Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2000 Páx. 4.215

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de industrias vitivinícolas, alcoholeiras e sidreiras da provincia de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo do sector de industrias vitivinícolas, alcoholeiras e sidreiras da provincia de Ourense (código convenio nº 3200875), con entrada nesta delegación provincial o día 1-2-2000, subscrito pola parte económica pola Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), e da

parte social, pola central sindical Unión Xeral de Traballadores (UGT), o día 12-1-2000 e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 16 de febreiro de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de industrias vitivinícolas, alcoholeiras e sidreiras da provincia de Ourense, anos 2000-2002

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional e territorial.

Este convenio regula as relacións laborais en tódalas industrias do sector vinícola, alcoholeiro, licoreiro e sidreiro da provincia de Ourense, agás que teñan establecido un convenio colectivo de ámbito de empresa cos seus traballadores.

Así mesmo, regula este convenio as relacións de traballo nos establecementos dependentes das citadas industrias, tales como sucursais e depósitos. Os almacéns de productos propios das industrias enumeradas quedan igualmente incluídos cando dependan destas ou cando neles se realicen labores de embotellado, envasado ou calquera outro de tipo industrial.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio será de aplicación a tódolos traballadores e empresarios incluídos dentro do seu ámbito funcional e territorial, con independencia de cál sexa a modalidade de contrato de traballo que concertasen.

Os traballadores vinculados por unha relación laboral de carácter especial quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación deste convenio.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 2000, e a súa duración será de tres anos, é dicir, ata o 31 de decembro de 2002.

Rematada a súa vixencia inicial, entenderase prorrogado por períodos dun ano, salvo que calquera das partes o denuncie por escrito ante a outra, con tres meses de antelación á data de finalización da súa vixencia, expresando na denuncia as cuestións obxecto de negociación.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

As condicións pactadas forman un todo orgánico, indivisible, e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente.

Tódalas melloras laborais e económicas establecidas en virtude deste convenio (salario base, complementos, pagas extras, etc.) serán compensables e absorbibles, en cómputo anual e ata onde alcancen, con aquelas melloras que de calquera clase e forma teñan concedidas as empresas con carácter voluntario en calquera momento, e polas que se establezan nun futuro en disposicións legais a partir da entrada en vigor deste convenio.

Sen prexuízo de que se poidan estender a calquera situación as melloras establecidas neste convenio nin da facultade de amplialas, as empresas que, computando anualmente e de modo global a totalidade das percepcións económicas recibidas polos traballadores estean aboándolle ó seu persoal salarios superiores ós esixidos, non estarán obrigadas a aplica-las elevacións que se fixen nestas estipulacións, salvo a contía necesaria para supli-las diferencias.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Segundo o disposto no artigo 88 do texto refundido do Estatuto dos traballadores, para a interpretación, vixilancia e cumprimento do pactado por ámbalas partes neste convenio, créase unha comisión paritaria, integrada por dous membros da Confederación de Empresarios de Ourense pola parte empresarial, e por dous membros da central sindical UGT pola parte social. Fíxase o domicilio da parte empresarial na rúa Modesto Fernández, número 4 de Ourense, e o da parte sindical no Parque de San Lázaro, número 12, 1ª planta de Ourense.

Os acordos alcanzados na comisión paritaria sobre cuestións relacionadas co convenio consideraranse parte del, e terán a súa mesma eficacia e obrigatoriedade. Estes acordos remitiránselle á autoridade laboral competente para o seu rexistro.

Capítulo II

Condicións laborais

Artigo 6º.-Período de proba.

A admisión do persoal na empresa considerarase provisional mentres non transcorrese un período de

proba, cunha duración que variará segundo o establecido a continuación:

-Titulados, seis meses.

-Persoal non titulado, tres meses.

Transcorrido o período de proba sen que mediase denuncia do contrato por ningunha das partes, o traballador continuará na empresa nas condicións establecidas no seu contrato.

Artigo 7º.-Aviso previo en caso de extinción do contrato de traballo.

O traballador que decida finaliza-la súa relación laboral coa empresa deberá comunicarllo á esta, por escrito, cunha antelación mínima de quince días. Se incumprise esta obriga, a empresa poderá descontar da liquidación que lle corresponda ó traballador o importe da retribución diaria deste por cada día de atraso no aviso.

Artigo 8º.-Contrato para a formación.

De acordo co previsto no artigo 11.2º c) do texto refundido do Estatuto dos traballadores, e atendendo ás especiais características do sector, deficitario de persoal especializado e necesitado dunha profunda e constante reciclaxe e formación do colectivo global de traballadores, a duración máxima dos contratos para a formación concertados cos traballadores afectados por este convenio será de tres anos.

Esta duración máxima será aplicable tanto ós contratos que se subscriban a partir da entrada en vigor deste convenio coma ós xa vixentes con anterioridade.

Artigo 9º.-Contrato eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos.

Atendendo ós ciclos productivos do sector e ó carácter estacional das actividades da industria vitivinícola, alcoholeira e sidreira, o contrato de duración determinada na súa modalidade de eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, regulado no artigo 15.1º b) do texto refundido do Estatuto dos traballadores, segundo redacción dada pola Lei 63/1997, do 26 de decembro, terá unha duración máxima de trece meses e medio nun período de dezaoito meses.

Esta duración máxima será aplicable tanto ós novos contratos asinados a partir da entrada en vigor deste convenio como ás prórrogas dos contratos vixentes con anterioridade.

Artigo 10º.-Fomento da contratación indefinida.

Durante a vixencia deste convenio, a conversión en indefinidos dos contratos de duración determinada ou temporais, incluídos os formativos, acollerase ó previsto na disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, de medidas urxentes para a mellora do mercado de traballo e fomento da contratación indefinida, en virtude da

cal os ditos contratos quedarán incluídos no réxime previsto para os contratos para o fomento da contratación indefinida.

Artigo 11º.-Xornada.

A xornada de traballo para as empresas e os traballadores afectados por este convenio será de 40 horas semanais de traballo efectivo de media en cómputo anual. Respectando o número de horas anuais de traballo, así como os períodos mínimos de descanso diario ou semanal, cada empresa poderá efectua-la distribución irregular da xornada.

O número de horas anuais que poderán ser aplicadas á distribución irregular da xornada non poderá supera-las 140, tendo en conta que a xornada diaria só poderá chegar ás doce horas nun máximo de 25 días ó ano. A distribución irregular da xornada poderase levar a cabo para o período de vendima, así como para atender durante o ano labores de embotellado, pedidos puntuais ou circunstancias similares.

O exceso de horas traballadas compensarase con descanso en igual número de horas nos períodos de menor producción que determine a empresa. A empresa comunicará mediante anuncio no taboleiro, cunha anticipación mínima de sete días, a xornada irregular.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias aquelas que se realicen sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo. As horas extraordinarias poderán retribuírse ou compensarse con descansos, que se farán efectivos nos catros meses seguintes á súa realización.

Artigo 13º.-Vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a trinta días naturais de vacacións anuais.

O período ou períodos de desfrute das vacacións fixaranse de común acordo entre a empresa e os traballadores, tendo en conta que as datas de desfrute non poderán establecerse nos períodos de maior traballo e productividade.

O traballador coñecerá as datas que lle correspondan de vacacións, polo menos con dous meses de antelación, e estas serán comunicadas a través do taboleiro de anuncios da empresa.

Capítulo III

Clasificación profesional

Artigo 14º.-Clasificación profesional.

A clasificación dos traballadores incluídos dentro do ámbito de aplicación deste convenio ten un carácter simplemente enunciativo, sen que as empresas estean obrigadas a establecer na súa estructura organizativa todos e cada un dos grupos e categorías profesionais.

Non obstante, desde o mesmo momento en que exista na empresa un traballador que realice as funcións correspondentes a unha determinada categoría profesional, deberá ser retribuído con relación ó que a esta lle corresponda dentro da empresa.

Artigo 15º.-Grupos e categorías profesionais.

O persoal que presta os seus servicios nalgunha das actividades ás que se refire este convenio estará comprendido dentro dalgún dos grupos xenéricos e as categorías seguintes en razón das funcións que desempeña:

GruposCategorías

A) Técnicos.1. Encargado xeral.

2. Técnicos titulados:

a) Con título grao superior.

b) Con título de grao medio.

3. Técnicos non titulados:

a) Encargado de adegas e fábricas.

b) Encargado de laboratorio.

c) Axudante de laboratorio.

d) Auxiliar de laboratorio.

B) Administrativos.a) Encargado de administración.

b) Xefe de administración.

c) Axudante administrativo.

d) Auxiliar administrativo.

C) Comerciais.a) Encargado de ventas.

b) Xefe de vendas.

c) Viaxante.

d) Auxiliar de ventas.

D) Subalternos.a) Conserxe.

b) Subalterno.

c) Recadeiro.

d) Persoal de limpeza.

E) Obreiros.

a) Encargado de sección ou cuadrilla/oficial de 1ª.

b) Oficial de segunda/conductor con carné de 1ª.

c) Oficial de 3ª/conductor repartidor.

d) Peón/almaceneiro.

e) Mozo.

En canto á definición dos grupos e categorías profesionais, aplicarase o disposto no laudo arbitral para a substitución negociada da ordenanza laboral para as industrias vitivinícolas, alcoholeiras, licoreiras e sidreiras.

Artigo 16º.-Polivalencia e plena ocupación.

Coa finalidade de conseguir unha acomodación ás necesidades organizativas da empresa e co fin de potenciar unha racionalización dos recursos humanos, os traballadores poderán presta-los seus servicios en diferentes categorías dentro do mesmo grupo e en categorías profesionais equivalentes dentro de diferentes grupos. Para estes efectos consideraranse categorías profesionais equivalentes aquelas que teñan recoñecido o mesmo nivel retributivo, aquelas en que o desempeño das súas funcións propias esixa unha aptitude profesional común, ou un mesmo grao de autonomía ou responsabilidade.

Co obxecto de que o traballador estea ocupado toda a xornada, a dirección da empresa poderá facilitarlle as tarefas necesarias para iso, respectando a profesionalidade das categorías profesionais.

Capítulo IV

Condicións económicas

Artigo 17º.-Salario.

O salario para 2000 é o que se establece para cada grupo/categoría na correspondente columna da táboa salarial reproducida no anexo I deste convenio.

Para os sucesivos anos de vixencia do convenio colectivo, aplicarase un incremento salarial igual ó IPC constatado o 31 de decembro do ano anterior. Unha vez constatado o IPC, a comisión paritaria do convenio colectivo reunirase nos 15 primeiros días de cada ano de vixencia para os efectos de elabora-las táboas salariais que rexerán en cada un deles.

Artigo 18º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores incluídos no ámbito de aplicación deste convenio desfrutarán anualmente de dúas pagas extraordinarias, integradas por 30 días de salario base maila antigüidade consolidada. Estas pagas faranse efectivas, unha durante os primeiros quince días do mes de xullo, e a outra durante os primeiros quince días do mes de decembro.

Ademais das anteriores, as empresas incluídas dentro do ámbito de aplicación deste convenio aboarán unha terceira paga, denominada Paga de Nosa Sra. das Viñas, que se fará efectiva o día 15 do dito mes e terá o importe seguinte:

Durante 2000: 20.000 ptas.

Durante 2001: 22.500 ptas.

Durante 2002: 25.000 ptas.

Por acordo entre a empresa e o traballador poderase ratea-lo importe das gratificacións extraordinarias durante os meses do ano. Nos casos de nova incorporación, reingreso ou cesamento, a contía das pagas extraordinarias calcularase en proporción ó tempo traballado durante o ano.

Artigo 19º.-Antigüidade.

As partes asinantes deste convenio entenden que o complemento de antigüidade dificulta o emprego e, polo tanto, co fin de fomenta-lo emprego estable no sector vitivinícola, alcoholeiro e sidreiro acordan que este complemento quede configurado do modo seguinte:

Desde a entrada en vigor deste convenio, ós traballadores vinculados á empresa con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1999 con relación laboral de carácter indefinido ou temporal convertida en indefinida recoñeceráselles unha antigüidade máxima de doce bienios contados desde a súa data inicial de ingreso na empresa. A antigüidade percibida en función do sistema de cómputo anteriormente vixente percibirase conxelada para anos sucesivos segundo o cálculo efectuado o 31 de decembro de 1999. Por cada novo bienio cumprido desde a data de entrada en

vigor deste convenio aboarase a cantidade de 3.400 ptas.

Os traballadores vinculados á empresa nun momento posterior ó 1 de xaneiro de 1999 non devengarán ningunha contía en concepto de antigüidade.

Artigo 20º.-Cláusula de desvinculación.

O réxime salarial contido neste convenio non será de aplicación para aquelas empresas que acrediten descensos, en termos reais, da facturación ou dos resultados dos tres últimos exercicios.

Trasladaráselles ás partes a decisión da aplicación da cláusula de desvinculación, valorando a situación a través do estudio da documentación acreditativa fidedigna que xustifique un tratamento salarial diferenciado, documentación que poderá comprende-lo balance, a conta de perdas e ganancias e a memoria dos correspondentes exercicios.

Os traballadores e os seus representantes legais estarán obrigados a tratar e mante-la maior reserva e confidencialidade sobre as informacións recibidas e sobre os datos ós que tivesen acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores.

Capítulo V

Réxime disciplinario

Artigo 21º.-Principios de ordenación.

Estas normas de réxime disciplinario perseguen o mantemento da disciplina laboral, que é un aspecto fundamental para a normal convivencia, ordenacion técnica e organización da empresa, así como a garantía e defensa dos dereitos e intereses lexítimos de traballadores e empresarios.

As faltas, sempre que sexan constitutivas de incumprimentos contractuais e culpables do traballador, poderán ser sancionadas pola dirección da empresa de acordo coa graduación que se establece neste capítulo.

Toda falta cometida polos traballadores clasificarase en leve, grave ou moi grave. A falta, sexa cal sexa a súa cualificación, requirirá comunicación escrita e motivada da empresa ó traballador. A imposición de sancións por faltas graves e moi graves seralles notificada ós representantes legais dos traballadores, se os houber.

Artigo 22º.-Faltas leves.

Consideraranse faltas leves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata tres ocasións nun mes por un tempo total inferior a vinte minutos.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo dun día durante o período dun mes.

c) A non comunicación coa antelación previa debida da inasistencia ó traballo por causa xustificada,

salvo que se acreditase a imposibilidade da notificación.

d) O abandono do posto de traballo sen causa xustificada por breves períodos de tempo e sempre que isto non causase risco á integridade das persoas ou das cousas, caso no que poderá ser cualificado, segundo a gravidade, como falta grave ou moi grave.

e) A desatención e falta de corrección no trato co público cando non prexudiquen gravemente a imaxe da empresa.

f) Os descoidos na conservación do material que se tivese a cargo ou fose responsable e que produzan deterioracións leves nel.

Artigo 23º.-Faltas graves.

Consideraranse faltas graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata en tres ocasións nun mes por un tempo total de ata corenta minutos.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo de dous a catro días durante o período dun mes.

c) O entorpecemento, a omisión maliciosa e o falseamento dos datos que tivesen incidencia na Seguridade Social.

d) A simulación de enfermidade ou accidente, sen prexuízo do prevido no parágrafo e) do seguinte punto.

e) A suplantación doutro traballador, alterando os rexistros e controis de entrada e saída ó traballo.

f) A desobediencia ás ordes e instruccións de traballo, incluídas as relativas ás normas de seguridade e hixiene, así como a imprudencia ou neglixencia no traballo, salvo que delas derivasen prexuízos graves á empresa, causasen avarías ás instalacións, maquinarias e, en xeral, bens da empresa ou comportasen risco de accidentes para as persoas, caso no que serán consideradas como faltas moi graves.

g) A falta de comunicación á empresa dos desperfectos ou anormalidades observados nos útiles, ferramentas, vehículos e obras ó seu cargo, cando disto se derivase un prexuízo grave á empresa.

h) A realización sen o oportuno permiso de traballos particulares durante a xornada, así como o emprego de útiles, ferramentas, maquinaria, vehículos e, en xeral, bens da empresa para os que non estivese autorizado ou para usos alleos ós do traballo encomendado, mesmo fóra da xornada laboral.

i) O quebrantamento ou a violación de segredos de obrigada reserva que non produza grave prexuízo para a empresa.

j) A embriaguez non habitual no traballo.

k) A falta de aseo e limpeza persoal cando poida afecta-lo proceso productivo ou a prestación do servicio e sempre que, previamente, mediase a oportuna advertencia da empresa.

l) A execución deficiente dos traballos encomendados, sempre que diso non se derivase prexuízo grave para as persoas ou as cousas.

ll) A diminución do rendemento normal no traballo de maneira non repetida.

m) As ofensas de palabras proferidas ou de obra cometidas contra as persoas, dentro do centro de traballo, cando non revistan acusada gravidade.

n) As derivadas do establecido nas letras d) e e) do artigo anterior.

o) A reincidencia ou reiteración na comisión de falta leve, considerando como tal aquela situación na que o traballador fose sancionado por falta leve, aínda de distinta natureza, durante o período dun ano anterior ó momento da comisión do feito.

Artigo 24º.-Faltas moi graves.

Consideraranse faltas moi graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo en dez ocasións durante seis meses ou en vinte durante un ano.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período dun mes.

c) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas ou a apropiación, furto ou roubo de bens de propiedade da empresa, de compañeiros ou de calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa ou durante a xornada de traballo ou noutro lugar.

d) A simulación de enfermidade ou accidente ou a prolongación da baixa por enfermidade ou accidente coa finalidade de realizar calquera traballo por conta propia ou allea.

e) O quebrantamento ou violación de segredos de obrigada reserva que produza grave prexuízo para a empresa.

f) A embriaguez e a drogodependencia durante o traballo, sempre que afecte negativamente o rendemento.

g) A realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa.

h) As derivadas das letras 1 d) e 2.F, l) e m) deste artigo.

i) A diminución voluntaria e continuada no rendemento do traballo normal pactado.

j) A inobservancia dos servicios de mantemento en caso de folga.

k) O abuso de autoridade exercido por quen desempeña funcións de mando.

l) O acoso sexual.

ll) A reiterada non utilización dos elementos de protección en materia de seguridade e hixiene.

m) A reincidencia ou reiteración na comisión de faltas graves, considerando como tal aquela situación na que o traballador fose sancionado por falta grave, mesmo de distinta natureza, durante o período dun ano anterior ó momento da comisión do feito.

Artigo 25º.-Retirada de carné de conducir.

Aqueles conductores que sexan sancionados coa retirada de carné de conducir, ou que sexan encausados penalmente con ocasión da comisión dalgunha falta ou delicto durante a súa xornada laboral derivados da súa actuación na estrada como consecuencia da conducción baixo a influencia de bebidas alcohólicas, incorrerán en falta moi grave, que será sancionada con suspensión de emprego, soldo e cotización á Seguridade Social, e mesmo con despedimento disciplinario, en función da gravidade da súa actuación e das consecuencias que leven consigo ou poidan implicar.

Artigo 26º.-Prescrición.

Respecto ós traballadores, as faltas leves prescribirán ós dez días, as graves ós vinte días e as moi graves ós sesenta días, a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de se cometeren.

Artigo 27º.-Sancións.

As sancións máximas que poderán imporse pola comisión das faltas enumeradas nos artigos anteriores son as seguintes:

a) Por falta leve, amoestación verbal ou escrita e suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

b) Por falta grave, suspensión de emprego e soldo de tres a catorce días.

c) Por falta moi grave, suspensión de emprego e soldo de catorce días a un mes, traslado a centro de traballo de localidade distinta durante un período de ata un ano e despedimento disciplinario.

As anotacións desfavorables que, como consecuencia das sancións impostas, puidesen facerse constar nos expedientes persoais quedarán canceladas ó cumprirense os prazos dun, tres ou cinco anos, segundo se trate de falta leve, grave ou moi grave.

Capítulo VI

Disposicións varias

Artigo 28º.-Partes asinantes.

Este convenio foi concertado pola Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) e pola central sindical Unión Xeral de Traballadores (UGT).

Artigo 29º.-Sumisión ó AGA.

As partes asinantes deste convenio acordan durante a súa vixencia someterse ás disposicións contidas no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA) nos propios termos en

que está formulado, para resolver de modo pacífico os conflictos laborais que poidan xurdir da aplicación deste convenio.

Artigo 30º.-Dereito supletorio.

Para o non previsto neste convenio as partes remítense ó establecido no laudo arbitral dictado en substitución da ordenanza laboral para as industrias vitivinícolas, alcoholeiras, licoreiras e sidreiras, e ó disposto no Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

ANEXO I

Táboa salarial

GruposCategorías Salario base

TécnicosEncargado xeral110.000

Técnico titulado superior90.000

Técnico titulado medio85.000

Encargado de adegas e fábricas82.000

Encargado de laboratorio82.000

Axudante de laboratorio79.450

Auxiliar de laboratorio76.875

AdministrativosEncargado de administración87.125

Xefe de administración82.000

Axudante administrativo79.450

Auxiliar administrativo76.875

ComerciaisEncargado de vendas87.125

Xefe de vendas82.000

Viaxante79.450

Auxiliar de vendas76.875

ObreirosEncargado sección ou cuadrilla/oficial 1ª87.125

Oficial 2ª/conductor con carné de 1ª82.000

Oficial 3ª/almaceneiro79.450

Peón/conductor repartidor76.875

SubalternosMozo72.775

Conserxe72.775

Subalterno72.775

Recadeiro72.775

Persoal de limpeza72.775