Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 09 de marzo de 2000 Páx. 3.185

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de febreiro de 2000 pola que se dan instruccións para a conmemoración do Día das Letras Galegas nos centros de ensino non universitarios.

A institucionalización pola Real Academia Galega, a partir de 1963, do Día das Letras Galegas o 17 de maio foi sen dúbida un acontecemento que ano tras ano colleu pulo e resonancia na nosa sociedade, de tal xeito que en toda a Comunidade Autónoma galega se proxecta a figura homenaxeada e serve, ó mesmo tempo, para reflexionar sobre Galicia, sobre a súa lingua e sobre a súa cultura.

A Real Academia Galega tomou como punto de partida para a celebración desta efeméride a publicación no ano 1863 de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

O Goberno galego declara a través do Decreto 2/2000, do 7 de xaneiro, o ano 2000 como ano de Manuel Murguía, figura fundamental do Rexurdimento, literato, historiador e periodista, cunha extensa obra que contribuíu de xeito fundamental ó engrandecemento de Galicia.

Comezou moi novo unha prometedora carreira literaria que abrangueu varios xéneros como a novela, o ensaio, o xornalismo e a crítica literaria.

Desde o seu traballo de historiador propiciou unha renovación metodolóxica na historiografía de Galicia o cal sentará as bases do traballo científico posterior neste campo.

Considerado no seu tempo como unha das figuras máis senlleiras de Galicia, foi cronista xeral do reino e presidente da Real Academia Galega. Durante toda a súa vida desenvolveu un importantísimo labor de defensa da lingua e a identidade de Galicia, o que o fixo merecente dun posto de honra na nosa historia.

Por iso, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Durante o mes de maio destacarase en tódolos centros docentes situados na Comunidade Autónoma galega a importancia que ten para Galicia o Día das Letras Galegas.

Segundo.-O profesorado, de acordo coa liña que estableza o consello escolar de cada centro, programará as actividades escolares que considere oportunas para un mellor coñecemento do persoeiro ó que se lle dedica esta data.

Terceiro.-En calquera caso, cando menos, dedicarase en cada un dos grupos de cada curso unha hora ó desenvolvemento dunha lección ou conferencia-coloquio, adaptada á idade do alumnado, na que se poña de manifesto a importancia que ten para Galicia a nosa lingua, facendo referencia ó literato, historiador e xornalista homenaxeado este ano: Manuel Murguía.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria