Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 09 de marzo de 2000 Páx. 3.186

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de febreiro de 2000 pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario.

O plan de formación continuada do profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia persegue, como obxectivos xerais, mellora-la competencia profesional do profesorado, fomenta-la reflexión crítica sobre a súa actividade cotiá e crear actitudes proclives á investigación e á experimentación educativas.

Coa finalidade de facilita-la participación do profesorado en actividades de formación que contribúan á consecución dos obxectivos anteriormente sinalados, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organiza distintas actividades de formación orientadas a conxuga-las necesidades derivadas do propio sistema educativo coas demandas xurdidas do mesmo profesorado.

Malia o anterior, a especificidade dalgunhas actividades de formación, ou as características especiais que a súa realización esixe, desaconsella a súa organización pola propia consellería ou os centros de formación continuada do profesorado dependentes dela sen que iso poida supoñe-la imposiblidade para o profesorado de asistir a este tipo de actividades, e que, de non facilitarse a dita opción, suporía discrimina-lo profesorado afectado por tales circunstancias.

Por iso procede establecer un sistema que permita o reintegro, cando menos parcial, dos gastos orixinados pola asistencia a este tipo de actividades de formación do profesorado.

En consecuencia, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Establece-lo procedemento para o reintegro individual de gastos derivados da asistencia a actividades de formación non organizadas pola

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou os centros de formación de recursos dela dependentes que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español ou no estranxeiro e que comecen entre os días 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2000. En ningún caso se concederán reintegros para a asistencia a actividades de formación de carácter regrado conducentes á obtención dun título, así como para actividades de formación inherentes a estudios regrados. Os reintegros individuais financiaranse con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322I.640.1 deste exercicio económico, correspondente ós orzamentos da Comunidade Autónoma, por unha contía máxima de 12.000.000 de pesetas. Unha vez repartida a devandita contía, as solicitudes de reintegro serán automaticamente denegadas por ter esgotado o orzamento.

Segundo.-Poderán solicita-los devanditos reintegros os profesores/as de niveis non universitarios, con destino en centros docentes, públicos ou privados concertados, en equipos de orientación específica e os profesores/as adscritos ós centros de formación e recursos dependentes desta comunidade e sempre que para a asistencia á mesma actividade non perciban axudas de ningún tipo e que non recibisen reintegros individuais nas dúas últimas convocatorias (anos 1998 e 1999). Así mesmo non se lles concederán reintegros a aqueles profesores/as qué lles estean desfrutando de licencias por estudios durante o período de realización da actividade de formación.

Terceiro.-Os reintegros concederanse para actividades de formación, cursos, xornadas, encontros, conferencias, congresos e outras análogas, directamente relacionadas coa disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparta o solicitante, e segundo os seguintes tipos e límites que se indican:

Lugar de realizaciónContía máxima

Tipo IComunidade Autónoma de Galicia45.000 ptas.
Tipo IIResto do territorio español80.000 ptas.
Tipo IIIEstranxeiro160.000 ptas.

Cuarto.

4.1. Os/as interesados/as deberán dirixi-la súa solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da que dependan, directamente ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo menos 20 días naturais antes do comenzo da actividade para a que solicitan o oportuno reintegro. Para as actividades que comecen antes do 25 de abril de 2000, o prazo de solicitude rematará o 25 de marzo.

4.2. Á solicitude engadiráselle a seguinte documentación.

A) Orixinal ou fotocopia da convocatoria da actividade para a que se solicita o reintegro.

B) Certificación do director do centro onde se xustifique que o solicitante exerce actualmente nel e na que se especifique a disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparte. A dita certificación substituirase por outra expedida polo Servicio de Inspección correspondente no caso de que o solicitante estea destinado nunha escola unitaria. No caso de profesorado de centros concertados, farase constar explicitamente a condición de centro concertado.

C) Orzamento dos gastos de matrícula e desprazamento exclusivamente. En ningún caso se farán constar gastos de mantenza e aloxamento.

D) Breve explicación dos motivos polos que se desexa asistir á actividade e repercusión da asistencia a esta na súa función docente.

E) Declaración xurada de non ter recibido reintegro individual nas dúas últimas convocatorias (anos 1998 e 1999), así como de non estar desfrutando de licencia por estudios durante o período de realización da actividade de formación.

F) Declaración xurada de non percibir outro tipo de subvención para a mesma actividade.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non acheguen os requisitos anteriormente sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou remita os documentos preceptivos; de non o facer considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

Quinto.-As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dentro dos 5 días seguintes ó da súa recepción, remitiranlle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional os expedientes de solicitude co informe da inspección educativa e a súa proposta, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde.

Sexto.

6.1. O reintegro concederase de forma individual e a súa contía fixarase tendo en conta o centro en que estea destinado/a o candidato/a no momento de cursa-la instancia, as características da actividade, lugar de celebración, os gastos de inscrición e a adecuación ó nivel de docencia ou especialización que imparta o solicitante. En todo caso, terán preferencia aqueles solicitantes que nunca obtiveron reintegro individual.

6.2. A valoración dos méritos e demais circunstancias da solicitude para a concesión de reintegros serán estimadas por unha comisión que estará integrada por:

Presidente: o subdirector xeral de Ordenación Educativa.

Vocais: o xefe do servicio de Formación do Profesorado.

Un/unha funcionario/a destinado no Servicio de Formación do Profesorado.

Un/unha funcionario/a da Inspección Educativa.

Un/unha funcionario/a desta consellería, que actuará como secretario/a.

6.3. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, á vista da proposta da devandita comisión, resolverá a concesión ou denegación do reintegro solicitado.

Sétimo.-A concesión ou denegación do reintegro seralle notificada directamente ó interesado/a pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Contra a devandita resolución os interesados/as poderán interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Oitavo.-O aboamento do reintegro tramitarase unha vez que finalice a actividade. Para iso, o interesado/a deberá remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, dentro dos dez días seguintes ó da finzalización da actividade, a seguinte documentación:

a) Breve memoria con informe crítico da actividade desenvolvida.

b) Documento orixinal que xustifique o pagamento da matrícula ou inscrición na actividade e que especifique o importe do gasto realizado.

c) Xustificación dos gastos de desprazamento segundo corresponda (billete de avión, de tren ... -factura da axencia- ou declaración xurada de ter realizado o desprazamento en vehículo propio), tal como se establece no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño), modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro (DOG do 14). Todo iso en documentos orixinais.

d) Fotocopia debidamente compulsada do certificado de asistencia expedido pola entidade organizadora.

e) Declaración xurada de non percibir outro tipo de subvención para a mesma actividade.

Noveno.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria