Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 09 de marzo de 2000 Páx. 3.190

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 16 de febreiro de 2000 pola que se convocan bolsas para inventario e catalogación de fondos de museos e coleccións relevantes de interese galego.

O Decreto 314/1986, do 16 de outubro, polo que se regula o sistema público de museos da Comunidade Autónoma de Galicia, establece a obriga de tódolos museos de Galicia de confeccionaren o inventario e o catálogo das pezas que posúan, como medio para documentalas cientificamente e así poder exerce-las funcións que a todo centro destas características lle corresponden.

Por outra banda, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ten atribuída, en aplicación das súas competencias en materia de museos e patrimonio moble, a facultade de velar pola conservación, coidado e adecuado coñecemento dos museos e do patrimonio moble de Galicia, así como a de fomenta-la formación do persoal técnico dos museos, colaborando, na medida das súas posibilidades orzamentarias, para o mellor cumprimento dos fins e obrigas que lle son propios.

É preciso poñer un límite no uso das bolsas, xa que se trata de bolsas de formación e colaboración que intentan da-la posibilidade de completar unha determinada formación académica ó maior número de persoas posibles.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse 12 bolsas para inventario e catalogación dos fondos de museos e coleccións relevantes de interese galego, con cargo á aplicación orzamentaria 10.03.352B-481.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 2000. O importe total das axudas en ningún caso excederá a cantidade de 9.072.000 ptas.

2. Os bolseiros realizarán os seus traballos en diversos centros museísticos de Galicia e serán dirixidos polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e polos coordinadores designados para o efecto por aquela.

3. Os traballos terán unha duración de 6 meses a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

4. Os bolseiros seleccionados quedarán obrigados a:

-Asistir diariamente durante un mínimo de 6 horas ós centros onde resulten destinados. O horario será o establecido polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de acordo co centro de destino.

-Segui-las indicacións técnicas dos coordinadores.

-Entregarlles ós coordinadores mensualmente informe dos traballos realizados, e ó finaliza-la bolsa, os inventarios/catálogos e a memoria explicativa resultado do seu traballo. Ó remata-la actividade, os coordinadores dos bolseiros depositarán na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo os informes e os inventarios/catálogos, onde quedará depositada unha copia e os orixinais devolveranse ó centro onde se realizou o traballo.

Artigo 2º

1. Requisitos dos solicitantes:

-Licenciados universitarios con formación académica nalgunha das materias que se relacionan a continuación, e con coñecementos de museoloxía:

Historia da arte.

Arqueoloxía.

Ciencias naturais.

Física e química.

Medicina.

Musicoloxía.

-Non ter desfrutado anteriormente, de 3 ou máis bolsas completas das convocadas por esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para catalogación de fondos de museos.

2. Os solicitantes deberán optar só por un dos campos que se relacionan no anexo II.

3. Presentación das solicitudes:

As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial, que figura como anexo I desta orde, no Rexistro Xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán así mesmo presentarse de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Documentación que hai que presentar:

-Anexo I debidamente cuberto e fotocopia dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos que se achegue proba documental.

-Fotocopia do DNI.

-Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin ter outra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, situacións que producen incompatibilidade co uso da bolsa que nesta orde se convoca.

-Fotocopia compulsada do expediente académico.

5. Unha vez outorgadas as bolsas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderalles solicitar ós seleccionados a presentación do orixinal ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán ser presentados nun prazo non superior a tres días, contados a partir do momento do seu requirimento público.

6. En caso de renunciar á bolsa os interesados deberán comunicalo por escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no prazo de tres días despois da notificación nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nas súas delegacións provinciais. De non presentarse a renuncia no prazo estipulado quedará sen efecto o seu nomeamento e será motivo de exclusión na próxima convocatoria.

A renuncia durante o uso da bolsa inhabilitará o seu adxudicatario/a para efectos de presentación na seguinte convocatoria.

7. Serán causas de exclusión a demostración de falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais ou incorrección na documentación presentada.

Artigo 3º

As bolsas serán adxudicadas prioritariamente para os museos e campos que se relacionan no anexo II.

Artigo 4º

O importe da bolsa non excederá da cantidade de 756.000 ptas. cada unha.

Artigo 5º

1. Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderanlles reclamar, se fose necesario, ós solicitantes que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, outorgándose un prazo de 10 días hábiles, desde a notificación de requirimento.

2. A avaliación dos méritos alegados, que corresponde á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, farase segundo o seguinte baremo:

a) Especialidades:

-Por cada unha das especialidades relacionadas no artigo 2º: 3 puntos.

-Especialidade en museoloxía: 3 puntos.

b) Experiencia de traballo:

-Traballo remunerado en catalogación e inventario de fondos de museos. Por cada mes: 0,25 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.

-Traballo non remunerado en museos. Por cada mes: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1,20 puntos.

c) Cursos relacionados coa especialidade do campo o que opta:

-Por cursos de menos de 40 horas: 0,10 puntos. Ata un máximo dun punto.

-Por cursos con acreditación expresa de 40 ou máis horas: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

-Por cursos con acreditación expresa de 100 ou máis horas: 0,60 puntos. Ata un máximo de 2,40 puntos.

-Por cursos con acreditación expresa de 250 ou máis horas: 1,25 puntos. Ata un máximo de 2,50 puntos.

d) Congresos relacionados coa especialidade do campo á que opta:

-Asistencia a congresos, 0,10 puntos. Ata un máximo dun punto.

-Presentación de comunicacións en congresos: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

-Presentación de relatorios en congresos: 0,50 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.

e) Publicacións relacionadas coa especialidade do campo ó que opta, impresas antes do remate do prazo de presentación de solicitudes:

-Por cada libro publicado: 1 punto. Ata un máximo de 3 puntos.

-Pola publicación de inventarios ou catálogos: 0,50 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

-Por cada artigo en revista especializada: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

O mesmo mérito só se valorará unha vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

f) Doutoramento:

-Pola realización total dos cursos de doutoramento ou tese de licenciatura: 1,5 puntos.

-Pola realización da tese de doutoramento: 1,5 puntos.

g) Cursos de galego:

-Iniciación: 0,5 puntos

-Iniciación e/ou perfeccionamento: 1 punto.

h) Cursos de informática:

-Informática en xeral: 0,10 puntos por curso ata un máximo dun punto.

-Informática aplicada ós museos: 0,25 puntos por curso ata un máximo de 1,50 puntos.

Elaborarase unha lista por cada un dos campos ou especialidades, tendo en conta que só se valorarán dos méritos alegados os relacionados co campo ó que opte o solicitante.

3. As listas provisionais de bolseiros faranse públicas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das

súas delegacións provinciais. O prazo de exposición das listas será de 10 días naturais a contar a partir do día seguinte á súa publicación, e durante os cales se poderán face-las alegacións pertinentes.

4. A resolución da convocatoria correspóndelle ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turimo a proposta do director xeral de Patrimonio Cultural. O acordo farase público, para efectos de notificación ós interesados nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais, nun prazo que non excederá de 3 meses tralo remate do prazo de presentación de instancias.

Calquera notificación ou requirimento ós interesados farase a través dos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turimo e no das súas delegacións provinciais, dando así cumprimento ó disposto no artigo 59.5º b da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

6. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e contra ela cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da data da súa notificación ós interesados, ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados, así mesmo, desde a data de notificación.

7. Unha vez rematado o período de uso da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicita-la devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 6º

O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación.

Ós adxudicatarios das bolsas poderáselles requiri-la documentación necesaria para proceder ó pagamento da dita bolsa.

Artigo 7º

1. No caso de que os beneficiarios das bolsas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e poderá, mesmo, anula-los beneficios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas, se as houbese, nos prazos que establece o Regulamento xeral da recadación.

2. Os coordinadores que dirixan os bolseiros poderán propoñerlle á Dirección Xeral de Patrimonio Cul

tural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo expedirá, logo do informe favorable dos coordinadores, ó remata-los traballos, certificación acreditativa da prestación dos servicios.

4. As bolsas non implican relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de duración.

Artigo 8º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá facer pública unha nova convocatoria en iguais ou diferentes termos, no caso de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito asignado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Patrimonio Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

ANEXO II

No campo da historia da arte.-Museo Municipal Quiñones de León (1 bolsa).-Casa-Museo Emilia Pardo Bazán /Fundación Otero Pedrayo/Colección etnográfica e de historia de San Paio de Narla (1 bolsa).-Museo de Arte Sacra Clarisas de Monforte (1 bolsa).-Sala Laxeiro (1 bolsa).-Tratamento documental (Servicio de Museos e Arquivos) (1 bolsa).

No campo da arqueoloxía.

-Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña (1 bolsa).-Museo Municipal Quiñones de León (2 bolsas).

No campo da medicina.

-Colección de Anestesioloxía e Reanimación (1 bolsa).

No campo da historia natural.-Coleccións de ciencia e técnica do Seminario e do Colexio Franciscano de Lugo (1 bolsa).

No campo da física e química.-Colección de ciencia e técnica do Seminario de Lugo (1 bolsa).

No campo da musicoloxía.-Obradoiro de instrumentos musicais do Centro de Artesanía e Deseño de Galicia (1 bolsa).