Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 2000 Páx. 3.477

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2000, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 345, que afecta ó monte Deira e Pedroso, de Brión e outros lugares da parroquia de Boiro (concello de Boiro).

Reunido o 17 de novembro de 1999 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Rogelio Aramburu Núñez, os vocais, Andrés López-Suevos Fernández, xefe do Servicio de Montes e I.F.; Alfosno Vázquez Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia; Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña; José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de Montes en Man Común, e da secretaria Ana María Díaz López, letrada da citada delegación, para estudiar e resolve-lo expediente nº 345.

Monte: Deira e Pedroso.

Lugares: Brión, Boliña, San, Vista Alegre e Berres.

Parroquia: Boiro.

Concello: Boiro.

Antecedentes de feito

1. Diversos veciños do lugar de Brión, parroquia de Boiro, concello de Boiro, solicitaron con data do 6-11-1995 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 55 ha.

Lindeiros:

É parte da parcela II do monte Deira e Pedroso, nº 148 do CUP.

Norte: propiedades particulares de veciños de Reboredo e Vilariño, do piquete nº 535 ó 553 do deslindamento, seguindo a orde de piquetes. Leste: propiedades particulares de veciños de Trebonzos, do piquete nº 553 ó 276, e deste ó 289 seguindo a orde de piquetes. Monte veciñal de Abanqueiro, do piquete 289 ó 349, seguindo o lindeiro do dito monte. Propiedades particulares de veciños de Abanqueiro, do piquete 349 ó 368 seguindo a orde de piquetes. Sur: propiedades particulares de veciños de Abanqueiro e Vista Alegre, do piquete 368 ó 419 seguindo a orde de piquetes. Oeste: propiedades particulares de veciños de Vista Alegre, Brión, Boiro e Vilariño, do piquete 419 ó 535, seguindo a orde de piquetes.

2. Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 13-6-1997, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeando como instructor a Alfonso Vázquez-Castro Garma, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Noia, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas. Expedíronse mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Boiro, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicáronse edictos no Diario Oficial de Galicia nº 183, do 23-9-1997, taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3. Os veciños de Brión fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común en que, desde tempo inmemorial, veñen realizando aproveitamentos do monte Deira e Pedroso en réxime de man común. En escrito con data do 14-5-1998, estenden a súa petición ós veciños dos lugares de Boliña, San, Vista Alegre e Berres.

Presentan acta de manifestacións ante notario dos veciños de maior idade dos lugares de Brión e Cespón, así como escrituras antigas de compravenda con referencias á existencia do monte veciñal.

4. Ante este expediente formulou alegación o Concello de Boiro que, en sesión da súa comisión de goberno do 21-10-1997, acordou opoñerse á declaración do monte como veciñal, baseándose na súa inclusión no inventario de bens do concello coa cualificación de ben patrimonial de propios, estando inscrito como tal no Rexistro da Propiedade de Noia.

Engaden documentación xustificativa de diversos actos de disposición realizados no monte, e manifestan que nel existen diversos servicios municipais, como cemiterio, colexios, etc. Alegan que os aproveitamentos se realizan en virtude do consorcio vixente co Servicio de Montes, efectuando o propio concello operacións de limpeza e conservación.

5. A asociación de veciños Brétema de Boiro oponse á cualificación do monte Deira e Pedroso, debido

á súa inclusión no inventario de bens do concello e a que existen nel diversos servicios dotacionais. Manifestan que na solicitude de cualificación non se reflicten a totalidade dos lugares que tradicionalmente viñan facendo uso do dito monte. Solicitan finalmente que se manteña como de propiedade municipal.

6. Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito

1. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Brión son parte lexítima para solicitaren a iniciación deste expediente de cualificación.

3. Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1. Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2. Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3. Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

4. Unha vez examinada a documentación e os informes achegados ó expediente, o instructor propón a consideración do xurado as seguintes conclusións:

a) O monte Deira e Pedroso, incluído no CUP co nº 148, deslindouse con data do 31-5-1967, atribuíndose a súa pertenza ás parroquias de Cespón, Boiro e Abanqueiro. A inscrición no CUP orixinou unha efectiva posesión e a conseguinte percepción dos beneficios dos aproveitamentos polo Concello de Boiro, o que determinou que no Pleno do 14-10-1985 se acordara o cambio da cualificación do dito monte á de ben patrimonial de propios, sen que houbese ningunha reclamación durante o correspondente período de información pública. O monte inscribiuse como tal ben de propios no Rexistro da Propiedade de Noia, cancelándose as anteriores inscricións, co que se chega á actual situación xurídica.

b) Os aproveitamentos alegados polos veciños dos lugares de Brión e outros nunca tiveron un carácter

exclusivo, debido ó uso que teñen feito do monte os veciños doutros lugares da parroquia de Boiro, así como das parroquias limítrofes. Ademais, estes aproveitamentos son marxinais fronte ós realizados en virtude do consorcio forestal vixente entre o Concello de Boiro e a Xunta de Galicia (Servicio de Montes e I.F.), e ó que o concello xa estaba incorporado desde o 10-12-1940.

c) Á vista dos escritos motivados dos dereitos de ámbalas partes, considera que os dereitos que se alegan nos aproveitamentos que puideran ter sobre o monte os veciños de Brión e outros, así como os do Concello de Boiro mantendo o seu dereito de propiedade e non recoñecendo o acto posesorio da comunidade solicitante, implica que, o que neste se expón é cuestión relativa ó dominio de tales montes, da competencia exclusiva dos tribunais da xurisdicción ordinaria, para substanciar polos trámites do xuízo declarativo ordinario que corresponda.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor,

ACORDA:

Non cualificar como veciñal en man común o monte Deira e Pedroso afectado por este expediente.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provinical de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 25 de xaneiro de 2000.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña