Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2000 Páx. 2.553

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE ARZÚA

ANUNCIO.

De conformidade co acordo adoptado pola Comisión de Goberno deste concello, na sesión do 17 de decembro de 1999, polo cal se aproban as bases que haberán de rexe-la convocatoria para a provisión, polo sistema de concurso-oposición, dun posto de traballo de animador deportivo,

Procédese a anuncia-la convocatoria para a provisión do devandito posto de traballo conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

A contratación laboral indefinida, mediante concurso-oposición, da persoa que haberá de realiza-las seguintes funcións:

a) Desenvolve-la animación deportiva no concello, en especial o deporte escolar e/ou o deporte federado.

b) Colaborar nas campañas deportivas da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial, participando nos cursos de formación que se convoquen.

c) Colaborar nas tarefas de supervisión que realice tanto a Deputación Provincial como a Xunta de Galicia.

d) Aqueloutras tarefas relacionadas coa posta en funcionamento de actividades deportivas que lle sexan encomendadas polos órganos de goberno do concello ou polo concelleiro de Deportes.

A devandita contratación realizarase de conformidade co artigo 15 e concordantes do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo cal se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, durante unha xornada laboral de corenta horas semanais que serán prestadas de luns a domingo, por unha retribución bruta mensual de 124.864 pesetas, máis dúas pagas extras, cos descansos semanais que correspondan conforme o disposto no artigo 37 do antedito estatuto e tendo en conta o previsto nel sobre horas extraordinarias.

Segunda.-Condicións dos aspirantes.

a) Ser cidadán comunitario.

b) Ter cumpridos 18 anos de idade.

c) Non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que impida para o desempeño das funcións propias do posto de traballo para o que se opta.

d) Estar en posesión do título de bacharelato superior ou equivalente.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas.

f) Non incorrer en causa de incompatibilidade ou de incapacidade, conforme a normativa vixente referida ó día da formalización do contrato.

g) Te-la tarxeta de demandante de emprego ou para mellora de emprego expedida pola oficina do Inem correspondente.

Terceira.-Presentación de solicitudes.

As instancias, nas que se solicita tomar parte neste procedemento de selección, dirixiranse ó alcalde do Concello de Arzúa, facendo constar que se reúnen os requisitos establecidos na base segunda.

Deberán presentarse no rexistro xeral da casa do concello, no prazo de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

(Tamén se poderán remitir, dentro do mesmo prazo, na forma que determina o artigo 38, nº 4, da Lei 30/1992, do 26 de novembro).

A cada instancia achegarase a relación dos méritos que se aleguen, de entre os que haberán de ser obxecto de valoración na fase de concurso -previstos no anexo I destas bases-, referidos á data límite de finalización do prazo de presentación de instancias; así como os documentos ou certificacións acreditativas deles, e achegarase tamén unha fotocopia do documento nacional de identidade.

Cuarta.-Relación de admitidos.

Finalizado o prazo de presentación de instancias, a alcaldía dictará a resolución que declare aprobada a lista provisional de admitidos e excluídos que será feita pública no BOP e no taboleiro de edictos da casa do concello. Concederase un prazo de dez días para a presentación de reclamacións ou emenda de erros, nos termos do artigo 71 da Lei 30/1992.

As devanditas reclamacións, se as houbese, serán aceptadas ou rexeitadas na resolución pola que se aprobe a lista definitiva que será publicada do mesmo xeito que a provisional e que conterá -ademais da composición do tribunal cualificador lugar, data e hora na que haberá de ter lugar a valoración dos méritos da fase de concurso e o exercicio teórico da fase de oposición.

Quinta.-Tribunal cualificador.

Estará integrado polos seguintes membros:

* Presidente: o da corporación, ou o tenente de alcalde en quen delegue.

* Secretario: o do concello ou o funcionario en quen delegue que actuará con voz pero sen voto.

* Vocais:

-O concelleiro-delegado en materia de persoal ou no seu defecto o concelleiro-delegado en materia de deportes.

-Un funcionario de carreira ó servicio desta entidade local designado pola alcaldía mailo seu suplente.

-O representante dos traballadores e como suplente o traballador do cadro de persoal que designe o alcalde por proposta da representación dos traballadores.

-Un representante da Deputación Provincial da Coruña mailo seu suplente.

Non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros sendo preciso en todo caso a asistencia de presidente e de secretario.

Sexta.-Proceso de selección.

Desenvolverase en dúas fases: a) concurso e b) oposición libre.

a) Na fase de concurso, serán cualificados polo tribunal os méritos a que se refire o anexo I destas bases, e aplicarase a valoración establecida no correspondente baremo e en función da documentación achegada polos aspirantes. Non serán obxecto desta valoración aqueles méritos que non estean debidamente acreditados.

A cualificación desta fase deberá estar concluída antes de ter lugar a fase de oposición e farase público o seu resultado no taboleiro de edictos da casa do concello.

b) Na fase de oposición, realizarase un exercicio de carácter teórico consistente en responder por escrito -durante un prazo de dúas horas- a cincuenta cuestións de carácter breve ou preguntas de tipo test que serán propostas polo tribunal cualificador con anterioridade ó comezo do exercicio, en relación cos temas contidos no anexo II destas bases. De maneira que nas preguntas que se establezan na modalidade de tipo test, de cada catro respostas incorrectas considerarase que restan unha contestación válida.

A cualificación efectuarase sumando as puntuacións outorgadas por cada membro do tribunal cualificador, de 0 a 10 puntos, e dividindo o total resultante polo número dos seus membros asistentes. Quedarán eliminados os aspirantes que non acaden o mínimo de cinco puntos na valoración deste exercicio.

Sétima.-Relación de aprobadas e presentación de documentación.

Concluída a cualificación dos aspirantes, o tribunal cualificador:

1. Publicará no taboleiro de edictos da casa do concello a relación de aprobados por orde de puntuación, con especificación dela, e

2. Elevará a correspondente proposta de contratación a favor de quen obtivese a puntuación máis alta no proceso selectivo despois de suma-la puntuación da fase de concurso ós puntos obtidos na fase de oposición. Isto sen prexuízo de considerar trasladada a proposta de contratación a favor do seguinte -é, se é o caso, dos seguintes aspirantes na orde de puntuación que superasen o exercicio eliminatorio da fase de oposición-, no suposto de que o primeiro aspirante proposto (ou os sucesivos seguintes) non puidesen acredita-los requisitos necesarios para ser contratados ou renunciasen a tal contratación.

O aspirante proposto disporá dun prazo de cinco días desde a publicación do resultado deste proceso de selección para presentar na secretaría do concello os documentos acreditativos de que se cumpren os requisitos previstos na base segunda.

Se o aspirante proposto non presentase dentro dese prazo indicado -agás por causa de forza maior- a súa documentación correspondente ou non acreditase reuni-los requisitos esixidos, non poderá procederse ó seu nomeamento quedando anuladas tódalas súas actuacións; sen prexuízo da responsabilidade en que puidese incorrer por falsidade na instancia presentada para tomar parte no concurso-oposición.

Oitava.-Formalización do contrato.

Terá lugar no prazo de dez días a partir da data de notificación do decreto de nomeamento dictado pola alcaldía.

Novena.-Incidencias.

O tribunal cualificador queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten, e adopta-los acordos necesarios para a boa orde do concurso-oposición, en todo o non previsto nestas bases.

Décima.-Recursos.

Os interesados poderán recorrer contra esta convocatoria e as súas bases no prazo de trinta días seguintes ó da súa publicación no BOP, mediante a interposición do recurso de reposición.

Os actos administrativos derivados da convocatoria e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei de procedemento administrativo.

ANEXO I

Baremo de méritos para a fase de concurso da praza convocada:

1. Por servicios prestados en calquera concello nun posto de traballo similar: 1.30 puntos por cada ano completo de servicios prestados en virtude do contrato laboral sen que poidan computarse os períodos inferiores. Máxima: 4 puntos.

2. Por estar en posesión das seguintes titulacións que serán excluíntes entre si en caso de concorrencia:

-Licenciado en educación física: 4 puntos.

-Maxisterio, especialidade de educación física: 3 puntos.

-Técnico de actividades físicas e animación deportiva: 2 puntos.

3. Por coñecemento da lingua galega:

-Curso de iniciación: 1 punto.

-Curso de perfeccionamento: 2 puntos.

(Son excluíntes ámbalas puntuacións).

ANEXO II

Programa para a realización do exercicio de carácter teórico da fase de oposición:

A) Temas sobre organización, funcionamento e réxime xurídico:

1. Os principios constitucionais e os dereitos e deberes fundamentais na Constitución.

2. Os actos administrativos: requisitos, eficacia, nulidade e anulabilidade.

3. O procedemento administrativo: iniciación, ordenación, instrucción, finalización e execución.

4. Os recursos administrativos: obxecto e clases.

5. Os órganos necesarios do concello: Pleno, alcalde, tenentes de alcalde e Comisión de Goberno.

6. Os órganos complementarios do concello: comisións informativas, Comisión Especial de Contas e concelleiros delegados.

7. Os bens das entidades locais: clases e réxime de utilización.

8. Os servicios públicos locais: formas de xestión.

B) Temas relacionados coa actividade deportiva:

1. A animación deportiva. O deporte como práctica do tempo libre:

-O deporte como recreación. Aspectos lúdicos.

-O deporte para todos. Popularización da práctica deportiva.

2. A intervención sociodeportiva. Axentes.

-Asociacionismo e participación deportiva.

-Clubes e asociacións deportivas.

-Estructuras e organización da intervención territorial.

-O animador deportivo.

3. Planificación e programación de proxectos de animación deportiva.

-Aspectos metodolóxicos.

-Análise dos obxectivos.

-Proxectos por tramos de idade.

-Avaliación dos programas.

4. Organización e xestión do deporte municipal.

-A responsabilidade civil.

-Lei xeral do deporte de Galicia.

5. A seguridade na organización de actividades deportivas.

-Normas de prevención.

-Plans de actuación.

-Primeiros auxilios básicos.

6. Os deportes individuais, colectivos e de adversario. Tecnica e didáctica.

-Atletismo, natación, ximnasia, patinaxe e outros.

-Baloncesto, balonmán, fútbol e fútbol sala, voleibol e outros.

-Tenis, badminton, judo e outros.

7. O turismo activo. As actividades físicas no medio natural.

-As rutas do sendeirismo, bicicleta de montaña, a cabalo...

-Piragüismo, vela e remo.

8. Deporte, actividade física e asociacionismo deportivo na comarca.

-O Camiño de Santiago como dinamizador de actividades.

-Dinámica social da práctica da actividade física.

-Asociacións e clubes da comarca.

-Actividades físicas organizadas.

Arzúa, 27 de decembro de 1999.

Manuel Moscoso López

Alcalde