Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 19 de abril de 2000 Páx. 6.479

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2000 pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio entre a Xunta de Galicia e o Consello Evanxélico.

Visto o texto do convenio marco de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Consello Evanxélico de Galicia, que servirá de base para a elaboración de acordos sectoriais sobre diferentes materias entre os distintos organismos e consellerías dependentes de ámbalas dúas insitucións.

Esta consellería

ACORDA:

Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

Reunidos:

Dunha parte o Excmo. Sr. Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia e en representación dela, en virtude do disposto nos artigos 15.1º da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia e da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

E doutra parte, David Rego Fernández, presidente do Consello Evanxélico de Galicia e Eliseo Gómez-Lor Pérez, secretario xeral executivo en vir

tude do disposto nos artigos, 18 e 26, dos estatutos do Consello Evanxélico de Galicia.

Manifestan:

Que a Xunta de Galicia e o Consello Evanxélico de Galicia, como expresión do seu desexo de estableceren unha colaboración nos asuntos de interese común e promoveren a normalización relixiosa na comunidade de Galicia dentro dos parámetros constitucionais, subscriben o presente convenio que servirá de base para a elaboración de acordos sectoriais sobre diferentes materias entre os distintos organismos e consellerías dependentes de ámbalas dúas institucións.

Por todo isto, establécense inicialmente os seguintes acordos referidos as áreas que acontinuación se expresan:

En materia institucional:

-Estableceren unha canle permanenten de diálogo entre ámbalas dúas institucións integrada por parte da Xunta de Galicia polo director xeral de Relacións Institucionais e por parte do Consello Evanxélico polo secretario executivo co fin de coordinar, concretar e supervisa-lo contido do presente convenio e os acordos asinados a nivel sectorial.

-Os representantes celebrarán polo menos unha reunión ó ano para desenvolvemento dos fins propostos.

-A Xunta de Galicia recoñece o Consello Evanxélico de Galicia como referencia válida para solicitaren información, opinión ou comenta-los sucesos relativos ás igrexas evanxélicas de Galicia.

-A representación do Consello Evanxélico terase en conta pola Xunta de Galicia para os efectos protocolarios nos actos organizados por ela, sempre e cando a natureza do acto o requira.

En materia cultural:

-Regula-la participación de representantes da cultura evanxélica galega en actos culturais organizados pola Xunta de Galicia.

-A Xunta de Galicia manifesta a súa disposición a colaborar nos termos que se acorden na conservación do patrimonio histórico e cultural das igrexas e institucións evanxélicas en Galicia.

En materia social:

-Colaborar coa obra social das igrexas evanxélicas de Galicia dentro dos plans autonómicos de axuda social, asistindo, se é o caso, a Xunta de Galicia ás devanditas obras sociais para que poidan cumpri-los requisitos de acreditación esixidos pola Xunta de Galicia.

-Comprometerse a Xunta de Galicia a prestar apoio á obra social evanxélica en Galicia.

-Habilitar acordos entre a Xunta de Galicia e o Consello Evanxélico de Galicia que permitan a participación do voluntariado social e das instalacións

das igrexas evanxélicas galegas para o desenvolvemento das actividades sanitarias ou de interese social.

En materia educativa:

-Facilita-la docencia do ensino relixioso, evanxélico nos centros de ensino públicos, nos niveis de ensino obrigatorio, todo iso sen prexuízo das competencias que nesta materia lle correspondan ó Estado.

-Facilita-la docencia, en concreto os medios materiais necesarios para levala a cabo.

Vixencia:

O presente convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG, e terá vixencia namentras ámbalas dúas partes ou unha delas, non propoña a súa denuncia con non menos de dous meses de antelación á data que se propoña como finalización del.

En sinal de conformidade asinan ámbalas dúas partes o presente convenio por duplicado en Santiago de Compostela, tres de febreiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente da Xunta de Galicia

David Rego FernándezEliseo Gómer-Lor Pérez

Presidente do Consello Secretario xeral do Consello

Evanxélico de GaliciaEvanxélico de Galicia