Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 20 de marzo de 2000 Páx. 3.814

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CENTRO INFORMÁTICO PARA A XESTIÓN TRIBUTARIA, ECONÓMICO-FINANCEIRA E CONTABLE

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2000 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso no cadro de persoal laboral fixo do Cixtec dunha praza de administrativo.

Ó amparo da disposición adicional 5ª da Lei 2/1998, pola que se crea o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable, e do artigo 7 h) do Decreto 361/1998, do 4 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do Cixtec, e en cumprimento da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, o Cixtec acorda convocar probas selectivas para o ingreso no cadro de persoal laboral fixo do Cixtec, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Normas xerais:

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 1 praza de administrativo polo sistema de acceso libre, procedemento de concurso-oposición.

Por non alcanzarse as porcentaxes mínimas, non se reserva ningunha praza para ser cuberta por persoa con minusvalidez co grao de discapacidade igual ou superior ó 33%.

1.2. A este proceso selectivo seralle aplicable a Lei 10/1996, do 5 de novembro, e o disposto nas bases da convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos:

2.1. Para ser admitido á realización das probas selectivas os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

2.1.1. Ser español ou te-la condición de nacional dun estado membro da UE.

2.1.2. Ter feitos os 18 anos.

2.1.3. Estar en posesión do título académico de bacharelato superior, FP 2º grao ou equivalente.

2.1.4. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

2.1.5. Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

2.2. Tódolos requisitos esixidos nos puntos anteriores deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Solicitudes.

3.1. Os que dexesen tomar parte nestas probas selectivas deberán facelo constar en instancia axustada ó modelo que figura no anexo III.

Así mesmo, no epígrafe correspondente da instancia, deberá facerse consta-la titulación posuída ou estar en condición de a obter.

Á instancia xuntarase a documentación esixida no anexo I.

3.2. A presentación de solicitudes farase nas dependencias do Cixtec, Santiago de Compostela, rúa Ramón Piñeiro, nº 27, CP 15702, ou ben na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo de 20 días naturais, a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG e dirixirse ó director do Cixtec.

3.3. Os aspirantes con minusvalidez deberán indicalo na solicitude. Así mesmo deberán solicita-las correspondentes adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

3.4. Os erros de feito que puideran advertirse poderán corrixirse en calquera momento, de oficio ou por instancia do interesado.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de instancia, o director do Cixtec dictará resolución na que se declare aprobada a lista de admitidos e excluídos. Na dita resolución, que se fará pública por medio do correspondente anuncio no DOG, indicaranse os lugares en que se atope exposta ó público a lista certificada completa de aspirantes admitidos e excluídos. As devanditas listas deberán ser expostas en todo caso no taboleiro de anuncios do Cixtec. Nas listas deberán constar, en todo caso, os apelidos, nome e número do DNI, así como a causa de exclusión.

4.2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 10 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poder corrixi-lo defecto que motivou a exclusión, transcorrido este, publicarase a lista definitiva nos lugares indicados.

Contra a dita resolución poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o órgano que a dicte no prazo dun mes contado desde

o día seguinte ó da publicación da resolución, ou directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á súa publicación, ante o órgano competente da orde xurisdiccional contencioso-administrativa.

O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos no procedemento que se convoca mediante a presente resolución. Cando da documentación que deba presentarse no caso de supera-lo proceso selectivo se desprenda que non posúe algún dos requisitos, os interesados decaerán en tódolos dereitos que puideran derivarse da súa participación neste procedemento.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal encargado de efectua-la selección, que estará constituído por un número impar de membros, non inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de membros suplentes, será nomeado polo director do Cixtec. A súa composición farase pública por medio do correspondente anuncio no DOG.

5.2. Os membros do tribunal absteranse de intervir, notificandollo ó presidente do tribunal, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, ou se estivesen realizando tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar ós membros do tribunal declaración expresa de non atoparse incursos nas circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992.

Os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias previstas nesta base.

5.3. Para a válida constitución do tribunal requirirase a presencia do presidente e secretario, e que a metade, polo menos, dos seus vocais sexan titulares ou suplentes. Celebrará a súa sesión de constitución no prazo máximo de sesenta días a partir da publicación da súa designación.

Na dita sesión o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia do presidente e secretario ou, se é o caso, dos seus suplentes, e a metade polo menos dos seus vocais, titulares ou suplentes.

5.5. Na oposición, o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puideran xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as

probas correspondentes dos exercicios que considere pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicarselle ó director do Cixtec.

5.7. O tribunal adoptará as medidas precisas, nos casos en que sexa necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás do resto dos participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na base 3.3 as adaptacións de tempo e medios para a súa realización.

5.8. Para os efectos do disposto no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, o tribunal terá a categoría terceira.

5.9. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na rúa Ramón Piñeiro, nº 27, 15702, Santiago de Compostela.

5.10. O tribunal non poderá aprobar nin declarar que superaron as probas un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas.

6. Lista de aprobados.

Finalizada a oposición, o tribunal fará públicas, no lugar da súa sede, sinalado na base 5.9, e naqueloutros que considere oportunos, a lista de aspirantes aprobados, con indicación da puntuación obtida.

O presidente do tribunal enviaralle ó director do Cixtec a copia certificada da devandita lista de aprobados así como a relación de opositores que superaron o cuarto exercicio con indicación da puntuación final obtida no conxunto de probas. Os nomes dos que superasen o proceso selectivo faranse públicos por medio do correspondente anuncio no DOG.

7. Presentación de documentos e nomeamentos.

7.1. No prazo de 15 días naturais, contados desde o día seguinte a aquel no que a lista de aprobados sexa anunciada no DOG, os aspirantes que superasen o proceso selectivo deberán presentar no Cixtec, rúa Ramón Piñeiro, 27, os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título esixido na base 2 ou certificación académica que certifique ter feito tódolos estudios para a obtención do título.

b) Declaración xurada ou promesa de que non foi separado, mediante expediente disciplinario, de ningunha administración pública nin atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

7.2. Os que dentro do prazo fixado e salvo casos de forza maior non presentasen a documentación ou do seu exame se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser nomeados persoal laboral e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

7.3. Finalizado o proceso selectivo e unha vez cumpridos os requisitos esixidos con anterioridade, os que os superasen serán nomeados persoal laboral fixo do Cixtec na categoría que corresponda me-

diante resolución do director do Centro Informá-

tico para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable, que se publicará no DOG, de acordo coa puntuación obtida no proceso selectivo.

7.4. Na resolución pola que se publique a proposta definitiva de aprobados poderán incluírse os postos que se lles oferten, con indicación dos requisitos para o seu desempeño.

9. Norma derradeira.

Esta convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2000.

Gonzalo Gómez Montaña

Director do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable

ANEXO I

O procedemento de selección será o de concurso-oposición.

1. Fase de concurso:

1.1. Ós aspirantes que desempeñen ou desempeñasen postos de traballo de administrativo na Xunta de Galicia, valoraránselle-los servicios prestados a razón de 0,17 puntos por mes.

1.2. Ós aspirantes que desempeñen ou desempeñasen postos de traballo de administrativo noutras administracións públicas, valoraránselle-los servicios prestados a razón de 0,05 puntos por mes.

1.3. Cursos de galego:

Curso de iniciación: 0,50 puntos.

Curso de perfeccionamento: 1,50 puntos.

De acreditarse máis dun curso, só se valorará o superior.

1.4. A puntuación máxima da fase de concurso non poderá supera-los 18 puntos.

2. Fase de oposición:

Os temarios polos que se rexerán as probas selectivas son os que figuran no anexo II da presente convocatoria.

2.1. Primeiro exercicio: proba escrita de carácter eleminatorio constituída por 80 preguntas tipo test, relativas a todo o temario, con tres respostas alternativas das que só unha é verdadeira. O tempo de realización deste exercicio será de 1 hora e 45 minutos. Este exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e será necesario para superalo obter unha puntuación mínima de 10 puntos. Correspóndelle ó tribunal determina-lo número de respostas correctas esixidas para alcanza-la puntuación mínima, tendo en conta que por cada resposta incorrecta descontarase unha correcta.

2.2. Segundo exercicio: de caracter eliminatorio consistirá na resolución dun suposto práctico que se elixirá entre dous propostos polo tribunal.

Este exercicio terá unha duración máxima de 2 horas e cualificarase de 0 a 20 puntos; será necesario para superalo obter unha puntuación mímina de 10 puntos, correspondéndolle ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para alcanza-la puntuación mínima.

2.3. Terceiro exercicio de carácter eliminatorio constará de dúas probas: 1ª proba: traducción dun texto de galego para o castelán e a 2ª proba na traducción dun texto de castelán para o galego. Os textos serán elixidos por sorteo de entre dous propostos polo tribunal. Este exercicio cualificarase de 0 a 5 puntos polo tribunal. A duración máxima deste exercicio será de 1 hora.

A puntuación de tódolos exercicios publicaranse no taboleiro de anuncios do Cixtec ademais de por calquera outro medio que se considere conveniente.

Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistos do correspondente lapis para a realización dos exercicios tipo test.

A orde de puntuación dos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma da puntuación obtida na fase de concurso e na de oposición, non podendo supera-lo proceso selectivo un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas.

2.4. Desenvolvemento dos exercicios:

A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra G, consonte a resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 23 de febreiro de 1999.

En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal para acreditaren a súa identidade.

Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluído da oposición quen non compareza, agás nos casos de forza maior xustificados e libremente apreciados polo tribunal.

O día, hora e lugar de celebración do primeiro exercicio farase público na resolución que aprobe a lista definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

A publicación dos sucesivos anuncios de celebración do segundo e restantes exercicios será efectuada polo tribunal no taboleiro de anuncios do Cixtec, ademais de por calquera outro medio que o considere conveniente, sempre con vintecatro horas de antelación, cando menos, á súa inciación.

ANEXO II

Temario administrativos

Tema 1. A Constitución española de 1978: estructura, contido e principios. Os dereitos fundamentais e as liberdades públicas. Os deberes. O Tribunal Constitucional.

Tema 2. A Coroa. As Cortes Xerais: composición. Atribucións e funcionamento. A elaboración das leis. O control parlamentario do Goberno.

Tema 3. O Goberno. Funcións do Goberno. A Administración pública. Goberno e Administración.

Tema 4. A Administración xeral do Estado. A Administración periférica do Estado. As administracións locais: o municipio e a provincia. Administración institucional.

Tema 5. O Estatuto de autonomía de Galicia: estructura e contido. Administración de xustiza de Galicia.

Tema 6. O Goberno da Comunidade Autónoma. A Xunta de Galicia e o seu presidente.

Tema 7. O Parlamento de Galicia. Funcións. O control parlamentario da acción do Goberno. O Valedor do Pobo.

Tema 8. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tema 9. A Administración autonómica de Galicia: organización e estructura de Consellerías. Estatuto do Cixtec (Decreto 361/1998, do 4 de decembro).

Tema 10. O acto administrativo. Eficacia, validez e execución.

Tema 11. O procedemento administrativo. Iniciación. Instrucción. Terminación. Execución.

Tema 12. Os recursos administrativos. O recurso contencioso-administrativo.

Tema 13. A contratación administrativa: natureza, caracteres e clases. Elementos: suxeitos, obxecto, causa e forma. Formas de adxudicación dos contratos.

Tema 14. Contido e efectos dos contratos administrativos. Cumprimento dos contratos administrativos. Risco e ventura e forza maior na contratación administrativa. Resolución, rescisión e renuncia.

Tema 15. A función pública galega: sistema de acceso. Provisión de postos de traballo. Promoción. Situacións administrativas. Dereitos, deberes e réxime disciplinario.

Tema 16. O contrato de traballo. Modalidades. Os convenios colectivos.

Tema 17. O sistema español de seguridade social réxime xeral: acción protectora. Continxencias cubertas. Concepto e clases de protección. Xestión da seguridade social.

Tema 18. O orzamento: contido, estructura, elaboración e aprobación. Modificacións orzamentarias. O control orzamentario.

Tema 19. Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro). Os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. O Consello de Contas.

Tema 20. O concepto de informática. Desenvolvemento histórico. A información e o ordenador electrónico. Nocións sobre microordenadores. Elementos físicos. Sistema operativo. Programa de aplicación.