Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 10 de marzo de 2000 Páx. 3.316

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO LÁCTEO E GANDEIRO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2000 pola que se prorrogan os prazos de presentación das solicitudes das axudas ós productores de determinados cultivos herbáceos na campaña de comercialización 2000/2001 e determinadas primas gandeiras para o ano 2000, así como das indemnizacións compensatorias en zonas desfavorecidas.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 30 de decembro de 1999, regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión das axudas ós productores de determinados cultivos herbáceos na campaña de comercialización 2000/2001 e de determinadas primas gandeiras para o ano 2000, na Comunidade Autónoma de Galicia, precisando, no seu artigo 3, o prazo de presentación e de admisión de solicitudes.

Así mesmo, na orde da mesma consellería e coa mesma data, regúlanse na Comunidade Autónoma de Galicia as indemnizacións compensatorias en zonas desfavorecidas, establecendo, no seu artigo 8, o prazo de presentación das solicitudes.

Conforme a disposición derradeira primeira das ditas ordes, o director do Instituto Lácteo e Gandeiro

de Galicia (Ilgga) está facultado para modificar, por medio de resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os prazos de presentación de solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos na orde, cando teñan a súa orixe nas modificacións producidas na normativa estatal ou comunitaria reguladoras desas axudas.

A orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), do 3 de marzo de 2000 (BOE nº 58, do 8) prorroga o prazo de presentación de determinadas solicitudes de axudas, establecidas nos reais decretos 1893/1999 e 2801/1999, para a campaña 2000/2001 e para o ano 2000, respectivamente.

De acordo coa norma básica estatal, cómpre modifica-lo prazo de presentación das solicitudes previstas na normativa autonómica reguladora desas axudas.

Na súa virtude, ó amparo da facultade prevista na disposición derradeira primeira das ordes do 30 de decembro de 1999,

RESOLVO:

Primeiro.-Prorroga-lo prazo para a presentación das solicitudes de pagamentos compensatorios ós productores de determinados cultivos herbáceos, de

axuda por superficies para certas leguminosas gran, para a declaración de superficies forraxeiras, das primas por vacas nutrices, dos pagamentos por extensificación e da prima de ovino e caprino, previsto no artigo 3.1º da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 30 de decembro de 1999 (DOG nº 2, do 4-1-2000), reguladora desas axudas, ata o 24 de marzo de 2000.

Segundo.-Prorroga-lo prazo para a presentación das solicitudes de indemnización compensatoria en zonas desfavorecidas, previsto no artigo 8 da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 30 de decembro de 1999 (DOG nº 2, do 4-1-2000), reguladora das ditas indemnizacións, ata o 24 de marzo de 2000.

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2000.

Antonio Crespo Iglesias

Director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia