Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 13 de marzo de 2000 Páx. 3.382

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 18 de febreiro de 2000 pola que se convocan bolsas de colaboración para a organización e descrición de arquivos de interese galego.

O Decreto 307/1989, polo que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia, atribúelle á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a competencia de velar pola conservación, organización e difusión do patrimonio documental de Galicia, así como a responsabilidade de fomenta-la adecuada formación do persoal técnico de arquivos. Coñecendo, por outra banda, as necesidades de organización e descrición de fondos documentais de moitos arquivos galegos pola importancia que teñen para garanti-los dereitos e obrigas dos cidadáns e as actividades da propia Administración, esta consellería convoca bolsas de formación e colaboración co fin de proceder á organización deses fondos documentais. Pero é preciso poñer un límite de desfrute destas bolsas, xa que se trata de bolsas de formación e colaboración que intentan da-la posibilidade de completar unha determinada formación académica ó maior número posible de persoas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1.Convócanse 30 bolsas de colaboración para a organización e descrición de fondos de arquivos de interese galego, con cargo á aplicación orzamentaria 10.03.352B.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000. O importe total das bolsas non excederá en ningún caso de 22.639.500 pesetas.

2. As bolsas irán destinadas a tarefas de organización e descrición de arquivos municipais de Galicia e outros arquivos de interese galego.

Os bolseiros realizarán os seus traballos en diversos municipios de Galicia ou outros centros nos que sexan destinados, e serán coordinados e dirixidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo

e por persoal técnico e facultativo debidamente cualificado, designado para o efecto por aquela.

3. Os traballos terán unha duración de 6 meses, a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de acordo co centro de destino.

4. Os bolseiros seleccionados quedarán obrigados a:

-Asistir diariamente durante un mínimo de seis horas ós centros onde resulten destinados. O horario será o establecido polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de acordo co centro de destino.

-A segui-las indicacións técnicas dos coordinadores.

-A entregar ós coordinadores mensualmente informe dos traballos realizados e ó finaliza-la bolsa, un informe técnico ou memoria correspondente á totalidade do traballo, así como copia dos instrumentos de descrición documental resultado deste.

Ó remata-la actividade, os coordinadores dos bolseiros depositarán na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo os informes e copia dos instrumentos de descrición documental realizados por cada bolseiro. O orixinal destes instrumentos descritivos quedará depositado no mesmo lugar no que se realice o traballo.

Artigo 2º

1. Requisitos dos solicitantes:

-Ser licenciados con formación en historia, con coñecementos de arquivística e/ou experiencia en arquivos.

-Non desfrutar con anterioridade de tres ou máis bolsas completas das convocadas por esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a organización e descrición de arquivos galegos.

2. Presentación de solicitudes:

As solicitudes presentaranse conforme ó modelo oficial que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán así mesmo presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Documentación que hai que presentar:

Os solicitantes deberán xunta-la seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda,

calquera que fose esta, situacións que producen incompatibilidade co desfrute da bolsa que nesta orde se convoca.

-Fotocopia compulsada do expediente académico.

-Anexos I e II debidamente cubertos e fotocopia dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos que se achegue proba documental.

4. Unha vez outorgadas as bolsas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá solicitar ós seleccionados a presentación dos orixinais ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán presentarse nun prazo máximo de tres días, contados a partir do momento do seu requirimento público.

5. En caso de renunciar á bolsa, os interesados deberán comunicalo por escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no prazo de tres días desde a notificación nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e nos das súas delegacións provinciais. De non presentarse a renuncia no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria.

Así mesmo, a renuncia durante o período de desfrute da bolsa inhabilitará o seu adxudicatario/a para efectos de presentación na próxima convocatoria.

6. Serán tamén causas de exclusión a demostración de falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais ou a incorrección na documentación presentada.

Artigo 3º

1. As bolsas serán adxudicadas para a organización de fondos dos arquivos de Galicia que se relacionan no anexo II.

2. Resérvanse 3 bolsas para licenciados de calquera das universidades de Galicia, que obtiveran a licenciatura nos anos 1997, 1998 e 1999 e teñan a especialidade de arquivística.

Artigo 4º

O importe de cada bolsa non excederá da cantidade de setecentas cincuenta e catro mil seiscentas cincuenta pesetas (754.650 ptas.)

Artigo 5º

1. Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderán reclamar, se fose necesario, ós solicitantes, que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, outorgándose un prazo de 10 días hábiles desde a notificación de requirimento.

2. A avaliación dos méritos alegados, que corresponde á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, farase segundo o seguinte baremo:

a) Licenciatura nunha universidade da Comunidade Autónoma de Galicia: 1 punto.

b) Experiencia de traballo:

-Traballo remunerado en organización e descrición de arquivos públicos municipais ou na elaboración do censo-guía. Por cada mes traballado: 0,75 puntos ata un máximo de 9 puntos.

-Traballo remunerado en organización e descrición noutro tipo de arquivos públicos. Por cada mes traballado: 0,50 puntos ata un máximo de 6 puntos.

-Traballo remunerado en organización e descrición de arquivos privados. Por cada mes traballado: 0,25 puntos ata un máximo de 3 puntos.

-Traballo non remunerado en organización e descrición de arquivos públicos ou privados con dirección técnica certificada. Por cada mes traballado: 0,10 puntos ata un máximo de 1,20 puntos.

c) Especialización:

-Especialidade universitaria en arquivística: 2 puntos.

-Máster en arquivística: 2 puntos.

-Certificado de escola- obradoiro en arquivística: 2 puntos.

d) Cursos de arquivística, diplomática, paleografía e historia das institucións:

-Con acreditación expresa de 100 horas ou máis de duración: 0,70 puntos, ata un máximo de 2,40 puntos.

-Con acreditación expresa de 60 horas ou máis de duración: 0,50 puntos, ata un máximo de 2 puntos.

-Con acreditación expresa de 40 horas ou máis de duración: 0,30 puntos, ata un máximo de 1,5 puntos.

-Con acreditación expresa entre 25 e 40 horas de duración : 0,20 puntos, ata un máximo dun punto.

-Con acreditación expresa entre 10 e 25 horas: 0,10 puntos ata un máximo de 0,80 puntos.

e) Congresos, xornadas e seminarios:

-Asistencia a congresos, xornadas ou seminarios de arquivística, diplomática, paleografía ou historia das institucións: 0,10 puntos ata un máximo dun punto.

-Presentación de comunicacións en congresos, xornadas ou seminarios sobre arquivística, diplomática, paleografía ou historia das institucións: 0,50 puntos ata un máximo de 2 puntos.

-Presentación de relatorios en congresos, xornadas ou seminarios sobre arquivística, diplomática, paleografía ou historia das institucións: 1 punto ata un máximo de 3 puntos.

f) Publicacións relacionadas coa arquivística, paleografía, diplomática e historia das institucións, impresas antes do remate do prazo de presentación de solicitudes:

-Por cada libro: 1 punto ata un máximo de 3 puntos.

-Por cada artigo en revista especializada: 0,25 puntos ata un máximo de 2 puntos.

-Pola publicación efectiva de inventarios ou catálogos: 0,25 puntos ata un máximo de 2 puntos.

Os cursos e congresos non específicos que se acrediten deberán ir acompañados do seu correspondente programa.

O mesmo mérito só se valorará unha única vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

g) Cursos de galego:

-Iniciación: 0,5 puntos.

-Iniciación e/ou perfeccionamento: 1 punto.

h) Cursos de informática:

-Informática en xeral: 0,10 puntos por curso ata un máximo dun punto.

-Informática aplicada ós arquivos: 0,25 puntos por curso ata un máximo de 1,50 puntos.

3. A selección das bolsas de reserva de praza destinadas a licenciados dos anos 1997, 1998, e 1999 efectuarase con base nas cualificacións obtidas na totalidade das materias correspondentes a tódolos cursos da licenciatura e o número de convocatorias, resultando seleccionados aqueles solicitantes que obteñan a puntuación máis alta.

4. As listas provisionais de bolseiros exporanse nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais. O prazo de exposición será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, e durante os cales se poderán face-las alegacións pertinentes.

5. A resolución da convocatoria correspóndelle ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por proposta do director xeral de Patrimonio Cultural. O acordo farase público, para efectos de notificación ós interesados, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais nun prazo que non excederá de tres meses tralo remate do prazo de presentación de instancias.

Calquera notificación ou requirimento ós interesados farase a través dos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais, dando así cumprimento ó disposto no artigo 59.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

7. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e contra esta cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da data de notificación desta ós interesados ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia,

no prazo de dous meses contados así mesmo desde a data de notificación.

8. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicita-la devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano, procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 6º

O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación.

Ós adxudicatarios das bolsas poderáselles requiri-la documentación necesaria para proceder ó pagamento da dita bolsa.

Artigo 7º

1. No caso de que os beneficiarios das bolsas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992 do 26 de novembro e poderá mesmo anula-los beneficios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas, se as houbese, nos prazos que establece o Regulamento xeral de recadación.

2. O persoal técnico e facultativo que en cada provincia coordine e dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, expedirá, ó remata-los traballos e por petición dos interesados, logo do informe favorable dos coordinadores e entrega dos informes e inventarios realizados, certificación acreditativa da prestación dos servicios.

4. As bolsas non implicarán relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de duración.

Artigo 8º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá facer pública unha nova convocatoria en iguais ou diferentes termos, no caso de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito asignado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Patrimonio Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

ANEXO II

1. Os que optasen ás bolsas de organización e descrición de arquivos de interese galego adxudicadas polo baremo xeral, sinalen por orde de preferencia do 1 ó 27 os destinos elixidos:

* Provincia da Coruña.

-Arquivo municipal de Ares: 1 bolsa.-Arquivo municipal de Fene: 1 bolsa.-Arquivo municipal de Miño: 1 bolsa.

-Arquivos municipais de Monfero e San Sadurniño: 1 bolsa.-Arquivo municipal da Pobra do Caramiñal: 1 bolsa.-Arquivo municipal do Porto do Son: 1 bolsa.-Arquivo municipal de Trazo: 1 beca.-Arquivo municipal de Vilarmaior: 1 beca.

* Provincia de Lugo.

-Arquivo municipal de Antas de Ulla: 1 bolsa.-Arquivo municipal de Castro de Rei: 1 bolsa.-Arquivo municipal do Corgo: 1 bolsa.-Arquivo municipal de Friol: 1 bolsa.-Arquivo municipal de Guntín: 1 bolsa.-Arquivos municipais do Incio e Portomarín: 1 bolsa.-Arquivo municipal do Páramo: 1 bolsa.-Arquivo municipal de Portomarín: 1 bolsa.

* Provincia de Ourense.

-Arquivo municipal de Avión: 1 bolsa.

-Arquivos municipais de Baños de Molgas e Boborás: 1 bolsa.-Arquivo municipal de Beariz: 1 bolsa.-Arquivos municipais do Bolo e A Veiga: 1 bolsa.-Arquivo municipal de Carballeda de Avia: 1 bolsa.-Arquivo municipal de Melón: 1 bolsa.-Arquivo municipal da Veiga: 1 bolsa.-Arquivo municipal de Vilariño de Conso: 1 bolsa.

* Provincia de Pontevedra.

-Arquivo municipal de Caldas de Reis: 1 bolsa-Arquivo municipal de Nigrán: 2 bolsas.

2. Os que optasen pola modalidade de reserva de praza, sinalen por orde de preferencia do 1 ó 3 os destinos a elixir:

-Arquivo Xeral da Xunta de Galicia: 1 bolsa.

-Arquivo municipal de Caldas de Reis (Pontevedra): 1 bolsa.-Arquivo municipal de Pontevedra: 1 bolsa.