Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 19 de abril de 2000 Páx. 6.479

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de abril de 2000 pola que se clasifica como de interese social a Fundación Magistra.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Magistra, con domicilio en Lugo, rúa Mar Cantábrico, 26 , baixo, C.P. 27004 (Lugo).

Supostos de feito.

1. Teresa Carballo Barro, como representante da fundación, en escrito do 2 de febreiro de 2000, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación, foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo, o día 17 de setembro de 1999, ante o notario Mario Alfonso Calvo Alonso, co número 3861 do seu protocolo outorgada pola Asociación Galega de Centro Privados de Formación Ocupacional (ACEFO).

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos é obxecto da fundación e o desenvolvemento e fomento económico galego, e moi en particular a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial.

4. O padroado da fundación estará constituído por José Antonio Pardiñas García como presidente, Teresa Carballo Barro como vicepresidente, Juan Vicente Vázquez Funqueiro como secretario, Carlos Figueroa Dorrego como tesoureiro.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación Magistra, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/92, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 4 de abril de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese social a Fundación Magistra e adscribila á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública