Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2000 Páx. 4.410

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución da Central Hidroeléctrica de Bubal I, no río Bubal, termo municipal de Carballedo, provincia de Lugo.

Visto o escrito presentado por Unión Eléctrica Fenosa, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na Avda. de Arteixo, 171; 15007 A Coruña, polo que solicita autorización administrativa e aprobación do proxecto das novas instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico da central de Bubal I, situado no río Bubal, concello de Carballedo, provincia de Lugo, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 16 de febreiro de 1993, o Ministerio de Obras Públicas e Transportes outorgou a Unión Eléctrica Fenosa, S.A. a concesión dun caudal máximo de 2.180 e 2.520 l/s de auga do río Bubal, nos termos municipais de Carballedo (Lugo) e A Peroxa (Ourense), con destino á produción de enerxía eléctrica, mediante a construcción de dous saltos denominados Bubal I e Bubal II.

Segundo.-Con datas do 9 de maio de 1996, Unión Eléctrica Fenosa, S.A., presenta na Confederación Hidrográfica do Norte, novos proxectos constructivos con modificación das características da concesión, sendo a variación do índice concesional inferior ó 10% no seu conxunto, solicitando que se dean por anulados os proxectos anteriores e se substitúan polos actuais.

Terceiro.-Con datas do 5 e do 12 de febreiro de 1997, a Confederación Hidrográfica do Norte somete o proxecto a información pública nos boletíns oficiais das provincias de Lugo e Ourense respectivamente, estando exposto nos taboleiros de anuncios dos concellos de Carballedo (Lugo) e A Peroxa (Ourense).

Cuarto.- O 29 de xullo de 1997, a Comisión Galega de Medio Ambiente acordou aproba-la Declaración de Efectos Ambientais correspondente ó proxecto do aproveitamento hidroeléctrico de Bubal I e denega-lo de Bubal II.

Quinto.-O 10 de xaneiro de 2000, a Confederación Hidrográfica do Norte dicta resolución pola que se modifica a antiga concensión outorgada o 16 de febreiro de 1993 a Unión Eléctrica Fenosa, S.A., e outorga a concesión solicitada para Bubal I, autorizándose as obras segundo o proxecto constructivo, revisión novembro de 1995 e non se autorizan as obras para Bubal II.

Sexto.-Con data do 22 de febreiro de 2000, Unión Eléctrica Fenosa, S.A.,solicita nesta dirección xeral a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución das instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica de Bubal I.

Sétimo.-As instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica de Bubal I, segundo o proxecto de execución dela asinado polo enxeñeiro industrial Gabriel López-Companioni Vázquez, ten as seguintes características:

Caudal máximo derivado: 2.180 l/s.

Salto aproveitado: 239,5 m (entre cotas 419,35 e 180 m.s.n.m.).

Turbina:1 tipo Pelton, horizontal, de 4.500 kW.

Xerador: síncrono 4.750 kVA, 6.300 V (potencia en bornes 4.037 kW).

Trafo de potencia: 5.000 kVA, 6/20 kV.

Instalacións de mando, control, protección e medida.

Previsión de enerxía cedida á rede: 11.500 Mwh/ano.

Oitavo.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Lugo emitiu informe favorable, propoñendo a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.- A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999 do 17 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado por Real decreto 249/1998, do 18 de marzo.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autoriza-la instalación dos equipos electromecánicos reflectidos no proxecto denominado Instalacións electromecánicas Central Hidroeléctrica de Bubal I. Revisión novembro de 1995, concello de Carballedo, provincia de Lugo.

2. Aproba-lo proxecto de execución das instalacións electromecánicas da citada central hidroeléctrica.

Queda obrigada a empresa titular da instalación, a notifica-lo comezo e remate das obras para a súa inspección e posta en marcha, podendo a Administración autonómica deixar sen efecto a presente resolución, despois do oportuno expediente, no momento que observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade, medidas correctoras establecidas polos organismos e entidades que constan no expediente deste aproveitamento hidroeléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2000.

Ramón Ordás Badía

director xeral de Industria