa inscrición no Rexistro Mercantil.

c) Copia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

d) Documentación cotexada acreditativa da inscrición no correspondente rexistro de empresas do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais.

e) Copia cotexada do documento acreditativo de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

f) Documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuí-los dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

g) Declaración de solicitudes efectuadas ou axudas concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administración públicas.

A esta documentación de carácter xeral engadiráselle a sinalada nas correspondentes bases específicas de cada unha das modalidades de subvención.

Artigo 4º

As solicitudes deberán presentarse, segundo os modelos que figuran nos anexos, no prazo de trinta días naturais contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo resultase ser sábado ou festivo, poderase presentar ó seguinte día hábil.

Artigo 5º

Correspóndelle ós servicios competentes da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual a instrucción dos procedementos para a concesión das subvencións. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión asesora nomeada polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que estará presidida pola directora xeral de Comunicación social e Audiovisual e composta polos seguintes vocais:

-Un vocal en representación da CRTVG.

-Dous vocais en representación do sector audiovisual.

-Un vocal en representación das Universidades de Galicia.

-Un vocal en representación do Centro Galego de Artes da Imaxe.

-Un vocal da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

Artigo 6º

A comisión asesora poderá requirir dos solicitantes canta documentación complementaria considere precisa e atenderá para a súa valoración ós criterios que figuran nos artigos 15º e 21º desta orde, segundo a modalidade de subvención.

Os membros da comisión presentarán os seus informes previos dos proxectos, valorando cada criterio en catro niveis: moi favorable (10 puntos), favorable (8 puntos), pouco favorable (6 puntos) e desfavorable (4 puntos), así como a cantidade de axuda que propoñen para cada proxecto.

A comisión elaborará un informe conxunto sobre os proxectos presentados, á vista do cal, a directora xeral de Comunicación Social e Audiovisual elevará a proposta de concesión de axudas, dentro das dispoñibilidades económicas, ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá poñendo fin á vía administrativa.

Artigo 7º

Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa aceptación. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida.

Artigo 8º

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realiza-las oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de axuda.

De igual maneira o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino de axudas.

Artigo 9º

O pagamento das subvencións realizarase de acordo coas disposicións orzamentarias que lle sexan de aplicación.

Para proceder a calquera pagamento, os beneficiarios deberán presentar certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración Pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 da Lei do decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, en concordancia co disposto no artigo 3 g, no momento de xustificación da execución total do proxecto, e en calquera caso, antes do último pago, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. En ningún caso, o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente o en concorrencia coas concedidas a través de outras administración públicas, supere o 100% do custo total da actividade subvencionada que deberá desenvolve-lo beneficiario.

Artigo 10º

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para instruír expediente sancionador, conforme o previsto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e de actuación administrativa e na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 11º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de noviembre, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas

nesta orde será de catro meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria.

II. Bases específicas para a concesión das subvencións.

A) Subvencións para o desenvolmento de proxectos de producción audiovisual.

Artigo 12º

Serán obxecto de subvención o desenvolvemento dos siguintes proxectos:

a) Longametraxes cinematográficas.

b) Telefilmes.

c) Series de televisión.

d) Produccións multimedia.

e) Documentais.

Os devanditos proxectos terán a consideración que se sinala no artigo 19º.

Artigo 13º

Poderán optar a estar subvencións as productoras audiovisuais e empresas de producción multimedia legalmente constituídas en Galicia e que teñan acordo ou contrato como mínimo, cun guionista para desenvolver algún proxecto dos tipos sinalados no artigo anterior.

Artigo 14º

Ademais da documentación sinalada no artigo 3º da presente orden, achegarase sete exemplares de:

-Memoria explicativa do proxecto.

-Sipnose, tratamento e/o borrador de guión, con especificación da situación dos dereitos de autor correspondentes.

-Orzamento das actividades de desenvolvemento.

Artigo 15º

A comisión asesora considerará, para a valoración das solicitudes, os seguintes aspectos:

-Interese do proxecto e calidade artística (orixinalidade e creatividade del).

-Viabilidade da execución do proxecto unha vez desenvolvido no marco da industria audiovisual galega.

-Axuste entre o proxecto e o orzamento de desenvolvemento, así como a viabilidade do seu financiamento.

Artigo 16º

A contía das subvencións non poderá exceder do 50% do custo total.

Artigo 17º

O proceso de desenvolvemento deberá terminar antes do 1 de novembro do presente exercicio orzamentario.

Na futura documentación do proxecto e nos títulos de crédito da producción resultante farase constar que recibiu unha subvención o seu desenvolvemento por parte da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, da Xunta de Galicia coa súa imaxe corporativa.

Artigo 18º

A documentación que integrará a xustificación do efectivo desenvolvemento do proxecto constará de:

a) Xustificantes materias da realización dos investimentos correspondentes á elaboración do plan de márketing e de distribución, aspectos que, de conformidade coa exposición de motivos, constitúen a fase de desenvolvemento.

b) Un exemplar do guión definitivo.

c) Un exemplar do plan de producción definitivo.

B) Subvencións a producción audiovisual en lingua galega.

Artigo 19º

Para efectos de clasificación dos proxectos, terán a consideración de:

a) Curtametraxes, as produccións cinematográficas de duración inferior a sesenta minutos.

b) Longametraxes, as produccións cinematográficas de duración igual ou superior a sesenta minutos.

c) Vídeo-creación, os proxectos que expresen unha clara vontade de experimentación formal.

d) Telefilmes, películas dirixidas a emisión en televisión.

e) Programas pilotos de series de televisión, os que mostren mediante un capítulo a viabilidade dun proxecto de serie televisiva.

f) Documentales, as produccións informativas dalgún aspecto da realidade sen empregar como principal instrumento a ficción.

g) Producciones multimedia, as que conxuguen o emprego de medios informáticos e audiovisuais tanto na súa elaboración como no seu consumo.

Artigo 20º

Ademais da documentación sinalada no artigo 3º desta orde, achegarase a seguinte documentación, en calquera dos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma.

Sete exemplares:

a) Memoria explicativa (2 páxinas máximo).

b) Sinopse do proxecto (2 páxinas máximo).

c) Guión definitivo da producción.

d) Historial da empresa e relación de membros do equipo.

e) Plan de producción con orzamento total del.

f) Plan de financiamento, con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións e documentalmente acreditado.

g) Calendario de investimento para a execución do traballo, indicando a parte correspondente que se vai executar cada ano no caso de proxectos plurianuais.

h) Calquera outra documentación que o solicitante estime pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Os modelos para a presentación da documentación estarán a disposición dos solicitantes nas delegacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 21º

A comisión asesora terá en conta para a elaboración do informe os seguintes criterios:

-Calidade do proxecto (grao de desenvolvemento, elaboración, axuste entre o proxecto e o orzamento, presentación a outras convocatorias de axuda).

-Utilización de recursos de Galicia (personal artístico, técnico e servicios instalados en Galicia, así como a rodaxe na Comunidade Autónoma).

-Viabilidade do proxecto (grao de financiamento garantida, % de axuda solicitada, compromisos de distribución).

-Capacidade empresarial do solicitante ou grupo de empresas que apoia o proxecto (facturación, proxectos realizados, persoal).

-Calidade artística (orixinalidade e creatividade do proxecto).

Artículo 22

A contía das subvencións quedará determinada da seguinte forma:

1. Proxectos de curtametaxe: ata o 60% do custo total.

2. Proxectos de longametraxe: ata o 40% do custo total.

3. Proxectos de documentais: ata o 60% do custo total.

4. Proxectos de vídeo-creación: ata o 60% do custo total.

5. Proxectos de telefilmes: ata o 40% do coste total.

6. Proxectos de programas pilotos de series de televisión: ata o 50% do custo total.

7. Proxectos de producción multimedia: ata o 60% do custo total.

Artigo 23º

1. As produccións subvencionadas terán que axustarse fielmente ó proxecto presentado. Calquera

modificación no proxecto ou no equipo técnico e artístico deberá ser notificada á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que decidirá o que proceda e adoptará as medidas que considere procedentes.

2. As productoras subvencionadas deberán comunicarlle á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a data de iniciación e finalización da rodaxe ou gravación da producción subvencionada, no caso de que estas varíen respecto das previsións do proxecto.

Artigo 24º

As productoras subvencionadas quedarán obrigadas a presentar un resumo dos investimentos realizados antes do 15 de novembro de cada exercicio económico do que se trate, entregando á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo xustificación do investimento efectuado mediante xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados e, no último ano, ademais da xustificación correspondente, a entrega de dúas copias da producción resultante e un vídeo promocional á Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Nos títulos de crédito da producción, así como en toda a publicidade que dela se faga, farase constar que a producción foi subvencionada pola Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 25º

As copias entregadas á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que sempre deberán ser en lingua galega, quedarán depositadas no Centro Galego de Artes da Imaxe da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, para a súa conservación e uso con fins culturais e de promoción do audiovisual galego. Para tal fin, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realizar cantas copias considere precisas.

Disposicións finais

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Comunicación Social e Audiovisual para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo