Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 03 de abril de 2000 Páx. 4.518

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 7 de marzo de 2000 pola que se regulan as axudas a mozos e mozas para a realización de cursos de idiomas en calquera dos estados membros da Unión Europea.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, como órgano da Administración autonómica responsable do exercicio das competencias e funcións en materia de políticas activas de xuventude, entende que para facilita-la formación da xuventude e acada-la súa autonomía persoal, é fundamental promove-lo coñecemento de idiomas dos países da Unión Europea por ser este ámbito xeográfico unha ampliación da nosa sociedade e, polo tanto, unha ampliación das posibilidades onde acada-la integración e a autonomía persoal da nosa xuventude.

Así mesmo, a formación en idiomas estranxeiros configúrase como un obxectivo instrumental que dota de operatividade a función de fomento e promoción

de intercambios e mobilidade de mozos e mozas con países estranxeiros, competencia desta consellería a través das funcións atribuídas á Dirección Xeral de Xuventude no artigo 8.2º do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude (DOG nº 12, do 20 de xaneiro de 1998).

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca anualmente unha liña de subvencións similares ó obxecto desta orde e dirixido ós estudiantes que estean matriculados nalgún centro universitario. Para cubri-lo colectivo da xuventude que non cumpre este requisito excluínte, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude entende que para dar igualdade de oportunidade a tódolos mozos e mozas, os destinatarios desta orde de subvencións deben ser aqueles que non estean matriculados nun centro universitario.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas para os mozos e mozas que reúnan os requisitos e condicións establecidos na presente orde, interesados en realizar un curso de idiomas nun Estado membro da Unión Europea.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude financiará as anteditas axudas con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 cunha contía máxima de 15.000.000 de pesetas.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán solicita-las axudas tódalas persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter 18 o máis anos e menos de 30.

b) Ter fixada a súa residencia en Galicia.

c) Realizar un curso de idiomas en calquera dos estados membros da Unión Europea cunha duración igual ou superior a dúas semanas, no período comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2000.

d) Non estar matriculado no curso académico 1999/2000 en ningún centro universitario.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, segundo o modelo anexo I desta orde, presentaranse no rexistro da Consellería de

Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dirixidas á Dirección Xeral de Xuventude, sita no edificio administrativo San Caetano, sen número, código postal 15771, en Santiago de Compostela; ou ben en calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia do DNI e NIF do solicitante.

b) Fotocopia compulsada da declaración do IRPF correspondente ó exercicio do ano 1998 da unidade familiar ou documento acreditativo da axencia tributaria de non estar suxeito á declaración ante Facenda.

c) Orixinal ou fotocopia acreditativa do programa do curso de idiomas no que desexa participar, así como do período, localidade e Estado membro da Unión Europea no que se vai realizar.

d) Certificación acreditativa da residencia do solicitante.

e) Fotocopia compulsada do Libro de Familia Numerosa, se é o caso.

f) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o código conta cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco ou caixa, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

g) Declaración xurada do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para cursos similares ós que son obxecto desta orde.

h) Declaración xurada de non estar matriculado en ningún centro universitario no curso académico 1999/2000.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Importe das axudas.

1. O importe de cada unha das axudas destinarase a sufragar parte dos gastos derivados do desprazamento, matrícula e aloxamento no Estado concreto no que se desenvolva o curso.

2. Estas axudas son incompatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de axudas ou bolsas de institucións públicas destinadas a actividades similares.

3. O importe da axuda regulada terá que ser de tal contía que, en ningún caso, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

Os criterios de valoración que se terán en conta para conceder estas axudas serán os seguintes:

-Menores ingresos familiares.

-Ser membro de familia numerosa.

-Maior duración do curso.

-Lugar de realización do curso.

-Pertencer a unha asociación xuvenil.

Artigo 7º.-Comisión de avaliación.

1. A selección de candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

Presidente: a directora xeral de Xuventude ou persoa na que delegue.

Vocais: o subdirector xeral de Promoción e Actividades.

Secretario: o xefe de servicio de Promoción de Actividades, que actuará con voz e voto.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examina-las solicitudes o vocal ou o secretario non puidesen asistir, serán substituídos pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da Dirección Xeral de Xuventude.

Artigo 8º.-Tramitación e resolución.

1. Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria e valorado conforme os criterios de valoración fixados, expostos no artigo 6º desta orde, a comisión de avaliación elevará un informe-proposta de adxudicatarios á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que resolverá.

2. A resolución da solicitude de subvención seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo máximo de catro meses, contados desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a dictara ou ser impugnados directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Xustificación da axuda e pagamento.

1. Unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, a Dirección Xeral de Xuventude poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 80% sobre a subvención concedida, sempre e cando non supere o importe dun millón de pesetas.

Para efectua-lo pagamento anticipado é obrigatorio que o beneficiario presente un certificado de admisión, expedido ó seu nome polo centro onde vai realiza-lo curso de idiomas.

2. O pagamento do segundo prazo da cantidade adxudicada efectuarase unha vez realizada a actividade subvencionada.

3. En relación cos puntos anteriores, antes do 15 de outubro do ano 2000, os beneficiarios deben xustificar tanto a realización e aproveitamento do curso a través do certificado emitido polo centro de idiomas no que se estea matriculado, como o importe total da axuda concedida, a través de facturas orixinais ou, en todo caso, fotocopias compulsadas, dos gastos derivados da realización do curso (matrícula, desprazamento e aloxamento).

Artigo 10º.-Obrigas do beneficiario.

1. Emprega-la axuda recibida en sufraga-los gastos inherentes á realización do curso de idiomas no país estranxeiro.

2. Xustifica-los gastos producidos na matrícula, desprazamento e estadía no país onde realice o curso de idiomas.

3. Xustifica-la realización e aproveitamento do curso a través de certificación do centro de idiomas no que se estea matriculado.

4. Presentar, no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

5. Estar sometido ás actuacións de comprobación que deberá efectua-la Dirección Xeral de Xuventude, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas.

Artigo 11º.-Incumprimento.

O incumprimento total ou parcial, por parte do solicitante, de calquera das estipulacións da presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro e dos xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento, segundo o disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da axuda.

Artigo 12º.-Renuncias.

Os destinatarios das axudas que renuncien a ela poderán ser substituídos pola Dirección Xeral de Xuventude de acordo coa lista de reserva, se a houbese.

Disposicións adicionais

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude