Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 16 de marzo de 2000 Páx. 3.670

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 21 de febreiro de 2000 pola que se declara a caducidade do permiso de actividade e concesión administrativa dunha granxa mariña sita en Reboredo, O Grove, Pontevedra, titularidade de Cultivos de Peces, S.A. (Cultipecsa).

Visto o expediente de caducidade incoado a Cultivos de Peces, S.A. (Cultipecsa), na súa condición de titular da concesión administrativa e permiso de actividade dunha granxa mariña, situada no lugar de Reboredo, San Vicente do Grove, concello do Grove (Pontevedra), outorgada por Orde do 2-6-1986, e dedicada ó engorde do ollomol (Psetta máxima).

Resultando que con data do 16-11-1998 a Delegación Territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura en Vigo ordenou a incoación do expediente de caducidade á citada concesión e permiso de actividade, pola causa recollida no artigo 72 a) e c) da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia.

Resultando que o acordo de iniciación do expediente de caducidade e o nomeamento de instructor e secretaria, lle foi comunicado ó interesado con data do 25-11-1998, sen que se formulasen alegacións ó respecto.

Resultando que con data do 16-12-1998 lle foi remitido ó interesado a proposta de resolución da caducidade e recibida por el con data do 18-12-1998 e que tampouco se presentaron alegacións dentro do prazo establecido.

Considerando que, segundo informe dos inspectores da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 10-7-1996, o establecemento non se atopaba en explotación e as naves estaban en estado de semiabandono.

Considerando que finalizada a vixencia da orde de outorgamento con data do 2-6-1996 non se solicitou a prórroga no prazo establecido.

Recollidas estas causas de caducidade nos artigos 56.3º e 72 a) e c) da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia.

Vistas a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, a Lei 22/1998, do 28 de xullo, de costas, o Real decreto 1471/1989, do 1 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral para o desenvolvemento da Lei de costas, a

Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia e demais disposicións aplicables ó caso.

Vistos a proposta de resolución emitida polo instructor do expediente e o informe do Servicio Técnico-Xurídico con data do 1-9-1999, esta consellería

ACORDA:

No exercicio das súas atribucións e competencias, extinguir por caducidade o permiso de actividade e concesión administrativa que seguidamente se relaciona, polo cesamento na actividade de cultivo por un período superior ós dous anos e o vencemento do prazo de outorgamento sen que se solicitase e se concedese a prórroga.

Establecemento: granxa mariña.

Titular: Cultivos de Peces, S.A. (Cultipecsa).

Situación: Punta Moreira, Reboredo, San Vicente do Grove (Pontevedra).

Especies: ollomol (Psetta máxima).

Orde de outorgamento: 2-6-1986. (DOG nº 116, do 17 de xuño).

Remate da vixencia: 2-6-1996.

Superficie total: 2.528,10 m (útiles 1.628 m).

Superficie ocupación dominio público: 140 m instalación tubos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou recurso contencioso-administrativo que se interporá no prazo de dous meses ante a xurisdicción contencioso-administrativa; ámbolos prazos contaranse desde o día seguinte ó da súa publicación de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e o artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2000.

P.D. (17-12-1997. DOG nº 246, do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura