Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 15 de febreiro de 2000 Páx. 1.879

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 26/2000, do 20 de xaneiro, polo que se acorda a imposición dunha afectación secundaria sobre unha superficie aproximada de 475 m sita no porto de Fisterra, a favor da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

O porto de Fisterra está integrado no patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia en virtud do Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo (BOE nº 285, do 27 de novembro) e adscrito ó ente público Portos de Galicia, segundo o establecido no artigo 17 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do dito ente.

Con data 30 de xuño de 1999, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura solicitou a iniciación dos trámites para a afectación secundaria da parcela no antedito porto para a construcción de aulas de extensión pesqueira para imparti-los programas de formación dirixidos ós pescadores.

Con data 30 de novembro de 1999, Portos de Galicia, logo da solicitude da Secretaría Xeral e do Patrimonio, manifestou a conformidade coa imposición da antedita afectación secundaria.

Segundo o establecido nos artigos 12.3º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 31 do seu regulamento, as afectacións secundarias dos bens de dominio público requiren acordo do Consello da Xunta de Galicia baixo a forma de decreto, logo da instrucción do correspondente expediente pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela de 475 m de extensión superficial, situada no porto de Fisterra e delimitada segundo o plano incorporado ó expediente, a favor da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, con destino á construcción de aulas de extensión pesqueira para imparti-los programas de formación dirixidos ós pescadores.

Artigo 2º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto neste decreto.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda