Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 05 de abril de 2000 Páx. 4.689

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 15 de marzo de 2000 pola que se regula a concesión de axudas económicas en materia de mellora do medio rural.

O desenvolvemento rural moderno esixe accións dirixidas a unha transformación integral co obxectivo fundamental de eleva-las condicións de vida da poboación rural mediante unha mellor dotación de servicios ou equipamentos que, actuando sobre os núcleos urbanos, parroquias e lugares, reduza desigualdades, acompañe as políticas de mercado e mellore o benestar social da poboación rural de cada zona. Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convocar axudas económicas e técnicas para obras que se executen coa finalidade de mellora-lo hábitat rural.

Artigo 2º

Os beneficiarios destas axudas serán os concellos e entidades locais menores no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º

As accións que intenten beneficiarse das axudas previstas nesta orde deberán contribuír ó equipamento de servicios, á conservación dos núcleos rurais e o seu contorno ou á modernización de infraestructuras do medio rural.

Artigo 4º

As axudas previstas na presente orde serán incompatibles con calquera establecida por outras administracións públicas para o mesmo fin, agás no caso de accións que pola súa singularidade, en canto ó seu alcance e as súas repercusións, así o requiran.

Artigo 5º

As axudas concederanse por un máximo do 65% do orzamento admitido, por parte da consellería, para a realización das accións e cun límite xeral de dez millóns de pesetas (10.000.000 de ptas.). Non obstante, naquelas accións ás que poida atribuírse unha importancia excepcional para o medio rural, xustificada na proposta e cunha elevada repercusión económica, social ou territorial, poderanse supera-los ditos límites.

Artigo 6º

Os límites subvencionables, en función das características das obras, serán:

-Ata un 65%, do orzamento admitido, para as obras novas con carácter demostrativo ou con connotacións innovadoras e que comporten un alto grao de utilización e repercusión na poboación rural.

-Ata un 50%, do orzamento admitido, para as obras novas de infraestructura, dotacións e equipamento.

-Ata un 40%, do orzamento admitido, para a mellora de obras existentes e outras non incluídas nos puntos anteriores.

Artigo 7º

En ningún caso a acumulación de axudas para a realización da acción poderá excede-lo orzamento admitido pola consellería.

Artigo 8º

As solicitudes, conforme o modelo anexo á presente orde, presentaranse nas delegacións provinciais da consellería ou por calquera dos procedementos sinalados no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, debendo ir acompañadas para a súa tramitación de:

1. Proxecto técnico da acción que se vai realizar, redactado por técnico competente e contendo: memoria descritiva, anexos, orzamento detallado e planos.

2. Escrito de designación dun técnico competente como director das obras.

3. Declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto e as distintas administracións públicas.

4. Esixirase, ademais, a certificación do acordo ou a documentación acreditativa correspondente na que consten as seguintes circunstancias:

a) Decisión de realiza-la mellora.

b) Solicitar da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria os auxilios obxecto da presente orde.

c) Contribuír financeiramente coa cantidade non cuberta pola subvención.

d) A autorización ó alcalde ou presidente, segundo proceda, para solicita-la axuda e, se é o caso, acepta-la resolución e percibi-la subvención correspondente.

e) A dispoñibilidade dos terreos e permisos que poidan derivarse da realización da acción.

f) Compromiso de manter e conserva-las obras trala súa recepción.

Artigo 9º

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º

A concesión das subvencións, mediante resolución do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, comunicarase a tódalas entidades beneficiarias. A aceptación da subvención deberá efectuarse por escrito e no prazo de dez días contados a partir da recepción da resolución. Contra a resolución, que pon fin á vía administrativa, caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Transcorridos catro meses, contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sen que recaese resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 11º

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º

Os beneficiarios deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino de axudas.

Artigo 13º

O prazo de execución das accións subvencionadas finalizará o 31 de outubro de 2000.

Artigo 14º

A certificación final das obras realizadas será efectuada polo técnico municipal ou o designado para o efecto pola entidade local menor, segundo corresponda.

A recepción das obras, previa ó pagamento da subvención, comunicarase á consellería e deberá contar, en todo caso, coa participación e aprobación dun técnico dela designado para o efecto.

Tanto a certificación final como a acta de recepción deberán estar en poder da consellería antes do 15 de novembro de 2000, debendo vir acompañadas dunha declaración, á data da certificación final, do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, todo isto como requisito ineludible para a aprobación do pagamento da liquidación correspondente.

Artigo 15º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, cando se lle solicite, poderá colaborar tecnicamente e de forma gratuíta na redacción de proxectos, estudio de orzamentos e programación dos investimentos correspondentes ás solicitudes de axuda.

Artigo 16º

Para a valoración obxectiva das accións e a concesión das axudas, teranse en conta os seguintes criterios:

1. Características rurais do núcleo ó que afecta.

2. Limitacións económicas do solicitante para a execución.

3. Repercusión sobre a poboación da contorna e a mellora da súa calidade de vida.

4. O carácter demostrativo e innovador da proposta.

5. Número de beneficiarios afectados coa acción.

Artigo 17º

A concesión destas axudas realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.422D.760.0, denominada Plan de Mellora Rural, e por unha contía máxima de cincocentos millóns de pesetas (500.000.000 de ptas.).

Disposición derradeira

Autorízase o director xeral de Desenvolvemento Rural para dictar, no ámbito da súa competencia, as normas necesarias para o desenvolvemento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria