Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 19 de abril de 2000 Páx. 6.495

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 17 de abril de 2000 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais referentes á folga convocada pola Confederación Intersindical Galega, na empresa Gestión de Servicios de Emergencia (GSE), na Central de Coordinación da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia 061 de Santiago de Compostela, que terá lugar a partir das 00.00 horas do día 19 de abril de 2000, con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta tanto o persoal de sala como o persoal de datos que desempeña as súas funcións, os primeiros no edificio de usos múltiples da Xunta de Galicia en San Marcos, s/n e os segundos no Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela, que se levará a efecto desde as 00,00 horas do día 19 de abril do 2000 e con carácter indefinido, logo da audiencia ó comité de folga,

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada desde as 00,00 horas do día 19 de abril de 2000 e con carácter indefinido, que afecta o persoal de sala e o persoal de datos da Central de Coordinación da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias en Santiago de Compostela, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos necesarios en adecuada correspondencia cos criterios rectores que se citan neste artigo.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada

cobertura na Central de Urxencias Médicas 061 de Galicia, para evitar que se produzan graves prexuízos irreparables ós cidadáns, que poden afectar incluso á vida das persoas.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos, polas características do servicio dispensado, tendo en conta ademais a duración da folga, de carácter indefinido e que coincide o seu inicio, co período vacacional de Semana Santa, e polo tanto de aumento significativo das chamadas.

Establécense os seguintes servicios mínimos:

-Persoal teleoperador: 100% as 24 horas, tódolos días da semana.

-Persoal de supervisión: 100% durante as 24 horas, tódolos días da semana.

-Persoal radioperador: 100% durante as 24 horas, tódolos días da semana.

-Persoal de datos administrativos: 20% de luns a venres, das 8 ás 15 horas e das 15.30 horas ás 18 horas.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-lo servicio será determinada polo director-xerente, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos centros sanitarios.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2000.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais