Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 10 de abril de 2000 Páx. 4.950

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario ó servicio do Concello do Porriño.

Visto o texto do acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario ó servicio do Concello do Porriño, aprobado polo Pleno da Corporación en sesión que tivo lugar o 27-1-2000 e de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño (na súa nova redacción dada pola Lei 7/1990), de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 3 de marzo de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Acordo regulador das condicións de traballo do persoal ó servicio do Concello do Porriño

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

Os acordos que se recollen no presente documento serán de aplicación os funcionarios en activo que prestan servicios no Concello do Porriño e ós xubilados e pensionistas do concello, nas materias que os afecten.

As normas do presente acordo serán de aplicación ó persoal laboral en todo o que sexa compatible co seu especial status xurídico.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

a) Vixencia.

Con independencia da data na que sexa asinado polas partes, aprobado polo Pleno da Corporación e publicado nos diarios oficiais, este acordo terá efectos desde o día 1 de xaneiro de 1999, rematando a súa vixencia o 31 de decembro de 2000.

Non obstante, entenderase prorrogado temporal e accidentalmente ata a entrada en vigor do acordo que o substitúa.

b) Denuncia.

Ámbalas partes conveñen que o acordo poderá ser denunciado dentro dos dous últimos meses de vixencia, por escrito dirixido á outra parte. Se ningunha das partes denuncia o presente acordo, este seguirá en vigor.

Artigo 3º.-Carácter.

O acordo ten un carácter mínimo necesario e indivisible para tódolos efectos, no sentido de que as condicións pactadas constitúen un todo orgánico unitario e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas global e conxuntamente vinculadas á totalidade.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

As melloras establecidas noutras disposicións de carácter xeral, serán de aplicación segundo o principio de norma máis favorable ou condicións máis beneficiosas para os traballadores, sen exclusión de situacións singulares.

Artigo 5º.-Irrenunciabilidade.

Terase por nula ou non feita a renuncia por parte dos traballadores de calquera dos beneficios establecidos no acordo. Así mesmo, considéranse nulos, entendéndose como non disposto e sen ningún efecto calquera acordo, resolución ou cláusula que implique condicións menos beneficiosas para os traballadores do Concello do Porriño.

Artigo 6º.-Aplicación directa.

As partes asinantes do acordo comprométense á súa aplicación directa e a non promover cuestións que puidesen supoñer modificacións das condicións pactadas.

Artigo 7º.-Aplicación preferente.

As disposicións que contén o presente acordo aplicaranse con preferencia sobre calquera outra e, para o non previsto nel, será de aplicación a correspondente normativa vixente do réxime do persoal das administracións públicas.

Artigo 8º.-Exclusión doutros acordos.

Durante o período de vixencia do acordo, non será de aplicación no Concello do Porriño ningún outro acordo colectivo que puidese afectar ou referirse ó mesmo ámbito de aplicación persoal que se recolle no artigo primeiro do presente texto.

Artigo 9º.-Publicidade do acordo.

O concello comprométese a publicar ou facilita-los medios para a publicación do presente acordo regulador, asegurándose que todos e cada un dos traballadores ó seu servicio dispoñan dun exemplar deste texto. Este acordo remitirase á oficina pública á que fai referencia a Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e será de inmediato publicado nos diarios oficiais correspondentes.

Artigo 10º.-Conflictividade laboral.

As partes asinantes do acordo comprométense a utiliza-la vía do diálogo e a negociación antes de adoptar medidas disciplinarias ou actitudes de conflicto colectivo.

Artigo 11º.-Comisión de seguimento e interpretación.

a) Coa función de examinar e resolver cantas cuestións se deriven da interpretación, vixilancia e aplicación do acordo, establécese a creación dunha comisión de seguimento paritaria, con igual número de membros designados pola corporación e os delegados de persoal (tres e tres).

b) A comisión xuntarase en sesións ordinarias e extraordinarias.

As ordinarias celebranse cada tres meses.

As extraordinarias cando se considere oportuno e o solicite algunha das partes, que o poderá facer como máximo no dito período de tres meses en dúas ocasións, sempre que fora debidamente razoada a petición de celebración, ou as veces que se considere necesario se se poñen de acordo ámbalas partes.

Esta comisión constituirase no prazo máximo de 20 días, contados desde o día seguinte ó da entrada en vigor do presente acordo. A relación de membros que a compoñen será comunicada por escrito no prazo de 10 días, a partir da entrada en vigor do presente acordo, á secretaría xeral do concello.

Os acordos tomaranse por unanimidade entre ámbalas dúas representacións, serán recollidos en acta e daráselle a debida publicidade nos taboleiros de anuncios do concello e serán comunicados por escrito a cada funcionario ou traballador pola secretaría xeral do concello, logo da súa ratificación polos órganos municipais correspondentes, se se considerase necesario de acordo coas súas atribucións.

Denunciado o acordo, e ata que se inicien novas negociacións, a comisión de seguimento continuará exercendo as súas funcións.

A comisión de seguimento poderá solicitar do concello a información necesaria relacionada coas cuestións da súa competencia. Os representantes do persoal e do concello na comisión poderán ser asistidos nas xuntanzas por un asesor técnico con voz pero sen voto.

Artigo 12º.-Mediación.

No caso de non chegarse a acordo en canto á aplicación, vixencia ou interpretación do acordo regulador pola comisión de seguimento, o asunto en litixio resolverase nomeando cada unha das partes un mediador, comprometendo a resolución dos ditos mediadores ó obrigado cumprimento por ámbalas dúas partes.

Do que acorden os mediadores daráselle conta o órgano municipal competente para a súa ratificación e execución.

Calendario e xornada laboral

Artigo 13º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo dos funcionarios será de 37,5 horas semanais, agás as horas correspondentes ós días que por lei non sexan computables.

Considerando as especiais funcións da policía local, que debe presta-lo seu servicio ininterrompidamente, incluso domingos e festivos, e como queira que estes últimos, segundo calendario oficial, son como mínimo 14 días ó ano, os policías locais desfrutarán no presente ano 1999 e no 2000 os referidos 14 días, como compensación dos festivos traballadores. Para o efecto, a comisión de seguimento establecerá un calendario.

Artigo 14º.-Horarios laborais.

1. A xornada realizarase preferentemente e sempre que as necesidades do servicio o permitan, de luns a venres, en horario de 8 a 15 horas, establecéndose quendas cando a natureza dos servicios o requiran e sen prexuízo dos horarios que fose preciso fixar, garantíndose a atención necesaria ós servicios municipais que o requiran, tanto en sábados coma en días festivos se fose imprescindible.

2. Os horarios específicos de cada servicio serán establecidos pola Alcaldía, segundo a súa natureza e necesidades, dando conta á comisión de seguimento.

3. Durante a xornada de traballo continuada poderase realizar unha pausa por un período de 20 minutos e na partida de 10 minutos, que se computará como traballo efectivo. Esta interrupción non poderá afecta-la prestación de servicios e só poderá desfrutarse entre as 10 e as 12 horas da mañá, no horario xeral de acordo cos encargados ou xefes inmediatos correspondentes.

4. Considérase tempo efectivo de traballo o comprendido entre a hora de entrada ó posto de traballo e a hora de saída. Así mesmo entenderanse comprendidos dentro da xornada laboral ordinaria os tempos empregados en pausas regulamentarias, desprazamentos e outras interrupcións derivadas do cumprimento das normas de seguridade e hixiene ou da propia organización do traballo.

5. O período de traballo comprendido entre as 22 e as 6 horas, considérase nocturno para tódolos efectos.

6. No referente á posible necesidade de cambio dalgún servicio ou da propia xornada laboral, terase en conta, dentro do posible, a situación persoal do afectado, dando conta ós delegados de persoal.

Artigo 15º.-Calendarios laborais.

1. O calendario laboral normal que rexerá para os funcionarios ó servicio do Concello do Porriño, será o establecido con carácter xeral polos organismos competentes da Administración central, autónoma e local dentro das súas respectivas competencias. Deberá expoñerse nos taboleiros de anuncios unha vez sexan coñecidos oficialmente.

2. Os servicios que pola súa peculiaridade teñan que organiza-lo seu traballo en réxime de quendas ou non admitan o tratamento común en canto ó calendario laboral, axustaranse ós calendarios que estableza o órgano municipal competente, que dará conta ós delegados de persoal e á comisión de seguimento, e serán expostos no taboleiro de anuncios do concello, a ser posible, cunha antelación mínima de 7 días á súa aplicación práctica.

En todo caso, procurarase que as quendas que se establezan sexan igualitarias, evitando discriminacións entre os traballadores. Na medida do posible, as quendas que se establezan dentro de cada servicio ou sección deberán ter carácter rotativo, sempre que non prexudiquen a mellor prestación do servicio.

3. Os calendarios laborais específicos só poderán ser modificados polo órgano municipal correspondente, dando conta ós delegados de persoal e á comisión de seguimento.

Toda modificación deberá facerse pública, a ser posible, cunha anticipación mínima de 7 días á súa aplicación.

Vacacións e licencias

Artigo 16º.-Vacacións.

a) Os funcionarios municipais teñen dereito ó desfrute dun período de vacacións anuais.

Terán unha duración dun mes e desfrutaranse preferentemente entre os meses de xuño e setembro, ámbolos dous incluídos, salvo petición expresa do interesado de desfrutalas fóra dese período, se as necesidades do servicio o permitiran. De non levar un ano de servicio, desfrutaranse en proporción ós días traballados (a razón de 2,5 días por mes ou fracción de mes traballados).

Por norma xeral, as vacacións anuais poderán tamén ser fraccionadas en dous períodos por petición do interesado, sen que o cómputo de ámbalas dúas fraccións poida supera-los trinta e un días, comezando sempre nos días 1 e 16 de cada mes cando as necesidades do servicio o permitan.

Cando por razóns de servicio, motivadas e obxectivadas, algún funcionario ou grupo de funcionarios deban desfruta-lo seu período de vacacións anuais fóra dos meses de preferencia, serán compensados

co desfrute adicional de 2 días laborais de acrecentamento nas súas vacacións.

b) No caso de hospitalización durante o desfrute das súas vacacións, o funcionario terá dereito a que lle sexan compensados os días de internamento e convalecencia correspondentes ás vacacións, con días de descanso.

No caso de que o internamento no centro hospitalario se prolongue durante todo o ano, o desfrute do período vacacional comezará a partir do día seguinte ó da data da alta médica.

Artigo 17º.-Permisos e licencias.

Establécense, con carácter xeral, as seguintes licencias:

-Por matrimonio propio, o funcionario terá dereito a unha licencia de 15 días retribuídos que poderá acumular ó período vacacional.

-Por matrimonio de parentes (ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade), 1 día natural.

-Por xestación, parto ou adopción, o que estableza a lexislación vixente.

-Por enfermidade grave ou morte do cónxuxe ou fillos, 4 días retribuídos.

-Polo nacemento dun fillo, enfermidade grave, accidente ou intervención cirúrxica, ou morte de familiar ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, 2 días cando o suceso se produza na mesma localidade ou 4 días cando se produza en localidade distinta á da residencia do traballador.

-Poderanse conceder licencias para a realización de estudios directamente relacionados coa Administración pública. O funcionario terá dereito ás retribucións de conformidade coa lexislación vixente.

-Por traslado de domicilio habitual, 2 días.

-Para concorrer a exames e demais probas de aptitude ou avaliación de centros oficiais, durante os días da súa celebración, debendo xustifica-la súa asistencia.

-Polo tempo indispensable para o cumprimento inescusable de carácter público en función das súas obrigas municipais, será indemnizado ou compensado de conformidade coa normativa xeral establecida para toda a Administración pública.

-Por acudir a consultas, tratamentos e exploracións de tipo médico, debidamente xustificados.

-Disporase de ata 9 días de permiso ó ano para asuntos persoais, sen xustificación e retribuídos, atendendo sempre as necesidades do servicio, que non poderán acumularse ó período vacacional ou calquera outro tipo de licencia ou permiso. No caso de que se deneguen, por necesidades do servicio, total ou parcialmente, desfrutaranse durante os primeiros 15 días do ano seguinte.

A concesión de licencias ou permisos corresponderalle ó alcalde presidente do concello ou persoa en quen delegue.

A non contestación despois dos 10 días da solicitude correspondente, entenderase para o solicitante que existe a concesión do permiso ou licencia.

Asistencia sanitaria

Artigo 18º.-Subvencións sanitarias.

O concello subvencionará ós traballadores e beneficiarios legais, con cargo á partida de melloras sociais, as próteses dentarias, de visión, auditivas, de fonación e ortopédicas non incluídas na Seguridade Social e prescritas por facultativo, nas contías que se determinen con criterios obxectivos e que se regularán nas bases de execución do orzamento, segundo dispoñibilidades deste. En todo caso darase conta previamente ós delegados de persoal.

Melloras sociais, asistenciais e profesionais

Artigo 19º.-Subvencións de estudios.

O concello subvencionará os gastos de estudios que realicen os traballadores municipais en activo, e os seus fillos. As subvencións serán de carácter fixo, acordes co nivel para o que se solicita a axuda, para o curso escolar 1999-2000, nas seguintes contías:

-Preescolar: 10.000 ptas.

-Primaria: 15.000 ptas.

-ESO, BUP, FP: 24.000 ptas.

-Universidade: 50.000 ptas., ou en proporción segundo o número de materias nas que se matricule.

Artigo 20º.-Anticipos.

Os traballadores terán dereito a percibir anticipos dunha ou dúas mensualidades das retribucións percibidas.

Os anticipos que se concedan non devengarán ningún xuro e serán reintegrados en 16 mensualidades.

Artigo 21º.-Asistencia xurídica.

O concello garantirá a prestación de asistencia xurídica especializada a tódolos traballadores que a precisen por razóns de conflictos con terceiros derivados da prestación do servicio. Así mesmo, o concello asumirá as posibles responsabilidades civís que puideran derivarse da prestación do servicio dos traballadores, agás nos casos de neglixencia moi grave debidamente probada.

Artigo 22º.-Incapacidade laboral.

O concello asegurará a percepción do 100% das retribucións básicas e complementarias ós funcionarios en situación de baixa por enfermidade ou accidente (debendo xustificarse tal situación mediante o corresponden parte facultativo), durante os seus primeiros meses, e a partir deste período a totalidade das retribucións básicas e o 75% das

retribucións complementarias, entendéndose neste caso e no anterior, que as complementarias son as de carácter fixo, é dicir, o complemento de destino e o complemento específico.

Este dereito corresponde ó funcionario transcorridos os seis meses e ata que sexa dado de alta ou declarada a súa invalidez e resolva o INSS o expediente sobre ela.

Artigo 23º.-Diminución da capacidade.

Os traballadores municipais que teñan ou vexan diminuída a súa capacidade física ou psíquica para o traballo que realizan, por razóns de idade, accidente, enfermidade, etc., terán dereito a ser trasladados a postos de traballo de segunda actividade. Atenderase preferentemente os pedimentos de traballadores maiores de 55 anos.

Selección do persoal, provisión de postos de traballo

Artigo 24º.-Da selección dos funcionarios.

A selección dos funcionarios deberá realizarse de acordo coa oferta de emprego público, mediante convocatoria pública a través do sistema de concurso, oposición ou concurso oposición libre, nos que se garantan en todo caso os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.

O concello comprométese a convocar a través de concurso-oposición as prazas de interinos nun prazo máximo de 3 anos, manifestando a intención de acurta-lo devandito prazo na medida que sexa posible.

Para potencia-lo emprego do idioma galego no concello do Porriño e garanti-lo dereito dos administrados ó uso do galego nas súas relacións coa Administración pública, nas convocatorias que se realicen para o acceso ás prazas, valorarase o coñecemento do idioma galego ou incluirase unha proba de carácter voluntario sobre el.

Artigo 25º.-Do fomento da formación do persoal.

O concello fomentará a formación do persoal ó seu servicio. Para isto facilitará a realización de estudios, asistencia a cursos, congresos, etc., logo da consideración de idoneidade precisa.

O concello deberá aboar, logo de xustificación documental, as indemnizacións establecidas con carácter xeral para a Administración pública pola realización dalgún curso ou por asistir a calquera acontecemento relacionado coa súa actividade profesional.

Réxime disciplinario

Artigo 26º

O órgano competente do concello comprométese a esgota-la vía do diálogo e da información reservada antes da iniciación de expediente disciplinario a calquera funcionario.

Os delegados sindicais serán informados de calquera expediente disciplinario que se incoe contra os funcionarios do concello por falta moi grave, tanto na fase de instrucción como na de resolución deste.

Retribucións

Artigo 27º.-Normas comúns.

Os funcionarios do concello só serán remunerados segundo os conceptos e contías que se determinan no presente acordo, de conformidade coa lexislación vixente.

De acordo co anterior, non poderán participar na distribución de fondos de ningunha clase, nin percibir remuneracións distintas das previstas na lexislación vixente.

A ordenación do pagamento de gastos do persoal terá preferencia sobre calquera outro que deba realizarse a conta do orzamento anual do concello.

As retribucións dos funcionarios ó servicio do concello teñen carácter público, e, polo tanto, logo de solicitude e correspondente autorización, poderán ser coñecidas. A súa contía será a que figure nos orzamentos anuais do concello.

As cantidades que perciba cada funcionario polo complemento de productividade serán de coñecemento público, tanto dos demais funcionarios do concello como dos representantes sindicais.

Artigo 28º.-Conceptos retributivos.

As retribucións que poden percibi-los fucnionarios do concello son básicas e complementarias, de acordo coas disposicións contidas no presente acordo e segundo o establecido no R.D. 861/1986 e Lei 49/1998, de orzamentos xerais do Estado para 1999.

A) Son retribucións básicas.

-O soldo e os trienios que correspondan ó grupo no que se atope clasificado o corpo ou escala ós que pertenza o funcionario.

-As pagas extraordinarias, que serán dúas o ano, polo importe, cada unha delas, dunha mensualidade de soldo e trienios, devengándose de acordo co previsto no artigo 33 da Lei 33/1987. Cando o funcionario prestase unha xornada de traballo reducida durante os seis meses inmediatos anteriores ós meses de xuño ou decembro, o importe da paga extraordinaria experimentará a correspondente reducción proporcional.

B) Son retribucións complementarias.

-O complemento de destino correspondente ó nivel do posto de traballo que ocupe.

-O complemento específico está destinado a retribuí-las condicións particulares dalgúns postos de traballo en atención á súa especial dificultade técnica, dedicación, incompatibilidade, responsabilidade, perigosidade ou penosidade. En ningún caso

poderá asignarse máis dun complemento específico a cada posto de traballo, aínda que ó fixalo poderán tomarse en consideración conxuntamente dúas ou máis condicións particulares mencionadas que poidan concorrer nun posto de traballo.

Estes complementos de destino e específico poderán ser adecuados cando se considere necesario para asegurar que as cantidades asignadas a cada posto de traballo garden a relación procedente co contido da especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, perigosidade ou penosidade deste, de conformidade co establecido nos artigos 20.3º, 22.1.a), 26.1º.D) e 23 da Lei 49/1998, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 1999.

-O complemento de productividade destinado a retribuí-lo especial rendemento, actividade extraordinaria e o interese e iniciativas cos que o funcionario desempeña o seu traballo.

-Gratificacións. Correspóndelle ó Pleno da Corporación determinar no orzamento a cantidade global destinada á asignación de gratificacións ós funcionarios. Correspóndelle ó alcalde presidente da corporación a asignación individual. Estas gratificacións terán carácter excepcional e soamente poderán recoñecerse por servicios extraordinarios prestados fóra da xornada de traballo, sen que en ningún caso poidan ser fixas na súa contía nin periódicas no seu devengo.

-Axuda familiar. Será a establecida con carácter xeral para toda a función pública.

Disposicións adicionais

Primeira.

a) Ó amparo do establecido no artigo 22.2º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública en Galicia, o Pleno da Corporación acordará no prazo de seis meses, a creación do rexistro de persoal no que se anotará o persoal ó servicio do concello e no que se anotarán preceptivamente tódolos actos que afecten a súa vida administrativa.

b) O rexistro de persoal do concello estará coordinado co rexistro das administracións autonómica e central.

c) Na documentación individual do persoal non figurará ningún dato relativo á súa raza, relixión ou opinión.

d) O persoal terá libre acceso ó seu expediente individual.

Segunda.-O concello elaborará un catálogo con valoración de postos de traballo (VPT) durante o ano 2000. Se por calquera circunstancia o devandito catálogo de VPT non estivese elaborado para o orzamento do ano 2000, subiríase un punto a aqueles niveis que o admitisen.

Terceira.-Co obxectivo da súa posta en práctica para os orzamentos do ano 2000 encargaranse os seguintes estudios:

a) Sobre fondo de pensións: establecéndose como premisa a achega fixa por parte do concello dunha cantidade igual para tódolos empregados e cada beneficiario, cando menos, achegará a mes cantidade con liberdade de acrecentar a título persoal as súas cotas.

b) Sobre seguros de accidentes, morte natural e responsabilidade civil.

Unha vez se dispoña dos estudios sobre as materias anteriores farase proposta para discutir cos delegados de persoal.

Cuarta.-Acórdase valida-las retribucións percibidas do orzamento de 1992, respecto ós dez empregados públicos ós que se refire a sentencia do recurso contencioso-administrativo nº 01/85/93 unha vez pactada a nova clasificación dos postos de traballo correspondente ó orzamento de 1999 na mesa de negociación sindical.

ANEXO

1. Roupa de traballo:

Para os efectos da protección persoal do traballador, o Concello anualmente entregará a roupa que se detalla, en dúas entregas durante os meses de abril e outubro.

Persoal de obras e servicios:

Mes de abril: chaqueta curta e pantalón, un par de botas e un par de guantes.

Mes de outubro: unha funda, un par de botas de auga, un par de guantes e un traxe de augas.

Persoal de limpeza:

Mes de abril: chaqueta curta e pantalón, un par de botas e dous pares de guantes.

Mes de outubro: unha funda, un par de botas de auga, dous pares de guantes e un traxe de augas.

Policía local:

Mes de abril: un pantalón, dúas camisas de manga curta, un par de zapatos, tres pares de calcetíns e unha gorra.

Mes de outubro: dous pantalóns, dúas camisas de manga longa, un par de botas, unha gorra, un par de guantes, un xersei e unha gravata.

Bianualmente: unha chaqueta e un anorak completo.

A deterioración, debidamente xustificada, dalgunha das pezas de roupa, será reposto o máis inmediatamente posible.

2. Retribucións:

A) Retribucións taxadas.

As contías do soldo, trienios e complemento de destino corresponderanse coas establecidas polo Goberno para os funcionarios públicos para o ano 1999.

B) Complemento de destino.

Incrementaranse os niveis dalgúns postos de traballo con obxecto de adecualos ó disposto no R.D. 861/1986 (modificado polo R.D. 158/1996) e atende-las peticións sindicais:

Posto de traballoNivel antigoNivel novo

Escala Administración xeral:-Técnico Admón. xeral-xefe sección 24 26-Administrativo 18 19-Auxiliar xefe de grupo 16 17-Auxiliares 14 16

Escala de Administración especial:-Enxeñeiro técnico O.P. 22 24-Arquitecto técnico 22 24

Policía municipal:-Cabos 16 18-Gardas 14 16-Auxiliares 12 14

Persoal de oficios:-Axudantes O. e S.: conductor 12 14

C) Complemento específico.

O complemento específico, unha vez actualizado segundo o disposto no parágrafo primeiro, con carácter singular e excepcional incrementarase en seis postos de traballo como adecuación retributiva singular por ser necesario para asegurar que as asignadas a cada posto de traballo garden relación co contido de especial dificultade técnica, dedicación e responsabilidade, nos termos admitidos polos artigos 20.tres, 22.un.a) e 26.un.D) da Lei 49/1998, do 30 de decembro. A memoria do orzamento municipal para o exercicio de 1999 establece os fundamentos e contidos desta modificación excepcional e singular, que se traduce nos incrementos seguintes:

Unitario anual Total

5 xefaturas de negociado120.000 ptas.600.000 ptas.

1 enxeñeiro técnico de O.P. 600.000 ptas.600.000 ptas.

D) Complemento de productividade.

O complemento de productividade queda fixado de xeito provisional e tendo en conta o disposto no artigo 26.un.E) da Lei 49/1998, do 30 de decembro, dos orzamentos xerais do Estado para 1999 e artigo 5 do R.D. 861/1986.

Con efectos do 1 de xaneiro de 1999 abonarase un complemento de productividade (C.P.) mensual que terá o carácter da conta da correspondente liquidación semestral; o dito complemento incrementará o que actualmente se estivera percibindo segundo o catálogo de postos de traballo aprobado en 1992. Estas cantidades terán carácter transitorio ata a aprobación do catálogo de postos de traballo como consecuencia do estudio de valoración de postos de traballo. Quedan excluídos deste acordo aqueles postos de traballo que teñen un C.P. especialmente sinalado nas bases de execución do orzamento.

Todo isto sen prexuízo das facultades da Alcaldía respecto a outras asignacións para este complemento.

Incrementos anuais do C.P.:

Administrativos: 162.513 ptas.

Auxiliar administrativo: 120.735 ptas.

Subalternos: 177.357 ptas.

Operario colexios: 177.357 ptas.

Cabo policía municipal: 157.431 ptas.

Policía municipal: 156.431 ptas.

Auxiliar policía municipal: 143.176 ptas.

Oficial encargado de augas: 177.356 ptas.

Oficial encargado de obras e servicios: 177.356 ptas.

Chofer: 177.356 ptas.

Operario: 177.356 ptas.

Aplícase este complemento o seu equivalente, seguindo os mesmos criterios, ó persoal laboral do cadro.

O complemento da policía municipal verase incrementado en 42.850 ptas. anuais.

3. Horas extras.

O valor da hora extra será o que se establece na seguinte escala:

Nivel 12: 1.200 pesetas.

Nivel 13: 1.300 pesetas.

Nivel 14: 1.400 pesetas.

Nivel 16: 1.500 pesetas.

Nivel 18: 1.600 pesetas.

Nivel 20: 1.800 pesetas.

Nivel 22: 2.000 pesetas.

Nivel 24: 2.200 pesetas.

Nivel 26: 2.300 pesetas.

Nivel 28: 2.400 pesetas.

Nivel 30: 2.500 pesetas.

Cando a realización de horas extras sexa en día festivo, os valores anteriores incrementaranse nun 30%. Se a realización de horas extras está comprendida no período nocturno (entre 22 e 6 horas) incrementaranse nun 30%.

4. Indemnizacións.

A policía municipal por cada comparecencia nos xulgados por asuntos relacionados co exercicio das súas funcións percibirá, en concepto de indemnización, 3.000 ptas. por cada comparecencia, sempre

que a dita comparecencia teña lugar en horas libre de servicio.

O Porriño, 17 de decembro de 1999.

Polo concello:

César Moreira Crego.

Rey Núñez.

Delegados de persoal:

Pires Bouzón.

Feijóo González.

Cruces González.

González Gil.

Representantes:

Guerra García (CIG).

Arellano Guiance (CSI-CSIF).