Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 01 de marzo de 2000 Páx. 2.779

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2000, da División de Recursos Humanos, pola que se formaliza a convocatoria para selección de aspirantes a vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde de diversas categorías de persoal estatutario e determinados postos funcionariais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde.

Por resolución conxunta da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, con data do 4 de febreiro de 2000 ordenouse a publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais CIG, CC.OO, UGT, CSI-CSIF e CEM-SATSE, sobre selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Sergas e determinados postos funcionariais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde.

A norma xeral 1ª, no seu primeiro punto, dispón que se efectuará unha convocatoria para a selección dos aspirantes con carácter inmediato á publicación no Diario Oficial de Galicia do pacto, para tódalas categorías incluídas no seu ámbito de aplicación.

Consonte o anteriormente indicado, esta división

DISPÓN:

Primeiro.-Convoca-los aspirantes interesados en presenta-la súa solicitude de inscrición nas listas que se confeccionen en aplicación do citado pacto, co fin de que no prazo máximo de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria, o fagan no modelo correspondente á categoría solicitada (xúntanse modelos de solicitude como anexos I, II e III), achegando con esta os xustificantes dos requisitos esixidos e méritos alegados que non tivesen sido achegados na convocatoria anterior.

Así, non será preciso achegar certificación ou documentos xustificativos dos requisitos habilitadores e méritos relativos a experiencia profesional, formación académica, formación especializada, formación continuada e coñecementos do idioma galego xa tidos en conta en anteriores convocatorias e que,

por tanto, constan no expediente dos aspirantes, coa excepción do certificado acreditativo do tempo de desemprego, que deberá presentarse necesariamente coa solicitude.

A presentación das solicitudes resulta requisito imprescindible, en tódolos casos, para adquiri-la condición de aspirante inscrito nas novas listas.

Os modelos de solicitude facilitaranse nas direccións provinciais do Sergas, nos centros hospitalarios e nas xerencias de atención primaria dependentes delas.

Segundo.-Será preciso que os aspirantes acrediten con documentos orixinais ou copias fotoestáticas compulsadas os requisitos e méritos presentados, nos termos previstos nos correspondentes baremos do pacto.

Non será necesario acreditar documentalmente a superación do exercicio ou exercicios da fase de oposición da categoría á que se opta, convocada polo Servicio Galego de Saúde, Resolución do 28 de decembro de 1998 (DOG nº 9, do 15 de xaneiro de 1999), xa que se dispón destes datos de xeito fidedigno nas direccións provinciais do organismo. Daquelas categorías que foron obxecto de OPE na anterior convocatoria do Sergas, Resolución do 19 de xuño de 1995 (DOG nº 122, do 27 de xuño) e que non están incluídas na convocatoria do 28 de decembro de 1998 (electricista, telefonista, mecánico e calefactor) os aspirantes tampouco terán que achega-la acreditación da superación dos exercicios por constar xa no expediente.

Só se valorarán os méritos acreditados ata o día inmediatamente anterior ó da data de publicación no DOG desta convocatoria, de acordo co disposto na norma xeral 5ª do pacto.

Será absolutamente imprescindible para a admisión e, se é o caso, valoración dos méritos dos aspirantes, que se acheguen as certificacións acreditativas destes dentro do prazo de presentación de solicitudes. Calquera certificación achegada fóra do indicado prazo será rexeitada e excluída da valoración.

No caso de acceso a postos das clases de funcionarios inspectores médicos e subinspectores sanitarios, médicos e ATS/DUE dentro da escala de saúde pública e Administración sanitaria, os interesados, para optar a nomeamentos destes grupos farano constar na cuadrícula específica da solicitude, das categorías estatutarias da mesma titulación.

Terceiro.-Tódolos aspirantes solicitarán a súa inclusión nunha única lista e área de xestión sanitaria.

No suposto de que, a través dos mecanismos de control, se detecten duplicidades, excluiranse inmediatamente os aspirantes incursos nelas.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2000.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

do Servicio Galego de Saúde