Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 01 de marzo de 2000 Páx. 2.786

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2000, da División de Recursos Humanos, pola que se resolve definitivamente o concurso voluntario de traslados para a provisión de prazas de persoal sanitario non facultativo e persoal non sanitario das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde.

De conformidade co previsto na base sexta da Resolución do 25 de maio de 1999, pola que se

fai pública a convocatoria do concurso voluntario de traslados para a provisión de prazas de persoal sanitario non facultativo e persoal non sanitario das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde, (DOG nº 107, do 7 de xuño de 1999), esta división, no exercicio das competencias que ten delegadas polo artigo 19.2º do Decreto 49/1998, do 5 de febreiro (DOG nº 33, do 18 de febreiro), polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde,

e no artigo 4 da Orde do 21 de abril de 1998 (DOG nº 88, do 11 de maio),

ACORDA:

Primeiro.-Resolver definitivamente o concurso voluntario de traslados para a provisión de prazas de persoal sanitario non facultativo e persoal non sanitario das institucións sanitarias depedentes do Servicio Galego de Saúde, convocado por Resolución do 25 de maio de 1999, nos termos que aparecen reflectidos no anexo da presente resolución.

Na lista definitiva incluída no anexo figura a relación por cada categoría dos concursantes admitidos, a puntuación definitiva outorgada a cada un e, se é o caso, o destino adxudicado. Así mesmo, tamén se inclúen nesta lista os aspirantes excluídos por algunha das causas de exclusión relacionadas nela.

Segundo.-A publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia serviralles de notificación ós interesados.

Terceiro.-De conformidade co establecido na base 7.10 da convocatoria, a toma de posesión dos novos destinos adxudicados nesta resolución efectuarase de modo simultáneo á dos aspirantes que sexan seleccionados no proceso selectivo convocado por resolución desta división do 28 de decembro de 1998 (DOG nº 9, do 15 e xaneiro de 1999), o que oportunamente, publicarase no Diario Oficial de Galicia. A partir desta publicación os concursantes que obteñan praza deberán cesar na que, se é o caso, desempeñen, dentro dos tres días hábiles seguintes. Non obstante, o xerente da institución, por necesidades asistenciais, poderá ampliar este prazo ata un máximo de vinte días hábiles, comunicando tal decisión á institución na que obtivese novo destino.

A toma de posesión da nova praza deberá efectuarse no centro de xestión de destino dentro dos tres días hábiles seguintes ó do cesamento, se as prazas son da mesma localidade, no prazo de quince días hábiles, se as prazas son de distinta localidade e da mesma área de saúde, ou no dun mes, se pertencen a distinta localidade e área de saúde.

Non disporán de ningún dos prazos posesorios sinalados aqueles adxudicatarios de praza no concurso que xa viñeran ocupando praza no mesmo centro de destino ou localidade, en virtude de comisión de servicios ou reingreso provisional.

Os prazos posesorios do persoal en situación de comisión de servicios entenderanse sempre referidos á praza que veñen ocupando en comisión de servicios.

Se así o permiten as necesidades do servicio e por petición do interesado, os prazos a que se refiren os puntos anteriores poderán ser prorrogados por tempo non superior á metade da súa duración inicial.

Cuarto.-O prazo de toma de posesión iniciarase cando remate o permiso ou licencia que, se é o caso, fose concedido ó interesado, a non ser que, por causas xustificadas, se acorde suspende-lo seu desfrute.

Excepto cando a resolución do concurso implique o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión e, se é o caso, a prórroga deste terá a consideración de servicio activo percibíndose os correspondentes haberes consonte as normas establecidas na Orde do 14 xaneiro de 2000 pola que se dictan instruccións sobre a confección de nóminas do persoal ó servicio da Administración autonómica para o ano 2000 (DOG nº 15, do 24 de xaneiro).

No caso de que a adxudicación da praza supoña o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión será dun mes.

Os traslados derivados deste concurso teñen carácter voluntario, e non xerarán dereito ó aboamento de ningunha clase de indemnización.

Quinto.-Conforme o establecido no artigo 11.4º da Lei 30/1999, do 5 de outubro, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de saúde, as prazas adxudicadas serán irrenunciables, a menos que durante o prazo de toma de posesión se obtivese outro destino mediante convocatoria pública, caso no que o interesado poderá optar entre os postos que lle fosen adxudicados, estando obrigado a comunicárlle-la opción realizada ós organismos convocantes dos concursos en que participasen, dentro do prazo de tres días.

Sexto.-De conformidade co establecido no artigo 11.4º da Lei 30/1999, do 5 de outubro, cando un concursante non tome posesión da súa nova praza dentro do prazo de toma de posesión ou, se é o caso, da porróga que á súa petición motivada lle fose concedida, entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular e será declarado de oficio en tal situación.

Sétimo.-Os concursantes que non obteñan praza no concurso manteranse na situación de destino que posúen, con excepción dos reingresados provisionais que poderán exerce-la opción á que se refire a base 2.6 da Resolución do 25 de maio de 1999, pola que se convocou o concurso de traslados.

Oitavo.-Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán formular recurso contencioso-administrativo ante o xulgado competente, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación. Potestativamente, poderán interpoñer recurso de reposición, no prazo dun mes, ante este centro directivo.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2000.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos