Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2000 Páx. 4.214

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 16 de marzo de 2000 pola que se regula a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a adaptación, reparación e conservación de centros de saúde.

O Servicio Galego de Saúde, consciente da importancia que no ámbito da sanidade teñen os centros de saúde, dirixidos a mellora-la atención dos cidadáns, e co obxecto de colaborar e promociona-la mellora e conservación destes, que deben conservar e mante-las corporacións locais galegas, dado que forman parte do seu patrimonio, vén establecendo anualmente subvencións de capital con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Neste sentido, a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 inclúe a oportuna consignación para a finalidade sinalada.

A concesión de subvencións e axudas con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia deberán someterse ó cumprimento dos requisitos de publicidade, concorrencia e obxectividade a teor do sinalado no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa, o que esixe a realización da correspondente orde reguladora, e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que me atribúen os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Servicio Galego de Saúde poderá concederlles subvencións, ata o límite sinalado na correspondente partida orzamentaria, ás corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia para actuacións de reparación e conservación de centros de saúde que teñan carácter de investimento, quedando excluídos, en consecuencia, os gastos correntes.

Artigo 2º

O obxectivo da subvención é incentiva-la iniciativa local na execución de proxectos que complementen os programas de construcción, adaptación, reparación e fornecemento de centros de saúde.

Artigo 3º

1. Poderán ser beneficiarias dunha subvención as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan ó seu cargo o mantemento e conservación de centros de saúde.

2. As solicitudes de subvención serán formuladas polo presidente da entidade local respectiva, segundo o modelo que se une como anexo a esta orde, e a ela achegaranse os seguintes documentos:

-Memoria descritiva dos investimentos que haxa que realizar.

-Orzamento ou valoración económica das actuacións para as que se solicita a subvención, con indicación da cantidade que se pide como axuda.

-Certificación do acordo adoptado polo órgano municipal competente, que aprobe a solicitude de subvención.

-Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para este proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

3. As peticións de subvención presentaranse no rexistro xeral do Servicio Galego de Saúde (edificio administrativo San Caetano, bloque 2, 2ª planta en Santiago de Compostela), nas súas direccións provinciais, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

4. O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º

1. Os acordos de concesión de subvencións deléganse no director xeral da División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde. Estes acordos serán adoptados no prazo de tres meses contados desde a data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os anteditos acordos poñen fin á vía administrativa, e poderán interpoñerse contra estes recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación ou, potestativamente, recurso de reposición ante o presidente do Servicio Galego de Saúde.

2. Para as resolucións pertinentes teranse en conta os seguintes criterios:

-Necesidade e rendibilidade do proxecto, en función dos índices asistenciais do centro.

-Contía total do proxecto e, se é o caso, porcentaxe de participación no seu custo da entidade solicitante.

-Situación sanitaria e necesidades existentes na zona de influencia do centro destinatario da subvención.

Artigo 5º

Os concellos ós que se lles outorgue unha subvención ó abeiro do disposto nesta orde estarán obri

gados a efectua-lo investimento que serviu de base para a concesión, e á súa xustificación, antes do 30 de outubro de 2000, mediante certificación expedida polo secretario do concello (co visto e prace do alcalde-presidente) na que se fará consta-la realización e conclusión da acción, a contía do gasto realizado, así como a súa aprobación polo órgano municipal competente.

A antedita certificación será requisito necesario para proceder ó pagamento da subvención.

Deberán presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para este proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Estes prazos poderán ser ampliados por causas debidamente xustificadas por resolución do director xeral da División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde.

Artigo 6º

A División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde poderá realiza-las inspeccións e comprobacións que considere necesarias coa finalidade de asegura-lo cumprimento das normas e requisitos dos acordos con base nos cales se concederon as subvencións.

Artigo 7º

1. As entidades receptoras das subvencións quedarán obrigadas:

a) A non altera-lo destino da subvención.

b) A admiti-las inspeccións e o control que estableza a División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde, así como facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autonóma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio da súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

c) A efectua-la xustificación do gasto na forma preceptuada, facultándose a citada división para determina-lo correcto cumprimento desta esixencia.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa determinante da revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, da subvención percibida e do xuro de demora correspondente.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvención ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Para esta orde será de aplicación o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións

establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa,

Artigo 8º

As obrigas económicas que se deriven da aplicación desta orde satisfaranse con cargo á aplicación 5001.2121.760.0, da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000 ata o total do seu importe, así como doutros créditos que no futuro se consignen para tal finalidade.

Esta subvención será incompatible con calquera outra establecida pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2000.

José María Hernandez Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Don/Dona ... con DNI número ..., como ... da entidade local ..., CIF ...; acolléndose á orde do Servicio Galego de Saúde do ... de ... de 2000, pola que se regula a concesión de subvencións a entidades locais desta Comunidade Autónoma para a adaptación, reparación e conservación de centros de saúde, e aceptando o estipulado nela,

Solicita

Unha subvención de ... pesetas, con destino a ....

Achega a documentación esixida pola devandita orde.

En ..., ... de ... de 2000.

(Sinatura e selo)

Presidente do Servicio Galego de Saúde.