Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 05 de abril de 2000 Páx. 4.692

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 22 de marzo de 2000 pola que se regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás corporacións locais encamiñadas a dotación de equipos para o desenvolvemento dos medios de comunicación municipais.

A Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, co fin de que as corporacións locais teñan cobertura radiofónica de carácter local que facilite ós cidadáns uns medios de comunicación que amplíen o marco da pluralidade informativa, vén establecendo con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma unha liña de subvencións de capital.

A concesión de subvencións e axudas con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega deberán someterse ó cumprimento dos requisitos de publicidade, concorrencia e obxectividade, a teor do sinalado no artigo 78.1º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, o que esixe a realización na correspondente orde reguladora, así como a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que me atribúen os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e de seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual poderá conceder subvencións encamiñadas á dotación de equipos para o desenvolvemento dos medios de comunicación municipais ás corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia, ata o límite sinalado no artigo noveno desta orde.

Artigo 2º

O obxectivo é incentiva-la iniciativa local para a dotación de estudios e equipamento de sistemas de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia.

Artigo 3º

1. Poderán ser beneficiarios dunha subvención, en réxime de concorrencia competitiva, as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que solicitasen ou soliciten a concesión do servicio de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia para emisoras municipais.

2. As solicitudes de subvención serán formuladas polo presidente da entidade local respectiva, segundo o modelo que se xunta como anexo ça presente orde, e a ela uniranse os seguintes documentos:

a) Memoria descritiva dos investimentos que se van realizar.

b) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes. Estas subvencións serán compatibles coas que poidan conceder outras administracións públicas, sempre que o importe das subvencións concedidas, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o custo total do investimento que se vai realizar.

c) Orzamento ou valoración económica das actuacións para as que se solicita a subvención, con indicación da cantidade que se pide como axuda.

d) Compromiso de dotación orzamentaria suficiente para o mantemento do servicio.

3. As peticións de subvención presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo (edificio administrativo nº 3 de San Caetano, Santiago de Compostela), ou nos das súas delegacións provinciais. Tamén se poderán remitir en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

4. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º

As solicitudes presentadas serán tramitadas polo servicio competente da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

Para a valoración das peticións, teranse en conta os seguintes criterios:

-O fomento dos valores e da identidade cultural e social de Galicia e, en especial, o emprego do galego na programación.

-Horario de emisión, porcentaxe de producción propia e porcentaxe de programas informativos, culturais ou educativos.

A resolución de concesión de subvencións será adoptada polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo. A dita resolución pon fin á vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer, no prazo de dous meses desde a súa notificación, recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 5º

A resolución respecto da presente liña de subvencións realizarase dentro dos 3 meses contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. Esgotado o devandito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente polo silencio administrativo, poden

do interporse recurso de reposición potestativo previo ó recurso contencioso-administrativo.

Artigo 6º

Os concellos ós que se lle conceda unha subvención ó amparo do disposto nesta orde, estarán obrigados a efectua-lo investimento que serviu de base para a concesión, debendo xustificalo antes do 30 de setembro mediante certificación do secretario da corporación local de que se trate, onde se recolla o acordo tomado polo órgano competente, aprobando as facturas correspondentes ó obxecto da subvención.

A dita certificación será requisito necesario para proceder ó pagamento da subvención.

Así mesmo, en concordancia co disposto no artigo 3.2º b), no momento da xustificación da execución total do proxecto e en calquera caso antes do derradeiro pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas e concedidas coma as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos organismos, entes ou sociedades.

Artigo 7º

A Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual poderá realiza-las inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegura-lo cumprimento das normas e requisitos cos que se concederon as subvencións.

De igual xeito, o beneficiario estará obrigado a facilitar toda información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 8º

1. As entidades receptoras das subvencións quedarán obrigadas:

a) A non altera-lo destino da subvención.

b) A admiti-las inspeccións e o control que estableza a Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

c) A efectua-la xustificación do gasto na forma preceptuada, facultándose a citada dirección xeral para determina-lo correcto cumprimento desta esixencia.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa determinante da revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, da subvención percibida e dos intereses de demora correspondentes.

Artigo 9º

As subvencións que se concedan en execución da presente orde, faranse efectivas con cargo á aplicación 10.04.361.A 760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2000, nos que existe

un crédito para este efecto por importe de 15.000.000 de pesetas.

Disposición derradeira

Nos aspectos non contidos na presente orde, rexerá o disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo