Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 05 de abril de 2000 Páx. 4.712

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 30 de marzo de 2000 pola que se dictan normas para garanti-lo mantemento dos servicios esenciais nos Servicios de Defensa contra Incendios Forestais, Medio Ambiente Natural e Montes e Industrias Forestais da Consellería de Medio Ambiente, durante a folga convocada para os días 6 de abril, 4 de maio e 1 de xuño de 2000.

O exercicio do dereito de folga na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais, de acordo co Decreto 155/1988, do 9 de xuño, o que significa, tal como declarou o Tribunal Constitucional, que o dereito da comunidade a estas prestacións vitais é prioritario respecto do dereito á folga, se ben esta prioridade necesita ser contrastada en cada situación de folga e sometida ó principio de proporcionalidade dos sacrificios impostos ós folguistas e ós beneficiados polo servicio, no que atinxe ós dereitos fundamentais, as liberdades públicas e os bens constitucionais protexidos.

A central sindical Converxencia Intersindical Galega (CIG), mediante escrito de data 8 de marzo de 2000, comunica a convocatoria de folga nos Servicios de Defensa contra Incendios Forestais, Medio Ambiente Natural e Montes e Industrias Forestais da Consellería de Medio Ambiente, no ámbito de toda a Comunidade Autónoma, precisando que afectará a tódolos traballadores dos ditos servicios e que se levará a cabo entre as 00 e e as 24 horas dos días sinalados.

O mencionado Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se dictan normas para garanti-la prestación dos servicios esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma, por unha parte establece que terán a consideración de servicios esenciais, entre outros polo que respecta ós prestados por esta consellería en

relación coa sinalada convocatoria de folga, os de vixilancia e extinción de incendios; mantemento de edificios, bens e instalacións públicas (artigo 2º); e por outra, faculta o conselleiro competente por razón dos ditos servicios esenciais afectados para que, mediante orde, determine, oído o comité de folga, o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación (artigo 3º).

A motivación da concreta determinación do mínimo de actividade e da fixación do persoal preciso para asegura-lo mantemento dos servicios esenciais prestados por esta consellería afectados pola presente convocatoria de folga, e que se contén nesta orde, é, respecto a cada un de eles, atendendo ás funcións que establece o Decreto 293/1997, do 1 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da escala de axentes forestais, é a seguinte:

-Nos distritos forestais, nos que se reflicten, entre outras, as competencias encomendadas ós Servicios de Defensa contra Incendios Forestais, a imprevisibilidade do feito causante da prestación do servicio esencial de defensa contra incendios e a indeterminabilidade das súas consecuencias en canto a vidas e facendas, ante o que sería de aplicación plenamente e sen posibilidade de restricción ningunha o principio de que salus populi maxima lex esto se sucedera que fora mester, obviamente a xuízo dos responsables do servicio, a utilización do total dos efectivos de que se dispón.

-Nos Servicios de Montes e Industrias Forestais, a realización de funcións de vixilancia de bens e instalacións públicas dependentes dos ditos Servicios.

-Nos Servicios de Medio Ambiente Natural, a realización de funcións de vixilancia e mantemento de edificios, bens e instalacións públicas, entre os que deben considerarse incluídos aqueles bens de dominio público ós que a Lei 7/1992, de pesca fluvial de Galicia, define como augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo iso, de conformidade e en uso das atribucións que me confire o Decreto 155/1988, de 9 de xuño, e oído o comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O mínimo de actividade e o persoal preciso para asegura-lo mantemento dos servicios esenciais prestados por esta consellería afectados pola folga convocada para os días 6 de abril, 4 de maio e 1 de xuño de 2000 é o seguinte:

Distritos forestais.

-Na cabeceira de cada un dos distritos:

Un axente forestal con funcións no ámbito da defensa contra incendios forestais.

-En cada unha das comarcas forestais:

Un axente forestal con funcións no ámbito da defensa contra incendios forestais.

No caso de que durante os días de folga se producisen incendios que, a xuízo dos responsables do servicio, obrigasen a adoptar medidas complementarias ás adoptadas co persoal previsto como mínimo, este poderá elevarse ata o cen por cento.

Servicios de montes e industrias forestais.

-Viveiros forestais e instalacións afíns:

Un axente forestal responsable de cada instalación, de se-lo caso.

Distritos dos servicios de medio ambiente natural.

-En cada unha das súas comarcas:

Un axente forestal con funcións no ámbito da vixilancia das augas continentais da Comunidade Autónoma e do seu uso sociorecreativo, espacios naturais protexidos e instalacións.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio se é o caso, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será feita polos respectivos delegados provinciais da Consellería de Medio Ambiente e publicada nos taboleiros de anuncios de cada centro de traballo.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2000.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente