Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2000 Páx. 2.552

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2000 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de febreiro de 2000, polo que se aproba definitivamente o ramal de gas do complexo ambiental de Cerceda como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na sua reunión do día tres de febreiro de dous mil, adoptou o seguinte acordo:

Aprobar definitivamente como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal o ramal de gas do complexo ambiental de Cerceda.

O órgano competente, por razón da materia, para a tramitación do expediente é a Consellería de Medio Ambiente.

As determinacións contidas no proxecto vincularán o planeamento dos municipios nos que se asentan as súas instalacións, que terán que adaptarse a elas nos termos establecidos no proxecto, nun prazo máximo de catro anos.

De conformidade co disposto na disposición adicional quinta da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do Solo de Galicia, para os efectos previstos na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, quedan expresamente cualificados como de marcado carácter territorial as obras necesarias para a execución do proxecto e, consecuentemente, non estarán sometidas ós actos de control preventivo municipal a que se refire o artigo 84.1º b da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Visto o antedito acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado na súa reunión do día tres de febreiro de dous mil, e coa finalidade de cumprilo, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2000.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente