Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 15 de febreiro de 2000 Páx. 1.878

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 25/2000, do 7 de xaneiro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto do local número 6, situado no edificio San Francisco, no termo municipal de Noia (A Coruña), feita polo Concello de Noia a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, para destinalo ós servicios veterinarios oficiais de saúde pública.

O Pleno da Corporación municipal do Concello de Noia, reunido en sesión celebrada o día 12 de xullo de 1999, acordou ceder á Comunidade Autónoma de Galicia o local nº 6, dunha superficie de 97,53 m, situado no edificio de San Francisco, no termo municipal de Noia (A Coruña), para destinalo ós servicios veterinarios oficiais de saúde pública.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º

do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Noia acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xaneiro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta do local nº 6, situado no edificio San Francisco, no termo municipal de Noia (A Coruña), que a seguir se describe:

-Local en semisoto superior ou semisoto primeiro, sito no bloque nº 1 situado na parte da planta da súa denominación, con acceso directo polo norte a través do resto do predio, dun edificio sito na denominada Huerta del Convento. Ocupa unha superficie de 97 metros 53 decímetros cadrados e linda: norte, co resto do predio e en parte conducto de instalacións; sur, en parte co local nº 7 e en parte co núcleo de escaleiras e oco de ascensor do portal nº 2; leste, resto do predio; e oeste en parte o local nº 7 e en parte co núcleo de escaleiras e oco de ascensor do portal nº 2.

Aparece inscrito a favor do Concello de Noia, no tomo 811, libro 179, folio 104, predio 13224, inscrición 2ª, atopándose libre de cargas.

Artigo 2º

O local cedido destinarase ós servicios veterinarios oficiais de saúde pública dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, sete de xaneiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda