Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 23 de febreiro de 2000 Páx. 2.380

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE MADRID

ANUNCIO.

A Comisión de Goberno, en sesión que tivo lugar o día 26 de novembro de 1999 e no expediente administrativo con RXª 711-99-4945, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de estatutos e bases de actuación para a constitución da Xunta de Compensación da UE 2 do ámbito UZP 1.03 ensanche de Vallecas, presentado por Javier García Valcárcel na súa condición de xerente da Comisión Xestora, coas modificacións introducidas como consecuencia da estimación total das alegacións presentadas polo Canal de Isabel II, Antonio Golmar Luque, Ángel Sáez García e Mercedes Cosqui Borrego; pola estimación parcial das presentadas por Ana María e María Jesús Rincón de Benito e Inmobiliaria Colonial; e pola desestimación, no sentido do informe da Sección de Xestión de Sistemas que consta no expediente, das subscritas por Isabel e María Luisa Fernández de Córdoba y Maldonado e de MERINSA que se relacionan no informe que antecede.

Segundo.-Corrixi-los erros materiais detectados no articulado dos proxectos de estatutos e bases de actuación, de conformidade co establecido no artigo 105.2º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo co informe da Sección de Xestión de Sistemas do departamento de Iniciativa Privada que consta no expediente.

Terceiro.-Designar como representante da Administración actuante no órgano rector da Xunta de Compensación que se constitúa o concelleiro presidente da Xunta de Vila de Vallecas ou persoa na que este delegue.

Cuarto.-Publica-lo acordo no BOCM, así como as modificacións introducidas no texto dos proxectos de estatutos e bases de actuación, de conformidade co disposto no artigo 162.4º do Regulamento de xestión, notificándoo persoalmente a tódolos propietarios afectados.

Quinto.-Aqueles propietarios que non solicitaran a súa incorporación á Xunta de Compensación dispoñen do prazo dun mes, desde o día seguinte á notificación deste acordo, para solicita-la súa incorporación mediante escrito presentado ante a Xerencia Municipal de Urbanismo, advertíndolles que en caso de non facelo así serán expropiados, de conformidade co disposto no artigo 127.1º do texto refundido sobre réxime de solo e ordenación urbana de 1976 e o artigo 168 do Regulamento de xestión.

En cumprimento do acordado no punto terceiro, a continuación transcríbense as modificacións introducidas nos estatutos e bases de actuación, de acordo co disposto no artigo 162.4º do Regulamento de xestión.

Estatutos

Suprímese o parágrafo 4º do artigo 15 que establecía que os membros da Xunta de Compensación responderán con tódolos seus bens, presentes e futuros, do cumprimento das obrigas dimanantes da súa pertenza a esta.

O artigo 16.2º queda como segue:

«A cota que inicialmente corresponde a cada membro da Xunta de Compensación para efectos de exercicio de dereitos e obrigas será proporcional á superficie dos predios achegados, en relación coa totalidade da unidade, de acordo co establecido no nº 2 da letra B da base cuarta de actuación. Unha vez aprobado definitivamente o proxecto de compensación, as achegas fixaranse en función do valor dos predios que lle foran atribuídos a cada propietario no proxecto de compensación, establecido de acordo co previsto na base décimo primeira. As cantidades que, con anterioridade á aprobación definitiva do proxecto de compensación resultaran aboadas por

cada propietario en proporción á superficie dos predios achegados, quedarán regularizados na conta provisional de liquidación do proxecto de compensación».

Engádese ó final do artigo 16.7º o seguinte parágrafo:

«No suposto de que pertenzan á Xunta de Compensación empresa ou empresas urbanizadoras, no momento de integración destas procederase ó reaxuste das participacións porcentuais dos membros. O dito reaxuste non afectará ós propietarios desconformes coa incorporación que, de acordo co artigo 12.4º dos estatutos e ó último inciso do punto 2º da base sétima de actuación, comprométense a sufraga-los gastos de urbanización que lles correspondan».

Engádese un novo punto, o 8, ó artigo 16:

«De conformidade co previsto nas bases de actuación, os propietarios das parcelas referidas no número 10 da base segunda.3 (as correspondentes ó núcleo de vivendas unifamiliares e talleres sitos entre as rúas Travesía Puerto Reinosa, María Pérez Medel e Real de Arganda, cualificadas polo plan parcial como zona CC: consolidación do núcleo urbano, grao CC-1, sempre que na data de aprobación definitiva do plan parcial estiveran destinados a residencia permanente e habitual, propia ou allea, ou a actividades empresariais ou profesionais) unha vez adheridos á Xunta de Compensación terán os mesmos dereitos e obrigas que o resto dos membros da Xunta de Compensación, pero quedarán exonerados da obriga de realizar achegas para o pagamento dos gastos de urbanización e xestión da Xunta de Compensación, e a compensación en metálico que correspondería ó exceso de aproveitamento que, se é o caso, lles recoñeza o proxecto de compensación correspondente».

Modifícase o prazo que recollía o artigo 18.2º, quedando como segue:

«Os membros, fundadores, adheridos e tódolos demais propietarios, que non concorran á formalización da escritura de constitución poderán presentar escrituras de adhesión dentro do prazo do mes seguinte á dita formalización».

Suprímese o punto 4º do artigo 24 dos estatutos, que establecía.

«En casos de urxencia, debidamente xustificados, poderanse tomar acordos sobre asuntos non incluídos na orde do día e sempre que así o acorde a maioría dos membros asistentes que representen polo menos o 60% das cotas de participación da Xunta de Compensación».

O artigo 29.4º queda:

«O proxecto de compensación tramitarase de acordo co artigo 174 do Regulamento de xestión urbanística e, polo tanto, o acordo para a súa aprobación pola Xunta de Compensación haberá de adoptarse por maioría dos seus membros que, á súa vez, repre

sente os dous tercios das cotas de participación. Haberán de adoptarse co voto favorable da maioría dos membros da Xunta de Compensación que representen as dúas terceiras partes das cotas de participación os acordos consistentes na modificación dos estatutos, sinalamento de cotas e rectificación destas, imposición de achegas extraordinarias, formalización de operacións de crédito con garantía hipotecaria sobre os predios pertencentes ós membros da Xunta de Compensación, alleamento de terreos e de inmobles construídos pola Xunta de Compensación e disolución desta. No referente ó proxecto de compensación unha vez aprobado pola asemblea xeral da Xunta de Compensación cos requisitos establecidos no artigo 174 do Regulamento de xestión urbanística, os propietarios disidentes ou que non concorreran á reunión da asemblea xeral, dentro do prazo máximo dun mes a partir do día seguinte á data de notificación fidedigna do acordo de aprobación do proxecto de compensación por parte daquela

asemblea xeral, poderán formular alegacións ante o órgano urbanístico de control a quen compete a aprobación definitiva do proxecto de compensación. Non serán admitidas a trámite as alegacións que se presenten ante o órgano urbanístico de control unha vez transcorrido aquel prazo máximo dun mes, salvo que este o estime oportuno».

O parágrafo 7º do mesmo artigo 29 substitúese quedando redactado da seguinte forma:

«Aqueles acordos que impliquen a modificación destes estatutos para que poidan ser executivos precisarán da aprobación do órgano urbanístico de control».

Modifícase o parágrafo 1º do artigo 38 que queda redactado como segue:

«A comisión coordinadora do ámbito UZP 1.03 Ensanche de Vallecas é un órgano de coordinación, constituído polas xuntas de compensación do ámbito UZP 1.03 Ensanche de Vallecas, para mellor execución do plan parcial e do convenio urbanístico subscrito co Concello de Madrid, en todo o referente ós sistemas xerais e conexións (infraestructuras vertebradoras) e restantes actuacións que afecten ó conxunto do ámbito. A referencia á comisión coordinadora contidas nestes estatutos entenderanse feitas á entidade con ou sen personalidade xurídica que, se é o caso, poida chegar a constituírse polas xuntas de compensación correspondentes ás unidades de execución delimitadas dentro do ámbito UZP 1.03 Ensanche de Vallecas».

O prazo que recollía o artigo 40 modifícase, quedando:

«O presidente e vicepresidente serán designados pola asemblea xeral e o seu nomeamento terá unha duración de catro anos; podendo procederse á súa reelección indefinidamente, por períodos iguais en virtude do acordo expreso».

Do mesmo xeito, modifícase, quedando o artigo 42:

«O secretario será designado polo Consello Rector, non sendo preciso que sexa membro del, nin propietario, debendo recaer en persoa cualificada profesionalmente, e o seu nomeamento terá unha duración de catro anos; podendo procederse á súa reelección indefinidamente, por períodos iguais en virtude de acordo expreso».

Modifícase o artigo 52.2º quedando como segue:

«Contra os acordos da asemblea xeral, expresos ou por silencio, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o órgano urbanístico de control. O prazo de interposición do recurso será dun mes, contado desde o día seguinte á súa notificación, cando se trate de acto expreso; se non o fora, o prazo será de tres meses desde a desestimación presunta do silencio, desestimación que se entenderá producida unha vez transcorrido o prazo de tres meses sen que recaia resolución expresa».

Modifícase a disposición derradeira primeira que queda redactada como segue:

«Cantos gastos se satisfixeran anticipadamente en beneficio da xestión común, polos propietarios fundadores e adheridos do ámbito UZP 1.03 Ensanche de Vallecas, e co acordo da comisión xestora deste, será de conta da Xunta de Compensación da unidade de execución nº 2, na proporción correspondente, logo da xustificación ante a asemblea xeral, e serán reducidos da primeira cota ou derrama a que estean obrigados a satisface-los propietarios da dita unidade de execución».

Bases

Modifícase o nº 10 da base segunda 3 a) quedando redactado como segue:

«Os custos de urbanización, xestión e a compensación a metálico que correspondera ó exceso de aproveitamento recoñecidos polo proxecto de compensación ós propietarios das parcelas pertencentes ó núcleo de vivendas unifamiliares e talleres sitos entre as rúas Travesía Puerto de Reinosa, María Pérez Médel e Real de Arganda, cualificadas polo plan parcial como zona CC: consolidación do núcleo urbano, grao CC-1, que á data de aprobación definitiva do plan parcial estiveran destinados a residencia permanente e habitual, propia ou allea, ou a actividades empresariais ou profesionais, sempre que os seus propietarios se encontren adheridos á Xunta de Compensación. Non quedando comprendidos neste suposto os solos vacantes nin os solos con edificacións sen ocupantes nin actividade no momento da aprobación definitiva do plan parcial. Tampouco será aplicable este réxime ás parcelas descritas que, por non incorporación dos seus propietarios á correspondente Xunta de Compensación na forma e dentro

dos prazos establecidos nos estatutos, sexan obxecto de expropiación forzosa en beneficio da propia Xunta de Compensación».

Engádese á base décima un novo punto nº 2 desprazando a numeración dos puntos sucesivos, do seguinte teor:

«Exonerarase dos custos de urbanización, xestión e a compensación a metálico que correspondera ó exceso de aproveitamento recoñecidos polo proxecto de compensación ós propietarios das parcelas pertencentes ó núcleo de vivendas unifamiliares e talleres sitos entre as rúas Travesía Puerto Reinosa, María Pérez Médel e Real de Arganda, cualificadas polo plan parcial como zona CC: consolidación do núcleo urbano, grao CC-1, que na data de aprobación definitiva do plan parcial estiveran destinados a residencia permanente e habitual, propia ou allea, ou a actividades empresariais ou profesionais, sempre que os seus propietarios se encontren adheridos á Xunta de Compensación. Non quedan comprendidos neste suposto os solos vacantes ou as edificacións sen ocupantes nin actividade no momento da aprobación definitiva do plan parcial. Tampouco será aplicable este réxime ás parcelas descritas que, por non incorporación dos seus propietarios á correspondente Xunta de Compensación na forma e dentro

dos prazos establecidos nos estatutos, serán obxecto de expropiación forzosa en beneficio da propia Xunta de Compensación».

Engádese á base décimo segunda un novo nº 2, desprazando a numeración dos puntos sucesivos, do seguinte teor:

«Como excepción á regra xeral establecida no punto 1 desta base, e dadas as condicións específicas que fixa o plan parcial para a ordenación das parcelas pertencentes ó núcleo de vivendas unifamiliares e talleres sitos entre as rúas Travesía Puerto Reinosa, María Pérez Médel e Real de Arganda, cualificadas polo plan parcial como zona CC: consolidación do núcleo urbano, grao CC-1, cuns propietarios que se incorporaron á Xunta de Compensación, o proxecto de compensación adxudicará as parcelas resultantes integramente a favor dos seus primitivos propietarios co aproveitamento que o plan parcial lles recoñece.

A atribución das parcelas resultantes e o seu aproveitamento establecida como excepción á regra xeral no parágrafo anterior, poderá apartarse das limitacións e condicións fixadas nos artigos 89, punto 2 e 99, letras e) e f), todo iso en orde ás previsións establecidas no plan parcial e co obxecto de favorece-la incorporación á Xunta de Compensación dos propietarios afectados, facilitando, deste xeito, a execución do ámbito».

Modifícase o parágrafo primeiro do punto 1 da base décimo quinta que queda redactado da seguinte forma:

«A distribución entre os membros da Xunta de Compensación dos beneficios ou perdas resultantes da actuación urbanizadora efectuarase en proporción ás respectivas cotas de participación, con excepción daqueles casos previstos como específicos nestas propias bases. A dita proporcionalidade no reparto non se alterará por ningunha das circunstancias seguintes...».

Engádese á base décimo sexta un novo punto nº 4 desprazando a numeración dos puntos sucesivos, do seguinte teor:

«Como excepción ás regras xerais fixadas nos puntos anteriores desta base, deberá recollerse o caso específico previsto na base décima, punto 2, polo que se exonerará dos custos de urbanización, xestión e a compensación en metálico que correspondera ó exceso de aproveitamento recoñecidos polo proxecto de compensación ós propietarios das parcelas pertencentes ó núcleo de vivendas unifamiliares e talleres sitos entre as rúas Travesía Puerto de Reinosa, María Pérez Médel e Real de Arganda, cualificadas polo plan parcial como zona CC: consolidación do núcleo urbano, grao CC-1, que na data de aprobación definitiva do plan parcial estiveran destinados a residencia permanente e habitual, propia ou allea, ou a actividades empresariais ou profesionais, sempre que os seus propietarios se encontren adheridos á Xunta de Compensación.

Non quedando comprendidos no suposto recollido no parágrafo anterior, os solos vacantes nin os solos con edificacións sen ocupantes nin actividade á data de aprobación definitiva do plan parcial que, coas condicións específicas fixadas na base décimo segunda, punto 2, deberán aboa-la compensación en metálico das diferencias de aproveitamento que lles atribúa o proxecto de compensación, suxeitándose, para a súa fixación, ás regras xerais establecidas nestas bases».

Así mesmo, publícanse os erros materiais detectados e corrixidos nos contidos dos estatutos e bases de actuación.

Estatutos

No artigo 6 F, onde di Lei do 26 de xullo de 1992, debe dicir, 26 de xuño de 1992.

No artigo 10 H, onde di artigo 46, debe dicir artigo 47.

No artigo 10 I, onde di artigo 51, debe dicir artigo 52.

No artigo 22 H, onde di artigo 10, debe dicir artigo 6.

No artigo 33.2, onde di artigo 23 E, debe dicir artigo 22 E.

Bases

A base décimo terceira a), onde di artigo 46, debe dicir artigo 47.

Mediante este anuncio notifícase o citado acordo, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ós propietarios e outros afectados con domicilio descoñecido:

Titulares de predios con domiclio descoñecido

Titular: Pedro María Morales Campo.

Predio rexistral: 9.903.

Polígono: 4.

Parcela: 41.

Esta resolución pon fin á vía administrativa, podendo interpoñer contra esta, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o órgano que o dictou no prazo dun mes, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade de Madrid, no prazo de dous meses, contados ámbolos dous prazos desde o día seguinte á publicación deste anuncio no BOCM, todo iso de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en relación co artigo 46 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 13 de xullo de 1998, sen prexuízo de calquera outro que considere pertinente.

Madrid, 14 de decembro de 1999.

Paulino Martín Hernández

Secretario xeral do Concello de Madrid