Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 14 de febreiro de 2000 Páx. 1.817

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de xaneiro de 2000 pola que se regula o concurso público para a concesión de subvencións a asociacións e institucións privadas sen fin de lucro para fomenta-lo uso social da lingua galega.

De acordo co disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, a Xunta de Galicia promove o uso do galego, lingua propia de Galicia. Por isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coa normativa vixente en materia de subvencións, fai pública a presente convocatoria, mediante a que pretende anima-las asociacións e institucións privadas sen fin de lucro a que realicen actividades encamiñadas a aumenta-lo uso social da lingua galega a partir do seu emprego no ámbito asociativo.

Para arbitra-las medidas e os procedementos económico-administrativos necesarios para concederlles subvencións ás asociacións e institucións privadas sen fin de lucro para a confección de documentación permanente, a realización de actividades directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega e a realización de actividades publicitarias, e para asegura-los principios de publicidade, concorrencia e obxectividade,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente convocatoria ten por obxecto regular, para o exercicio do ano 2000, a concesión de subvencións a asociacións e institucións privadas sen fin de lucro para fomenta-lo uso social da lingua galega, a través da confección de documentación permanente, a realización de actividades directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega e a realización de actividades publicitarias, de acordo coas correspondentes bases específicas.

Artigo 2º.-Suxeitos.

Poderán solicita-la subvencións reguladas na presente orde tódalas institucións privadas sen fin de lucro legalmente constituídas e mailas entidades análogas.

Quedan excluídas as seguintes entidades:

A) As dependentes de entidades locais. Para os efectos da presente orde terán a condición de entidades locais as que gocen de tal carácter no artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local.

B) As asociacións de pais de alumnos.

C) Os movementos de renovación pedagóxica.

D) As diferentes agrupacións das entidades citadas nos puntos anteriores.

Quedan excluídas aquelas entidades que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e non xustificasen o seu investimento.

Cada solicitante poderá presentar un máximo dunha solicitude por base específica.

Artigo 3º.-Orzamento.

As subvencións concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E.480.0 correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, por unha contía total máxima de 100.000.000 de pesetas, ou o seu equivalente en euros, de acordo coas bases específicas.

Artigo 4º.-Órgano competente para a xestión das axudas.

Corresponderalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, a realización das tarefas de xestión da presente convocatoria.

Artigo 5º.-Requisitos.

Os proxectos beneficiarios das subvencións outorgadas ó abeiro da presente orde deberán cumpri-los requisitos especificados nas correspondentes bases específicas.

Artigo 6º.-Criterios de concesión.

As propostas valoraranse de acordo coas táboas recollidas nas correspondentes bases específicas.

Artigo 7º.-Documentación.

As solicitudes, no modelo oficial, xunto coa documentación citada a seguir, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), antes do 15 de xullo do ano 2000.

É de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os interesados presentarán a seguinte documentación e pola seguinte orde:

1. Solicitude debidamente cuberta e asinada, utilizando o anexo I da presente orde. A solicitude deberá especificar polo miúdo tódolos detalles do proxecto, sendo estrictamente obrigatorio que tódolos apartados aparezan cubertos, coa finalidade de poder ser valorada polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística.

2. Escrito no que se faga consta-la actividade principal do solicitante.

3. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada dos correspondentes estatutos e, se fose o caso, da resolución do órgano competente no que se lle concede a representación da entidade.

4. Fotocopia do CIF da entidade.

5. Certificado orixinal no que consten os datos bancarios, selado e asinado pola entidade financeira.

6. Breve memoria explicativa na que se detallen as actividades que integran os proxectos para os que se solicita a subvención.

7. No caso da rotulación permanente e da rotulación ou impresión que teña fins publicitarios deberá acompañarse o texto en galego que se pretende imprimir. O citado texto deberá vir corrixido por algún especialista en lingua galega, para isto a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pon ó dispor de calquera entidade os seus servicios técnicos e o persoal dos gabinetes de normalización lingüística localizados nas delegacións provinciais da consellería.

8. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 8º.-Procedemento.

Recibida cada solicitude de subvención e a súa documentación, será analizada e valorada polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 6º, e o director xeral de Política Lingüística elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias. A resolución comunicaráselle ó correspondente solicitante e poralle fin á vía administrativa.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

De non se notificar resolución favorable no prazo de tres meses a partir da presentación da solicitude, darase por desestimada a petición.

Artigo 9º.-Aceptación da subvención e compromisos.

No prazo máximo de dez días contados a partir da notificación de cada resolución, as entidades seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida, e os compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística. A omisión desta comunicación dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos e non poderán solicita-lo cambio para outro

proxecto. Tamén teñen a obriga de lles facilitar ós servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística toda a información requirida. A Dirección Xeral de Política Lingüística poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 10º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que a seguir se cita, nas condicións recollidas na presente orde, rematará o día 31 de outubro do ano 2000.

Antes da citada data deberase remiti-la seguinte documentación á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos remitidos:

1. Os xustificantes de gasto que se prevexan nas correspondentes bases específicas.

2. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ó da axuda outorgada, excluído o IVE. No caso de que o importe xustificado sexa inferior ó da axuda outorgada, esta reducirase ata o importe xustificado.

Só se admitirán xustificantes relativos a gastos de material e servicios necesarios para a realización da actividade subvencionada, consonte o expresado na memoria descritiva e no orzamento presentados xunto coa solicitude. En ningún caso se admitirán como xustificante a adquisición de material inventariable (ordenadores, etc.) ou de oficina (bolígrafos, selos, etc.). As datas dos xustificantes estarán comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro do ano 2000.

3. Relación numerada dos xustificantes mencionados no punto anterior, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.

4. Xustificación documental da realización do proxecto subvencionado (mediante mostras materiais, contratos, disquetes, publicacións, fotografías, vídeos, etc.) e do correcto emprego do galego nos termos do artigo 5º da presente orde.

5. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O incumprimento destas obrigas por parte do interesado dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Artigo 11º.-Libramento dos fondos.

Cumpridas correctamente as obrigas recollidas no artigo 10º, a Dirección Xeral de Política Lingüística proporá o libramento dos fondos de acordo coa normativa orzamentaria vixente.

Artigo 12º.-Perda da subvención.

Calquera alteración da actividade verbo dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas na presente orde terá como consecuencia a revogación da axuda. A enti

dade interesada terá que reintegra-las cantidades percibidas, se as houber, e mailos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento.

No caso de que se lle conceda á mesma entidade no prazo de vigor da presente orde outra subvención por esta mesma finalidade, a entidade terá que llo comunicar á Administración. A este respecto, é de aplicación o disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, segundo a cal o importe da subvención se minorará na contía das outras subvencións co límite do 100% do investimento subvencionado.

Bases específicas

A) Confección de documentación permanente.

-O obxecto das subvencións é a elaboración de documentación permanente da entidade, como manuais ou regulamentos internos, programas informáticos para a xestión realizados integramente en galego, etc.

-A contía total das subvencións ascenderá a 20.000.000 de pesetas.

a) Destinaranse 12.000.000 de pesetas a subvencións de ata 200.000 ptas. cada unha.

b) Destinaranse 8.000.000 de pesetas a subvencións de ata 500.000 ptas. cada unha, para os proxectos de maior interese por razóns tales como o sector social abranguido, a complexidade de realización, a anovación ou a difusión social das propostas. De non esgotarse este orzamento, o remanente poderá incrementa-lo orzamento do punto a).

-Os proxectos beneficiarios das subvencións outorgadas ó abeiro da presente orde deberán estar realizados integramente en galego:

Os textos da documentación proposta deberán estar redactados en galego e non poderán coincidir literalmente con outra lingua.

Só se subvencionarán proxectos de documentación que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

Os adxudicatarios das subvencións deberán coidar dun xeito especial a calidade lingüística da documentación que elaboren. En todo caso, e para estes efectos, a Dirección Xeral de Política Lingüística pon ó dispor dos adxudicatarios os seus servicios técnicos.

-Prazo de realización das propostas: entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro do ano 2000.

Valoraranse as propostas de acordo coa seguinte táboa:

Incidencia grandeIncidencia mediaIncidencia

pequena

Subvencións de ata 200.000 ptas.200.000150.000100.000

Subvencións de ata 500.000 ptas.500.000400.000300.000

B) Realización de actividades directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega.

-O obxecto das subvencións é a realización de todo tipo de actividades directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega, como actividades de animación sociocultural, elaboración de materia lúdico, etc.

-A contía total das subvencións ascenderá a 40.000.000 de pesetas.

a) Destinaranse 30.000.000 de pesetas a subvencións de ata 200.000 ptas. cada unha.

b) Destinaranse 10.000.000 de pesetas a subvencións de ata 500.000 ptas. cada unha, para os proxectos de maior interese por razóns tales como o sector social abranguido, a complexidade de realización, a anovación ou a difusión social das propostas. De non esgotarse este orzamento, o remanente poderá incrementa-lo orzamento do punto a).

-Os proxectos beneficiarios das subvencións outorgadas ó abeiro da presente orde deberán estar realizados integramente en galego:

Os textos das actividades propostas deberán estar redactados en galego e non poderán coincidir literalmente con outra lingua.

Só se subvencionarán proxectos de actividades que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

Os adxudicatarios das subvencións deberán coidar dun xeito especial a calidade lingüística das actividades que realicen. En todo caso, e para estes efectos, a Dirección Xeral de Política Lingüística pon ó dispor dos adxudicatarios os seus servicios técnicos.

-Prazo de realización das propostas: entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro do ano 2000.

Valoraranse as propostas de acordo coa seguinte táboa:

Incidencia grandeIncidencia mediaIncidencia

pequena

Subvencións de ata 200.000 ptas.200.000150.000125.000

Subvencións de ata 500.000 ptas.500.000400.000300.000

C) Realización de actividades publicitarias.

-O obxecto das subvencións é a publicidade da entidade en calquera soporte ou medio, e, en especial, a realización de actividades audiovisuais total ou parcialmente publicitarias (por exemplo, a través da radio, a televisión, Internet, etc.).

-A contía total das subvencións ascenderá a 40.000.000 de pesetas.

a) Destinaranse 30.000.000 de pesetas a subvencións de ata 200.000 ptas. cada unha.

b) Destinaranse 10.000.000 de pesetas a subvencións de ata 500.000 ptas. cada unha, para os proxectos de maior interese por razóns tales como o sector social abranguido, a complexidade de realización, a anovación ou a difusión social das propostas. De non esgotarse este orzamento, o remanente poderá incrementa-lo orzamento do punto a).

-Os proxectos beneficiarios das subvencións outorgadas ó abeiro da presente orde deberán estar realizados integramente en galego:

Os textos das actividades publicitarias propostas deberán estar redactados en galego e non poderán coincidir literalmente con outra lingua.

Só se subvencionarán proxectos de actividades publicitarias que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

Os adxudicatarios das subvencións deberán coidar dun xeito especial a calidade lingüística das actividades publicitarias que realicen. En todo caso, e para estes efectos, a Dirección Xeral de Política Lingüística pon ó dispor dos adxudicatarios os seus servicios técnicos.

-Prazo de realización das propostas: entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro do ano 2000.

Valoraranse as propostas de acordo coa seguinte táboa:

Incidencia grandeIncidencia mediaIncidencia

pequena

Subvencións de ata 200.000 ptas.200.000150.000100.000

Subvencións de ata 500.000 ptas.500.000400.000300.000

Disposición adicional

No caso de se esgotaren as dispoñibilidades orzamentarias dentro do prazo de vixencia da presente orde, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria declarará cerrado o prazo de admisión de solicitudes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2000.

P.D. (Orde 21-6-1996)

Máximo García Serrano

Secretario xeral da Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria