Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 08 de marzo de 2000 Páx. 3.135

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2000, da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, pola que se anuncia a convocatoria dun programa de visitas didácticas polo litoral de Galicia para alumnos do último ciclo de ensino primario, ensino secundario obrigatorio e ensino postobrigatorio non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia.

A presencia e importancia que o mar ten en Galicia non está reflectida no coñecemento que ten a sociedade galega do que realmente representa o sector marítimo-pesqueiro para a nosa Comunidade Autónoma, sendo este distanciamento moito maior no interior e nas zonas rurais.

Nun tempo que o concepto de pesca responsable orienta as actuacións das administracións do sector, nas que é preciso involucrar a tódolos estamentos da sociedade, é de interese, para lograr unha maior participación da poboación nestas actuacións, programar actividades destinadas a dar a coñece-la realidade do mar e o que significa para Galicia, e a súa costa dependente da pesca, dirixidas sobre todo a xente nova en idade escolar. En consecuencia, esta dirección xeral

RESOLVE:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar un programa de visitas didácticas polo litoral de Galicia, para escolares e alumnos do último ciclo de ensino primaro, ensino secundario obrigatorio e ensino post obrigatorio non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia, que se rexerá pola presente resolución.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar a súa participación no programa os centros escolares públicos de ensino primaro (último ciclo), ensino secundario obrigatorio e ensino post obrigatorio non universitario de toda a Comunidade Autónoma galega.

O número máximo de centros participantes fíxase en 60.

Na visita poderán participar un máximo de 55 persoas por centro ( alumnos máis profesores ), cun mínimo de 3 profesores e/ou titores e un máximo de 5.

Para os centros de ensino primario, os alumnos deberán ser do último ciclo.

Artigo 3º.-Finalidade.

O programa consistirá nunha visita en embarcación polas zonas do litoral de Galicia que se establecen,

con saída e finalización desde o porto que oportunamente se comunique.

As zonas iniciais nas que se establecen visitas e o nº das dispoñibles en cada zona é a seguinte:

Zona 1: Mariña de Lugo15 viaxes.

Zona 2: Fisterra-Corcubión15 viaxes.

Zona 3: Ría de Muros-Noia15 viaxes.

Zona 4: Ría de Arousa15 viaxes.

Zona 5: Ría de Pontevedra15 viaxes.

Zona 6: Ría de Vigo15 viaxes.

Os desprazamentos desde a orixe ó punto de saída, visitas adicionais por terra, do punto de finalización á orixe, así como as comidas, serán por conta dos solicitantes.

Artigo 4º.-Datas de realización.

As visitas realizaranse entre os días 24 de abril e o 31 de maio de 2000, en días laborables agás sábados, domingos e festivos.

Artigo 5º.-Solicitudes.

Presentaranse segundo modelo do anexo, no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (edificios administrativos San Caetano, s/n, Santiago de Compostela) antes do vixésimo día hábil seguinte ó da publicación desta resolución, á que se xuntará un informe favorable do consello escolar do centro para a realización da actividade e autorización escrita dos pais dos alumnos, cando estes sexan menores de idade.

Na solicitude indicarase por orde de preferencia a zona na que desexan realiza-la viaxe.

As solicitudes iran xunto cunha memoria xustificativa na que se expliquen os motivos polos que se solicita a viaxe, así como a relación con actividades ou programas educativos que se estean realizando ou se vaian realizar no centro. En tal caso poderase xunta-la información documental que se considere de interese.

Artigo 6º.-Selección.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación seleccionará os centros participantes entre as solicitudes presentadas, tendo en conta a adecuación da visita ás actividades pedagóxicas realizadas no centro, o contorno social no que se encontra e se o centro ten realizado esta visita en anos anteriores.

A resolución de concesión ou denegación seralles comunicada por escrito ós centros solicitantes e non pon fin á vía administrativa. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa notificación e segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2000.

Joaquín Mariño Cadarso

Director xeral de Formación Pesqueira

e Investigación