Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 08 de marzo de 2000 Páx. 3.134

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 3 de marzo de 2000 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada polos representantes dos traballadores da empresa Maconsi, S.L., adxudicataria do servicio de hostalería-alimentación do Hospital do Meixoeiro, que se levará a efecto os días 8, 9, 10, 14, 15, 16, 20, 21, 22, 28, 29 e 30 de marzo de 2000.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (Diario Oficial de Galicia nº 116, do 20), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta os traballadores da empresa Maconsi, S.L. adxudicataria do servicio de hostalería-alimentación do Hospital do Meixoeiro, que se levará a efecto os 8, 9, 10, 14, 15, 16, 20, 21, 22, 28, 29 e 30 de marzo de 2000, logo de audiencia ó comité de folga,

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada, que se levará a efecto os días sinalados, que afecta os traballadores da empresa Maconsi, S.L. adxudicataria do servicio de hostalería-alimentación do Hospital do Meixoeiro, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-lo adecuado funcionamento dos servicios do centro sanitario afectado, en evitación de que se produzan graves prexuízos ós usuarios; tendo en conta, fundamentalmente, que a folga ten incidencia durante toda a xornada laboral e para tódolas quendas de traballo, durante varios días consecutivos no mes de marzo.

Tales mínimos correspóndense, na súa totalidade, cos fixados nas folgas referentes ó mesmo persoal, convocadas en anos anteriores.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios faraa a dirección da empresa consignataria, procedendo á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo afectado.

Artigo 3º

Os prazos e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2000.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

PersoalCadro de persoal

da empresa

Servicios mínimos

Camareiras3420

Persoal de cociña1712

Total5132