Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 19 de abril de 2000 Páx. 6.478

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de abril de 2000 pola que se clasifica como de interese social a Fundación Inladi.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Inladi, con domicilio na Coruña, rúa Rianxo 6, baixo, C.P. 15009 (A Coruña).

Supostos de feito.

1. Alfonso Pernas Sánchez, como vicepresidente da fundación, en escrito de 25 de febreiro de 2000, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Inladi, foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 7 de febreiro de 2000, ante o notario Ramón González Gómez, baixo o número 614 de protocolo por José Manuel Darriba González, Alfonso Pernas Sánchez, Carmen Felisa Montes López e Francisco Bruno Tudela Guerrero.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos é obxecto da fundación:

a) A integración social e laboral das persoas afectadas de minusvalidez e de colectivos de difícil inserción social e laboral legalmente recoñecidos como tales polas normas vixentes.

b) Fomenta-la creación directa de empresas clasificadas como centros especiais de emprego, prestándolles asistencia técnica e económica para o inicio da actividade ou apoiando a súa xestión para o acceso ás axudas regradas.

4. O padroado da fundación estará constituído por José Manuel Darriba González como presidente, Alfonso Pernas Sánchez como vicepresidente, Carmen Felisa Montes López como secretaria, Francisco-Bruno Tudela Guerrero como tesoureiro.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación Inladi, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 4 de abril de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese social a Fundación Inladi e adscribila á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública