Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2000 Páx. 4.197

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de marzo de 2000 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de axudas ó estudio e accións de apoio económico ós estudiantes universitarios, e se anuncia a súa convocatoria, correspondente ó curso académico 1999-2000.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31 establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica ós estudiantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Por esta orde procédese a convoca-las accións referentes ás asociacións de estudiantes, á mobilidade estudiantil, a favorecer novas oportunidades de formación e á incentivación do rendemento escolar.

Cómpre subliñar que estas accións, agás as destinadas ós fillos de emigrantes que queiran vir ou estean xa a cursar estudios universitarios en Galicia, non son incompatibles coas bolsas e axudas ó estudio de carácter xeral, convocadas polo MEC. Como accións complementarias que son, cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter nacional e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumenta-la cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do MEC.

Estas accións son incompatibles, agás coas bolsas e axudas ó estudio de carácter xeral convocadas polo MEC, con calquera outra destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas ó estudio para accións de apoio económico ós estudiantes universitarios matricula

dos nunha das tres universidades galegas durante o curso 1999/2000, así como para os estudiantes con residencia en Galicia pero que cursen estudios de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia e no territorio español, nos supostos recollidos nesta convocatoria, e bolsas de residencia destinadas ós galegos que residan fóra de Galicia e ós seus descendentes que queiran cursar estudios nunha das tres universidades galegas no curso 2000-2001. Tamén se aproban as bases polas que se rexerán as axudas que están incluídas como anexos nesta orde, e que son:

1. Axudas a asociacións de estudiantes das universidades galegas (anexo I).

2. Axudas de desprazamento para a realización de prácticas de campo recoñecidas nos plans de estudios correspondentes ás titulacións universitarias autorizadas pola Xunta de Galicia nas universidades galegas (anexo II).

3. Axudas a estudiantes das universidades galegas para a realización de viaxes culturais de carácter pedagóxico (anexo III).

4. Axudas a estudiantes con residencia en Galicia, pero que realizan estudios de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia (anexo IV).

5. Financiamento de viaxes para estadía nalgún Estado membro da Unión Europea co obxecto de coñece-la lingua dese país (anexo V).

6. Axudas complementarias do programa de acción da Unión Europea de mobilidade de estudiantes (Sócrates-Erasmus) (anexo VI).

7. Premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para alumnos universitarios que rematen os estudios no ano 2000 (anexo VII).

8. Bolsas de residencia para a realización de estudios universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo, no curso 2000-2001, en centros da Comunidade Autónoma, destinadas ós galegos que residan fóra de Galicia e ós seus descendentes (anexo VIII).

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, nas aplicacións orzamentarias e nas contías que se especifican:

AplicaciónContía

07.05.322C.482.0 8.160.000 (para as accións do anexo I)

07.05.322C.441.0 5.610.000 (para as accións do anexo II)

07.05.322C.483.0131.541.400 (para as accións dos anexos III ó VIII)

Para as accións convocadas nos anexos III ó VIII, e con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.322C.483.0, destinarase ata un máximo de 3.000.000 de pesetas para o anexo III, 2.500.000 pesetas para o anexo IV, 16.000.000 de pesetas para o anexo V, 68.000.000 de pesetas para o anexo VI, 21.450.000 pesetas para o anexo VII, e 20.591.400 pesetas para o anexo VIII.

A cantidade destinada a cada unha destas axudas poderá, se non se cobren as expectativas de distribución en función das solicitudes, ser redistribuída a calquera das outras accións sinaladas.

Artigo 3º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 1999-2000, coa excepción das do anexo VIII, que serán para o curso 2000-2001.

Non se financiarán accións realizadas fóra do prazo establecido no parágrafo anterior nin tampouco accións que xa foron financiadas na convocatoria anterior.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes, nos modelos que se xuntan como anexos, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades-Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

Para os efectos de información, os interesados tamén poderán consulta-la páxina web da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG, para as accións especificadas nos anexos I ó VI; e ata o 31 de outubro de 2000 para os anexos VII e VIII, xunto coa documentación esixida para cada unha das accións detalladas no correspondente anexo.

Artigo 5º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais, e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

As listas provisionais correspondentes ós anexos I, II, III, IV, V e VI estarán expostas desde o día 29 de maio ata o día 8 de xuño de 2000 (ámbolos dous incluídos), e as correspondentes ós anexos VII e VIII estarán expostas desde o día 13 ó día 23 de novembro de 2000. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 6º.-Selección.

Para os efectos de selección, a valoración da nota media do expediente académico calcularase de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudios que se cursase, esta nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudios organizados por materias:

Media=suma de notas de cada materia/nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudios estructurados por créditos:

Media=(N1.P1+N2.P2+...)/(C1.N1+C2.N2+...).

Onde: N1= número de créditos de cada materia.

P1= puntuación de cada materia.

C1= número de convocatorias empregadas en cada materia.

No caso dos premios de fin de carreira, a comisión avaliadora poderá ter tamén en conta, para matiza-la proposta, o currículum vitae dos solicitantes e os méritos acreditados. Naqueles casos en que a comisión avaliadora o considere oportuno, poderá propoñe-la concesión de accésit (sen dotación económica), ou deixa-lo premio deserto.

Artigo 7º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

Vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña.

Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerrector de Estudiantes de Docencia e Alumnado da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 8º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 9ª.-Pagamento.

Para o aboamento das axudas convocadas nesta orde, e de acordo co estipulado no artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, poderase acordar no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata un 80%; librarase o 20% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as que foi concedida.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 4 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de catro meses, contados a partir do día seguinte ó do remate do prazo concedido para a presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no Decreto 267/1994, do 29 de xullo (DOG do 26 de agosto), polo que se aproba a relación de procedementos iniciados por solicitude dos interesados, dos que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria sexa competente para resolver e nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Director Xeral de Universidades

ANEXO I

Axudas a asociacións de estudiantes

das universidades galegas

1. Obxecto e solicitudes:

As asociacións de estudiantes das universidades galegas, legalmente constituídas, poderán solicitar axuda económica para algunha das accións seguintes:

a) Fomento das actividades de carácter científico e informativo, así como de formación e mellora das condicións de estudio.

b) Organización ou asistencia a congresos científicos, certames e reunións de estudiantes.

c) Fomento dos servicios de axuda e información ós estudiantes en temas de ámbito académico.

d) Fomento das actividades universitarias que faciliten información e favorezan a relación dos estudiantes co mundo do traballo e co primeiro emprego.

2. Documentación:

a) Solicitude debidamente cuberta, segundo o modelo ED403A, que figura como anexo IX desta orde, asinada polo presidente ou representante legal da asociación.

b) Copia do CIF da asociación.

c) Copia do DNI e xustificante da matrícula, de cando menos 3 membros responsables da proposta pola que é solicitada a axuda, entre os que debe figurar, en todo caso, o presidente.

d) Copia dos estatutos da asociación.

e) Cotas e número de estudiantes asociados.

f) Programa de actividades deste curso xunto cun informe no que debe incluírse xustificación, interese, obxectivos e alcance da actividade, data de realización, orzamento detallado de ingresos e gastos que comporta. No caso de solicita-la axuda por primeira vez ou no caso de que non se lle concedese na convocatoria anterior, deberán xuntarlle á solicitude unha memoria na que quede constancia das actividades desenvolvidas pola asociación no curso anterior á convocatoria.

g) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

h) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome da asociación e de dous dos seus representantes legais, na que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

3. Selección:

A selección farase tendo en conta o programa de actividades e a súa importancia en función dos obxectivos fixados na convocatoria.

4. Contía:

A contía da axuda concedida a cada asociación de estudiantes non poderá supera-las 430.000 ptas.

No caso daquelas asociacións de estudiantes ás que no curso académico 1998/1999 se lles concedese unha axuda e que non fose xustificada total ou parcialmente, aplicaráselles unha reducción, que será fixada pola comisión avaliadora, sobre o importe concedido.

5. Aboamento:

Para os efectos de cobramento, o presidente ou representante legal da asociación deberá entregar na Dirección Xeral de Universidades, antes do 14 de outubro de 2000, unha memoria na que consten os seguintes puntos:

a) Descrición das actividades realizadas.

b) Resumo económico xunto coas facturas orixinais, no que se expliquen os gastos realizados con cargo á axuda percibida.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O presidente ou representante legal da asociación de estudiantes será a persoa responsable ante a Dirección Xeral de Universidades e asinará a solicitude e asumirá tódalas responsabilidades do destino da axuda.

A asociación beneficiaria fará consta-la colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia nas actividades subvencionadas.

ANEXO II

Axudas de desprazamento para a realización

de prácticas de campo recoñecidas nos plans de estudios correspondentes ás titulacións autorizadas pola Xunta de Galicia nas universidades galegas

1. Obxecto e solicitudes:

Poderán solicitar estas axudas os decanos ou directores de centros universitarios das tres universidades galegas: A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, que teñan recollidas nos plans de estudios das titulacións autorizadas e impartidas no seu centro, como mínimo, un 20% de horas prácticas de campo para realizaren os alumnos. Para estes efectos, os plans de estudios deberán estar vixentes.

Igualmente, poderán solicitar estas axudas os decanos e directores de centros cando se trate de prácticas institucionais recoñecidas polo órgano colexiado correspondente (xunta de sección ou xunta de facultade), aínda que non estean no plan de estudios homologado.

2. Documentación:

a) Solicitude cuberta, segundo o modelo ED425A, que figura no anexo X desta orde, asinada polo responsable.

b) Certificado, de se-lo caso, expedido polo secretario da facultade, escola técnica superior, escola universitaria ou da xunta de sección, do acordo polo que se autorizan as prácticas institucionais que non estean nos plans de estudios homologados.

c) Memoria breve, cun máximo de dous folios, na que se indique o tipo de prácticas que se vaian realizar, a súa importancia na formación dos alumnos, o lugar onde se realizarían e unha estimación dos custos para os que se solicita a axuda, así como a especificación do período de tempo (inicio e remate) de realización das prácticas.

d) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

3. Selección:

A selección faise en función do interese das prácticas e a distancia quilométrica desde o centro universitario ata o lugar da súa realización.

4. Contía:

A contía das axudas será repartida en subvencións individualizadas por centros para cada titulación que se solicite, non podendo superar en ningún caso cada subvención individualizada o teito de 320.000 pesetas.

No caso daqueles centros universitarios ós que no curso académico 1998-1999 se lles concedese unha axuda e que non fose xustificada total ou parcial, aplicaráselles unha reducción, que será fixada pola comisión avaliadora, sobre o importe concedido.

5. Aboamento:

Para os efectos de aboamento o decano, director do centro universitario ou persoa competente deberá entregar na Dirección Xeral de Universidades, antes do 14 de outubro de 2000, os documentos xustificativos nos que se expliquen os gastos realizados con cargo á axuda percibida, e a declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas para un mesmo proxecto coma as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

ANEXO III

Axudas a estudiantes das universidades galegas

para a realización de viaxes culturais de carácter

pedagóxico

1. Obxecto e solicitudes:

Poderán solicitar estas axudas grupos de estudiantes universitarios de facultades, escolas universitarias ou escolas técnicas superiores de calquera das tres universidades da Comunidade Autónoma: A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo que estean matriculados no derradeiro ou no penúltimo curso dos seus estudios e teñan programada a realización,

como grupo, dunha viaxe conectada realmente cos devanditos estudios.

Non se concederá máis dunha axuda para cada unha das titulacións de carácter oficial e validez nacional existentes en cada facultade, escola universitaria ou escola técnica superior. Tampouco se concederán axudas para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou cursos de verán.

Para os efectos de solicita-la axuda, e tendo en conta as características dos plans de estudios reformados e a liberdade de progreso que outorgan, o grupo deberá estar constituído, polo menos, por 10 estudiantes que estean no derradeiro ou no penúltimo curso dos seus estudios universitarios no ano académico 1999/2000. Así mesmo, o grupo deberá designar un coordinador que será o responsable do obxecto da axuda ante a Administración autonómica.

2. Documentación:

a) Solicitude debidamente cuberta, segundo o modelo ED418A, que figura como anexo XI desta orde, asinada polo coordinador do grupo.

b) Breve memoria, de dous folios como máximo, do obxecto da viaxe asinada polo coordinador. Nesta memoria especificarase a relación real da viaxe coa carreira estudiada.

c) Certificación expedida pola secretaría da facultade, escola técnica superior ou escola universitaria de que os alumnos que compoñen o grupo solicitante están matriculados, no curso 1999-2000, no derradeiro ou no penúltimo ano de carreira.

d) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

e) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do grupo solicitante e do seu coordinador, na que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

3. Selección:

O criterio de selección fíxase segundo a memoria que presente o grupo, o número de alumnos e o destino da viaxe.

4. Contía:

A contía máxima da axuda concedida por alumno será de 21.000 ptas., destinada a sufragar parte dos gastos do desprazamento ata o lugar de destino.

5. Aboamento:

Para os efectos de cobramento, o coordinador do grupo deberá entregar na Dirección Xeral de Universidades, antes do 14 de outubro de 2000, o seguinte:

a) Un informe cun máximo de 4 páxinas no que se acreditará o cumprimento na viaxe do establecido para a percepción da axuda.

b) Un resumo económico xunto coas facturas orixinais, no que se expliquen os gastos realizados con cargo á axuda percibida.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas

coma as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O coordinador será a persoa responsable ante a Dirección Xeral de Universidades, asinará a solicitude e asumirá tódalas responsabilidades do destino da axuda.

ANEXO IV

Axudas a estudiantes con residencia en Galicia pero que realizan estudios de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia

1. Obxecto e solicitudes:

Poderán solicitar estas bolsas tódolos alumnos universitarios con residencia familiar en Galicia que cursen estudios en universidades públicas de fóra de Galicia durante o curso 1999-2000, nunha titulación ou especialidade recoñecida desa titulación de carácter oficial e validez nacional que non sexa impartida nalgunha das universidades desta Comunidade Autónoma, ou que veñan cursando eses estudios con continuidade noutra universidade pública de fóra de Galicia desde antes de que se comezase a impartición deles na Comunidade Autónoma.

2. Documentación:

a) Solicitude debidamente cuberta, segundo o modelo ED424A, que figura como anexo XII desta orde, asinada polo interesado ou polos pais ou titores legais.

b) Copia do DNI e do NIF do solicitante.

c) Documento acreditativo de estar censado en Galicia.

d) Certificado municipal de convivencia.

e) Copia completa compulsada da declaración da renda das persoas físicas referida ó exercicio do ano 1998, dos membros que constitúen a unidade familiar á que pertence o/a solicitante, xunto coa folla de liquidación do ingreso, selada pola entidade bancaria ou Delegación de Facenda na que foi presentada. No caso de existiren ingresos non suxeitos á declaración ante Facenda deberán facerse constar expresamente no impreso de solicitude.

f) Credencial de bolseiro do MEC no curso 1999/2000 (se procede).

g) Certificación académica ou copia compulsada dela, con especificación das convocatorias.

No caso de validación, deberá presentar tamén a certificación da institución de orixe.

No suposto dos alumnos que acceden ó primeiro curso nas facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias a través do COU e das PAAU, deberán presenta-lo certificado da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) conforme son considerados aptos para o ingreso na universidade. Así mesmo, para os titulados de FP II e módulos de nivel III que soliciten o ingreso nos estudios ou nas titulacións de primeiro ciclo ás que lle dá acceso a súa titulación, deberán presenta-la nota media de acceso.

h) Certificado de matrícula da universidade de fóra da Comunidade Autónoma con especificación dos estudios nos que está matriculado no curso 1999-2000. No caso da UNED deberá especificarse o centro asociado de fóra de Galicia no que estea integrado o solicitante e cumpri-los demais requisitos.

i) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

j) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

3. Selección:

A selección dos beneficiarios farase tendo en conta a nota media do expediente académico e, en caso de empate, por ingresos familiares.

4. Contía:

A súa contía determinarase en función da área xeográfica na que estea situado o centro universitario onde realiza os seus estudios, de acordo coa seguinte estructuración:

Área xeográfica A: abrangue as comunidades autónomas de Asturias,Castela-León e Cantabria. (Contía: 64.000 pesetas).

Área xeográfica B: abrangue as comunidades autónomas de Euskadi, Navarra, Aragón, A Rioxa, Madrid, Castela-A Mancha e Estremadura. (Contía:74.000 pesetas).

Área xeográfica C: abrangue as comunidades autónomas de Andalucía, Murcia, Valencia, Cataluña e Illes Balears. (Contía: 96.000 pesetas).

Área xeográfica D: abrangue a Comunidade Canaria. (Contía: 134.000 pesetas).

5. Aboamento:

As axudas aboaranse na conta bancaria indicada polo interesado, unha vez presentada a declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

ANEXO V

Financiamento de viaxes para estadías nalgún estado membro da Unión Europea co obxecto de coñece-la lingua dese país

1. Obxecto e solicitudes:

Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que reúnan os requisitos seguintes:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun dos estados membros da UE.

b) Estar matriculado, no curso 1999-2000, en calquera dos centros pertencentes ás universidades de: A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, cursando estudios regrados de 1º ou 2º ciclo.

c) Ter aprobado, como mínimo, o primeiro curso con anterioridade á data da orde pola que se convocan estas accións.

d) Estar matriculado de tódalas materias dun curso completo, agás unha delas como máximo, nos plans de estudios estructurados por materias; e nos plans de estudios estructurados por créditos estar matriculado, polo menos, en 50 créditos.

e) Realizar un curso de idiomas cunha duración igual ou superior a 2 semanas.

Non se lles concederán bolsas ós alumnos que estean desfrutando do Programa Sócrates-Erasmus, sempre e cando a estadía que se pretenda facer sexa para perfecciona-la mesma lingua na que se desenvolve o devandito programa ou que teñan concedida unha axuda para a mesma finalidade.

2. Documentación:

a) Solicitude debidamente cuberta, segundo o modelo ED416A, que figura como anexo XIII desta orde, asinada polo interesado ou polos pais ou titores legais.

b) Copia do DNI e NIF do solicitante.

c) Certificación municipal de convivencia.

d) Copia completa compulsada da declaración da renda das persoas físicas referida ó exercicio do ano 1998, dos membros que constitúen a unidade familiar á que pertence o/a solicitante, xunto coa folla de liquidación do ingreso, selada pola entidade bancaria ou Delegación de Facenda na que foi presentada. No caso de existiren ingresos non suxeitos á declaración ante Facenda, deberán facerse constar expresamente no impreso de solicitude.

e) Certificación académica ou copia compulsada dela con especificación das convocatorias. Así mesmo, especificaranse tamén as materias ou os créditos nos que está matriculado o alumno no curso 1999/2000.

No caso de validación deberá presentar tamén a certificación da institución de orixe.

f) Xustificante da matrícula correspondente ó curso 1999/2000.

g) Orixinal ou copia do programa do curso de idiomas ó que desexa asistir, especificando o período de duración e o lugar de destino.

h) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

i) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o número de conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

3. Selección:

A selección dos beneficiarios farase tendo en conta a nota media do expediente académico, que se calculará segundo o artigo 6º das bases da convocatoria.

4. Contía:

As axudas comprenderán unha dotación económica para subvencionar parte dos gastos no país de destino e poderán acadar unha contía máxima de 335.000 pesetas.

A contía exacta determinarase en función da nota media do expediente académico, do país de destino e tempo de permanencia, e dos ingresos familiares.

5. Aboamento:

Para os efectos do aboamento o interesado deberá entregar na Dirección Xeral de Universidades, antes do 14 de outubro de 2000, os documentos xustificativos seguintes:

a) Copia compulsada do certificado de asistencia ó curso, no que se especifiquen as datas de realización.

b) Billetes orixinais ou factura na que se especifique o importe dos gastos da viaxe.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

ANEXO VI

Axudas complementarias do programa de acción

da Unión Europea de mobilidade de estudiantes

(Sócrates-Erasmus)

1. Obxecto e solicitudes:

Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar matriculado no curso 1999-2000, en calquera das universidades desta Comunidade Autónoma: A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, cursando estudios regrados de 1º ou 2º ciclo.

c) Ter concedida unha bolsa do programa Sócrates-Erasmus.

d) Non ter desfrutado desta bolsa en convocatorias anteriores

2. Documentación:

a) Solicitude cuberta, segundo o modelo ED417A, que figura no anexo XIV desta orde, asinada polo interesado ou polos país ou titores legais.

b) Copia do DNI e NIF do solicitante.

c) Certificación municipal de convivencia.

d) Copia completa compulsada da declaración da renda das persoas físicas referida ó exercicio do ano 1998, dos membros que constitúen a unidade familiar á que pertence o/a solicitante, xunto coa folla de liquidación do ingreso, selada pola entidade bancaria ou Delegación de Facenda na que foi presentada. No caso de existiren ingresos non suxeitos á declaración ante Facenda, deberán facerse constar expresamente no impreso de solicitude.

e) Certificación académica ou copia compulsada dela con especificación das convocatorias. Así mesmo, especificaranse tamén as materias ou os créditos nos que está matriculado o alumno no curso 1999/2000.

No caso de validación deberá presenta-la certificación da institución de orixe.

f) Xustificante da matrícula correspondente ó curso 1999/2000.

g) Orixinal ou copia compulsada da credencial de bolseiro do programa Sócrates-Erasmus para o curso 1999/2000.

h) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

i) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o número da conta cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

3. Selección:

A selección dos beneficiarios farase tendo en conta a nota media do expediente académico, que se calculará segundo o artigo 6º das bases da convocatoria.

4. Contía:

A contía máxima que poderán acadar estas axudas será de 385.000 pesetas como cantidade única que se vaia percibir, para o curso académico 1999-2000.

A contía exacta determinarase en función da nota media do expediente académico, do país de destino e tempo de permanencia, e dos ingresos familiares.

5. Aboamento:

As axudas aboaranse na conta bancaria indicada polo interesado, unha vez presentada a declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

ANEXO VII

Premios de fin de carreira da Comunidade

Autónoma de Galicia para alumnos universitarios

que rematen os estudios no ano 2000

1. Obxecto e solicitudes:

O obxecto desta acción é facer un recoñecemento expreso da excelencia académica daqueles estudiantes matriculados no curso 1999-2000 en calquera dos centros pertencentes a algunha das tres universidades galegas.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun dos estados membros da UE.

b) Ter unha puntuación media no seu expediente académico superior a 2,7 puntos para alumnos de facultades e escolas universitarias, e a 2 puntos para alumnos de escolas universitarias técnicas e escolas técnicas superiores.

c) Ter rematada a carreira no ano 2000.

2. Documentación:

a) Solicitude debidamente cuberta, segundo o modelo ED415A, que figura como anexo XV desta orde, asinada polo interesado.

b) Copia do DNI ou NIF do solicitante.

c) Certificación académica persoal con especificación das convocatorias ou copia compulsada dela.

En caso de validacións deberá presentar tamén a certificación da institución de orixe. Os que acceden ó segundo ciclo dunha licenciatura a través do correspondente curso de adaptación, por estaren en posesión dun título de diplomado ou por teren realizado o primeiro ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para efectos de determina-la media do expediente académico deberán achegar, ademais da certificación académica correspondente ó curso de adaptación, 4º e 5º cursos, a referente á diplomatura ou ós estudios de 1º ciclo realizados.

d) Breve currículum vitae, no que se indiquen, se é o caso, os premios, bolsas, etc., que lles foran concedidos e outros méritos que queiran alegar, xunto coa documentación correspondente.

e) Documento facilitado pola entidade bancaria, a nome do interesado, no que conste o número de conta do cliente, os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

3. Selección:

A selección farase ordenando tódalas solicitudes que cumpran os requisitos en función do expediente académico e do currículo presentado.

4. Contía:

Concederáselle un premio ó mellor expediente académico por cada carreira cursada en escolas universitarias, facultades ou seccións, se é o caso, ou escolas técnicas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os que resultasen premiados recibirán:

-Un diploma acreditativo desta distinción.

-Unha contribución en metálico de 390.000 pesetas.

ANEXO VIII

Bolsas de residencia para a realización de estudios universitarios de 1º, 2º ou 3 ciclo, no curso 2000-2001, en centros da Comunidade Autónoma, destinadas ós galegos que residan fóra de Galicia e ós seus descendentes

1. Obxecto e solicitudes:

Poderán solicitar estas axudas os alumnos que reúnan os requisitos seguintes:

a) Ser galego ou descendente de galegos en liña directa (pais-fillos-netos) e ter residencia fóra da Comunidade Autónoma no momento da publicación da convocatoria.

b) Estar en condicións de inicia-los estudios universitarios para os que se solicita a bolsa ó comezo do curso 2000-2001.

c) Acredita-la súa admisión nun centro dunha das tres universidades galegas para segui-los estudios regrados de primeiro ou segundo ciclo, e, cando se trate do terceiro ciclo, estar matriculado nun programa de doutoramento impartido nalgún departamento desas universidades.

2. Documentación:

a) Solicitude debidamente cuberta, segundo o modelo ED428A, que figura como anexo XVI desta orde, asinada polo interesado.

b) Copia do DNI/NIF ou pasaporte do solicitante.

c) Documento acreditativo da súa condición de galego ou ascendencia galega (copia do libro de familia, partida de nacemento...).

d) Copia completa compulsada da declaración da renda das persoas físicas referida ó exercicio do ano 1999, dos membros que constitúen a unidade familiar á que pertence o/a solicitante, xunto coa folla de liquidación do ingreso, selada pola entidade bancaria ou Delegación de Facenda na que foi presentada. No caso de existiren ingresos non suxeitos á declaración ante Facenda, deberán facerse constar expresamente no impreso de solicitude.

e) Certificación académica, ou copia compulsada, dos estudios realizados polo solicitante, na que consten a súa duración en anos académicos, materias cursadas e cualificacións obtidas. No caso de estudios validados, deberá presentar tamén certificación académica de idénticas características para os estudios de orixe.

No suposto dos alumnos que acceden ó primeiro curso nas facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias a través do COU e das PAAU, deberán presenta-lo certificado da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) conforme son considerados aptos para o ingreso na universidade. Así mesmo, para os titulados de FP II e módulos de nivel III que soliciten o ingreso nos estudios ou nas titulacións de primeiro ciclo ás que lle dá acceso a súa titulación, deberán presenta-la nota media de acceso.

f) Xustificante de matrícula correspondente ó curso 2000-2001.

g) Certificado de validacións de estudios cursados no estranxeiro polos equivalentes españois, cando proceda, ou xustificante de telo solicitado, se así o requiren os estudios que vaia realizar en Galicia.

h) Se a documentación estivese escrita en lingua diferente das que son oficiais en Galicia, xuntarase traducción do documento en cuestión en calquera das dúas linguas oficiais: galego ou castelán.

i) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

j) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do solicitante, no que conste o número de conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

3. Selección:

A selección dos beneficiarios farase tendo en conta a nota media do expediente académico, que se calculará segundo o artigo 6º das bases de convocatoria.

4. Contía:

A contía máxima que poderán acadar estas axudas para estudios regrados de 1º e 2º ciclo será de 435.000 pesetas e, cando se trate de 3º ciclo, de 660.000 pesetas.

A determinación da contía de cada axuda establecerase en función do expediente académico e dos ingresos familiares.

5. Obrigas dos bolseiros:

a) Incorporaranse ó comezo do curso académico 2000-2001 á universidade ou ó centro no que se van realiza-los estudios.

b) Ó finaliza-lo curso académico, o beneficiario remitirá á Dirección Xeral de Universidades unha memoria cun máximo de tres folios onde consten

as actividades realizadas como estudiante e as cualificacións obtidas nos seus estudios.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.