Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 2000 Páx. 3.447

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2000 pola que se abre prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo Decreto 23/2000, do 28 de xaneiro, correspondentes ós postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), escala de veterinarios, pertencentes á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

BASES:

Base 1ª.-Obxecto.

O obxecto da presente convocatoria é a elaboración de listas con aquelas persoas interesadas na cobertura, con carácter temporal, mediante o nomeamento de persoal interino, de postos de traballo do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), escala de veterinarios, pertencentes á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nos que a súa cobertura se considera de urxente necesidade, mentres non sexan ocupados polos correspondentes funcionarios, de conformidade coa normativa de aplicación.

Base 2ª.-Listas.

Polo que se refire ó ámbito territorial, elaborarase unha lista para servicios centrais e outra para cada provincia da Comunidade Autónoma.

En canto ós apartados ós que se refire o artigo 3 do Decreto 23/2000, do 28 de xaneiro (DOG nº 30, do 14 de febreiro), as listas nas que se incluirán os solicitantes serán as seguintes:

Lista A:

Lista A) 1. Incluiranse neste apartado os aspirantes que, non superando o proceso selectivo convocado pola orde da Consellería de Sanidade e Servicios

Sociais do 1 de marzo de 1993 (DOG nº 46, do 9 de marzo), aprobaron a fase de oposición e obtiveron puntuación na fase de concurso. Neste caso a prelación virá dada pola posición obtida na resolución da convocatoria, computándose a suma de ámbalas puntuacións, figurando aquela de maior a menor. No caso de empate prevalecerá a nota máis alta acadada no primeiro exame.

Lista A) 2. Incluiranse neste apartado aqueles aspirantes que, non superando o proceso selectivo convocado pola orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 1 de marzo de 1993 (DOG nº 46, do 9 de marzo), aprobaron a fase de oposición, e non obtiveron puntuación na fase de concurso, fixándose a súa prelación en función da suma das cualificacións obtidas na dita fase, ordenadas estas de maior a menor.

Estes dous apartados utilizaranse simultánea e alternativamente, realizándose os chamamentos de forma que o primeiro aspirante chamado será o correspondente do apartado A) 1, o segundo ó do apartado A) 2, e así sucesivamente ata a finalización dos chamamentos correspondentes ós dous subapartados do apartado A). Todo isto en cada ámbito territorial no que existan as listas de que se trate.

Aqueles aspirantes que aínda tendo puntos correspondentes á fase de concurso desexen inscribirse na lista A) 2. renunciando ós puntos da fase de concurso e polo tanto á súa inclusión na lista A) 1. poderán facelo sinalándoo na correspondente instancia, debendo permanecer na dita lista, unha vez efectuada a opción durante a súa vixencia.

Lista B:

Incluiranse nestas listas os solicitantes que non reúnan as condicións para poder inscribirse nas anteriores e a orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo ó que se refire o apartado B) do anexo do Decreto 23/2000, do 28 de xaneiro.

Cada interesado poderá presentar solicitude para ser incluído nos ámbitos territoriais que desexe. Unha vez chamados para prestar servicios nun dos ámbitos elixidos e logo de aceptación do posto de traballo, serán excluídos dos demais ámbitos territoriais en que figuren, sen prexuízo do disposto no artigo 8 do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

De conformidade co disposto no artigo 4.3º do Decreto 89/1997, do 10 de abril, a comisión permanente de valoración poderá fixar un número máximo de compoñentes das listas cando, polo número de instancias presentadas e o número de vacantes que se prevexan que poidan producirse, aquel pareza suficiente.

Base 3ª.-Solicitudes.

3.1. As solicitudes que presenten os interesados para a súa inclusión na correspondente lista dirixiranse ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública e axustaranse ó modelo que se publica como anexo I desta convocatoria.

3.2. O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días contados dende a publicación da presente convocatoria no DOG e poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nas súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.3. Todos aqueles solicitantes que foron admitidos no proceso selectivo convocado pola orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 1 de marzo de 1993 (DOG nº 46, do 9 de marzo), estarán exentos do pagamento da taxa por dereitos de inscrición, así como os que posúan unha discapacidade igual ou superior ó 33 %, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa instancia.

Os solicitantes que non participaron no citado proceso selectivo, así como os discapacitados ós que non se refire o parágrafo anterior estarán obrigados, no prazo de dez días a partir da publicación das listas, ó pagamento das taxas que a continuación se expresan: 7.525 ptas, debendo remitir nese mesmo prazo á Dirección Xeral da Función Pública o documento acreditativo do seu aboamento.

Os que así non o fixeran no prazo indicado serán excluídos automaticamente das listas.

Para facer efectivo o ingreso da taxa deberá cubrirse o anexo III. Os modelos correspondentes a este anexo facilitaranse nas dependencias da administración da Xunta de Galicia especificadas na base 3.2., debendo cubrirse cos códigos que figuran nel. Non obstante, para o cumprimento deste requisito poderase utilizar unha fotocopia do anexo III, que se publica con esta convocatoria.

Base 4ª.-Requisitos.

Os solicitantes deberán reuni-lo seguinte requisito: título de licenciado en veterinaria. O citado requisito deberá posuírse o último día do prazo para a presentación de solicitudes.

Así mesmo, terán que acreditar no momento en que acepten o posto de traballo que se lles oferte:

-Ser español.

-Ter cumpridos os 18 anos.

-Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

-Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

No suposto que non acrediten estes requisitos os solicitantes decaerán en tódolos seus dereitos e quedarán excluídos da lista.

Base 5ª.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse fotocopia do DNI, copia cotexada do título académico requirido

nesta convocatoria e, se é o caso, copia cotexada da cualificación da minusvalidez, para os efectos da exención prevista na base 3.3.

Os méritos que invoquen os interesados e que, de acordo co baremo previsto no anexo I do Decreto 23/2000, do 28 de xaneiro, desexen que se lles teñan en conta, así como o cumprimento dos requisitos esixidos para o corpo, escala que se solicita, acreditaranse debidamente mediante documentos orixinais ou fotocopias destes que se presentarán cotexados fidedignamente, debendo numerarse de acordo co modelo do anexo II, significándose que non se valorarán aqueles méritos que a comisión considere que non estiveran suficientemente acreditados.

Os méritos a que se refire o apartado B.3) do anexo do referido decreto, servicios prestados noutras administracións públicas en corpos ou escalas equiparables ó corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), escala de veterinarios, acreditaranse mediante certificación xustificativa que deberá emitirse polos órganos de xestión de persoal competentes.

No suposto de alegar méritos polos apartados A) e B) 1., (ter superados todos ou algún dos exercicios do proceso selectivo convocado pola orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 1 de marzo de 1993), non será necesario que o interesado os xustifique.

Base 6ª.-Elaboración das listas.

6.1. A comisión permanente de selección para a cobertura temporal de postos de traballo reservados a funcionarios, á que se refire o artigo 5 do Decreto 89/1997 e que ten a categoría primeira das previstas no Decreto 299/1990, do 24 de maio, será a encargada de elabora-las listas correspondentes. A petición da comisión permanente, e cando o número de aspirantes así o faga aconsellable, poderán nomearse comisións colaboradoras, e a súa función será participar na aplicación do baremo ós méritos alegados polos interesados.

6.2. Unha vez elaboradas as listas, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no DOG o anuncio da exposición destas nos taboleiros de anuncios do servicio de información e atención ó cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

Base 7ª.-Recursos.

Contra a presente resolución, que non pon fin á via administrativa, poderán os interesados formular recurso de alzada ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2000.

Joaquín López-Rúa Soler

Director xeral da Función Pública