Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 14 de febreiro de 2000 Páx. 1.823

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 8 de febreiro de 2000 pola que se establece veda da sardiña en augas da Comunidade Autónoma galega.

A crise biolóxica na que se encontra a sardiña do stock íbero-atlántico e que nos últimos anos vén sendo diagnosticada de maneira insistente e rotunda nos diferentes foros científicos, afecta a flota cantábrica e moi especialmente a flota galega que ten nesta especie a súa principal fonte de rendibilidade.

As recomendacións científicas propoñen medidas drásticas a curto prazo para a recuperación da poboación de sardiña. Sen embargo e dado que o obxectivo proposto é de difícil aplicación por razóns socioeconómicas tamén se recolle nas recomendacións a alternativa de implementar un plan de recuperación a máis longo prazo.

Por esta razón parece aconsellable realizar na Comunidade Autónoma de Galicia un período de veda que se prolongue por espacio de tres anos, enfocado a esta especie, co fin de acadar unha recuperación da súa poboación. Por todo o exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Prohíbense as capturas de sardiña (Sardina pilchardus) con calquera arte en augas de competencia da Comunidade Autónoma galega desde o 15 de febreiro ó 31 de marzo (ambos inclusive) do ano 2000.

Artigo 2º

Prohíbense as capturas de sardiña (Sardina pilchardus) con calquera arte en augas de competencia da Comunidade Autónoma galega desde o 1 de febreiro ó 15 de abril (ambos inclusive) dos anos 2001 e 2002.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para adoptar tódalas medidas necesarias para o desenvolvemento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2000.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura