Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 03 de abril de 2000 Páx. 4.512

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 17 de marzo de 2000 pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2000.

O marco xeral de subvencións destinadas ás centrais sindicais que no campo laboral convoca anualmente esta Administración autonómica está regulado no Decreto 106/1994, do 21 de abril, que no seu artigo 4 establece as seguintes: como unha das modalidades de axudas directas, as destinadas ás centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma, para o desenvolvemento das súas actividades; desde o ano 1991 vense apoiando mediante subvencións a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, co fin de cooperar de forma efectiva co fomento, creación e funcionamento das diversas modalidades de economía social, en virtude do acordado na Mesa de Concertación Social; e desde o ano 1993, como consecuencia dos acordos Xunta de Galicia, sindicatos aprobados pola mesa xeral o 23 de outubro de 1992, estableceuse unha liña de axuda destinada ós sindicatos máis representativos coa finalidade de subvencionarlles plans de formación de cadros e delegados

sindicais e gabinetes sindicais de formación.

Conforme o anterior anúncianse na presente orde os seguintes tipos de axudas:

Programa I: axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2000.

Programa II: axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Programa III: axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegados sindicais.

Concluído o proceso de eleccións sindicais previsto na disposición transitoria oitava do actual texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e en virtude do novo sistema de medición da representatividade das organizacións sindicais, para os efectos das axudas previstas nesta orde terase en conta a representatividade sindical a 31-12-1999 referida exclusivamente ó ámbito territorial de Galicia.

A Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, habilita créditos para a finalidade destes programas ou accións.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo o exposto, de conformidade coas atribucións que teño conferidas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ós fins para os que foron establecidos,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A presente orde ten por obxecto o anuncio das axudas previstas no Decreto 106/1994, do 21 de abril, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo que concederá a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no seu artigo 4, sobre axudas e subvencións ás centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades durante o ano 2000, para a creación ou mantemento de gabinetes de economía social e para gabinetes técnicos de formación, e para plans de formación de cadros e delegados sindicais.

Para os efectos desta orde teranse en conta a representatividade sindical a 31-12-1999, referida exclusivamente ó ámbito territorial de Galicia.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, na Lei de orzamentos para o exercicio 2000, así como no Decreto 106/1994, do 21 de abril, e na presente orde.

3. Tipos de axudas.

Programa I: axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2000.

Programa II: axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Programa III: axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegados sindicais.

Capítulo II

Programas

Sección primeira

Programa I

Axuda para o desenvolvemento das actividades

das centrais sindicais durante o ano 2000

Artigo 2º.-Finalidade.

Será a de facilitarlles axudas económicas ás centrais sindicais con representanción no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para as actividades que desenvolvan no ano 2000.

Artigo 3º.-Financiamento.

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.214A.480.0 dos orzamentos para o ano 2000 na que figura un crédito por importe de cento vintetrés millóns oitocentas setenta e cinco mil pesetas.

Artigo 4º.-Beneficiarios e subvención.

O crédito que figura na citada aplicación orzamentaria será proporcionalmente distribuído entre as centrais sindicais a que se refire o artigo 2º, segundo a denominación con que se presentaron e os representantes que tiveran a 31 de decembro de 1999 en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia.

Sección segunda

Programa II

Axuda ás centrais sindicais para a creación

ou mantemento de gabinetes de asesoramento

en materia de economía social

Artigo 5º.-Finalidade.

Será a de promover e apoia-la creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Artigo 6º.-Requisitos.

Para poderen ser obxecto de subvención, os gabinetes de asesoramento en materia de economía social deberán estar integrados, como mínimo, por dous titulados superiores, un dos cales deberá ser necesariamente licenciado en economía ou en administración e dirección de empresas, e un auxiliar administrativo, contratados a xornada completa para a realización das actividades propias dos gabinetes.

Artigo 7º.-Financiamento.

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.214A.482.0 dos orzamentos para o ano 2000, na que figura un crédito por un importe de vintesete millóns cincocentas mil pesetas.

Artigo 8º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios desta axuda as centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia segundo os resultados electorais referidos ó 31 de decembro de 1999.

Artigo 9º.-Subvención.

Do crédito que figura na citada aplicación orzamentaria poderá destinarse en concepto de axuda á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social sete millóns cincocentas mil pesetas a cada unha das centrais sindicais máis representativas desta Comunidade Autónoma, de conformidade co establecido no artigo 7 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e en virtude da representatividade sindical a 31 de decembro de 1999.

O resto do crédito dedicarase a atende-las solicitudes das outras centrais con representación en Galicia, consonte o sinalado no artigo 8º.

Se non se presentase ningunha solicitude ou o número das efectuadas fora escaso a criterio desta consellería, e unha vez atendidas estas, a mesma reserva para si a facultade de incrementa-la contía das axudas do programa I, consonte o criterio de distribución previsto para el, ou efectuar convocatorias complementarias.

Sección terceira

Programa III

Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegados sindicais

Artigo 10º.-Finalidade.

Será a de fomenta-los gabinetes técnicos de formación e a de facilitar e favorece-la formación de cadros e delegados sindicais.

Artigo 11º.-Financiamento.

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.214A.481.0 dos orzamentos para o ano 2000, na que figura un crédito por un importe de noventa e oito millóns seiscentas vintecinco mil pesetas.

Artigo 12º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios desta axuda as centrais sindicais máis representativas desta Comunidade Autónoma de conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, en virtude da representatividade sindical referida a 31 de decembro de 1999.

Artigo 13º.-Subvención.

A subvención para gabinetes técnicos de formación será, para cada unha das centrais sindicais a que se refire o artigo anterior e que a solicite, de tres millóns cincocentas mil pesetas. O resto do crédito que figura na citada aplicación orzamentaria destinarase ás centrais sindicais máis representativas que o soliciten, para plans de formación de cadros e delegados sindicais, en proporción ó número de representantes que tiveran o 31 de decembro de 1999.

Capítulo III

Procedemento

Artigo 14º.-Solicitudes.

1. As solicitudes, que deberán formalizarse por separado para cada un dos programas, presentaranse

segundo o modelo que figura no anexo I, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15º.-Documentación.

Cada solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Acordo do órgano rector competente, debidamente acreditado, polo que se decida solicita-la subvención e poder suficiente que acredite a representación da persoa que actúe en nome da central sindical solicitante. No caso de que efectúe a solicitude unha federación ou confederación e reclame a subvención en nome doutros sindicatos con representatividade deberán xuntar documentación acreditativa na que conste a autorización dos sindicatos para que a confederación a solicite no seu nome.

b) Memoria explicativa da actividade ou actividades desenvolvidas ou que vaia desenvolve-la central, ou o gabinete de asesoramento en materia de economía social, ou o gabinete técnico de formación e sobre o plan de formación de cadros e delegados sindicais, segundo o tipo de axuda que se solicite.

c) Fotocopia compulsada da tarxeta de persoas xurídicas co número de identificación fiscal.

d) Ficha de solicitude de transferencia bancaria.

e) Certificación da entidade bancaria acreditativa de que a central solicitante é a titular da conta corrente que indica.

f) Declaración expresa de submisión ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e ás de control financeiro que lle corresponda á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

g) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 16º

Cando se trate de axudas para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, ademais da documentación sinalada no artigo anterior, deberase xuntar copia compulsada dos contratos de traballo do persoal adscrito ó gabinete e documento que acredite figurar de alta na Seguridade Social como traballadores da central solicitante.

Artigo 17º.-Tramitación.

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Dirección Xeral de Relacións Laborais, para que o servicio correspon

dente comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos esixidos nos artigos anteriores, e no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

2. Unha vez realizado o trámite anterior os expedientes remitiranse á comisión de valoración para que emita informe-proposta previo á elevación perante o órgano competente para resolver.

3. Para os efectos do disposto no número anterior a comisión de valoración estará formada polo director xeral de Relacións Laborais, que a presidirá, polo subdirector xeral de Traballo, polo xefe do Servicio de Relacións Laborais e por un xefe de sección da Dirección Xeral de Relacións Laborais actuando como secretario, que será designado polo director xeral de Relacións Laborais, sen voz nin voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o director xeral de Relacións Laborais e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario da dirección xeral.

Artigo 18º.-Resolución.

A resolución das axudas, logo do informe da comisión de valoración e a fiscalización da Intervención Delegada da consellería, corresponderalle ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e notificaráselles ós interesados. As resolucións denegatorias deberán ser sempre motivadas.

O prazo para resolver será de tres meses e en ningún caso empezará a computarse antes de que transcorra o previsto no artigo 14.2º para a presentación de solicitudes.

A dita resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa notificación.

Transcorrido o prazo para resolve-lo procedemento sen que se dicte resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

Artigo 19º.-Forma de pagamento e xustificación.

1. Unha vez notificada a resolución de concesión de subvención e previamente ó seu cobramento o

beneficiario terá que facer constar por escrito a aceptación expresa da subvención concedida.

2. As axudas poderán facerse efectivas nunha ou varias fases. A Administración poderá efectuar un pagamento único ou varios pagamentos parciais ó beneficiario segundo se xustifique a realización das actividades subvencionadas e os gastos delas derivados.

No caso de que a subvención concedida sexa superior a un millón de pesetas, e de conformidade co disposto no artigo 37.un, parágrafo segundo, da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2000, igualmente poderanse acordar pagamentos parciais a conta da liquidación definitiva, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, ata unha porcentaxe máxima do 80% da subvención concedida.

A xustificación das actividades subvencionadas e dos gastos delas derivados realizarase mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Certificacións, nas que figuren a desagregación detallada dos gastos contraídos polas actividades obxecto de subvención, expedida polo responsable da contabilidade da central sindical, con poder suficiente para o efecto o que deberá acreditarse documentalmente.

b) Facturas, debidamente conformadas polo representante do sindicato, nas que figure o destino concreto do gasto que deberá axustarse á finalidade da subvención.

En todo caso as ditas xustificacións terán que presentarse antes do 15 de outubro de 2000.

3. No momento da xustificación de execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, deberase presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 20º.-Comprobación da aplicación das subvencións.

A dirección xeral de Relacións Laborais poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos as centrais sindicais beneficiarias deberán presentar antes do 10 de febreiro de 2001, perante o citado organismo, unha memoria anual das actividades realizadas dentro de cada un dos programas obxecto de subvención. Ademais, cando se trate de axudas destinadas á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, xuntaranse os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores adscritos ó gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2000 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro de 2000.

Disposicións adicionais

Primeira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o establecido no artigo 78.7º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Segunda.-No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais procedera ó reintegro total ou parcial da subvención concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de habelos, segundo o disposto no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Relacións Laborais para que dicte, no ámbito das súas competencias, as instruccións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2000.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais