Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 09 de febreiro de 2000 Páx. 1.664

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 22/2000, do 28 de xaneiro, polo que se declara a delimitación do contorno de protección do mosteiro de Santa María de Aciveiro, sito no concello de Forcarei (provincia de Pontevedra).

La Gaceta de Madrid do 4 de xuño de l931 publicaba un Decreto do 3 de xuño polo que se declaraba monumento histórico-artístico o mosteiro de Santa María de Aciveiro, no concello de Forcarei (provincia de Pontevedra).

Sendo a dita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, é preciso na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno.

Con data do 25 de marzo de l999 publicouse unha Resolución do 3 de marzo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración da delimitación do seu contorno.

A tramitación do expediente levouse a cabo de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (DOG do 8 de novembro), e demais disposicións concordantes.

Por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo da deliberación do

Consello da Xunta de Galicia do día vinteoito de xaneiro de dous mil,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declara-la delimitación do contorno de protección do mosteiro de Santa María de Aciveiro, sito no concello de Forcarei, provincia de Pontevedra (artigo 11 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia).

Segundo.-A zona da delimitación é a comprendida no anexo I e no plano do anexo II.

Terceiro.-Este decreto será notificado ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, ó concello e ós interesados.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de xaneiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

ANEXO I

Comeza na estrada do Forno a Taboadelo, 300 m ó norte do cruzamento coa estrada do Cotiño (punto l); segue en liña recta cara ó leste ata un punto da estrada da Rochela a Lamasgalán de Abaixo, situado a 250 m deste último núcleo de poboación (punto 2); segue en liña recta cara ó sur ata o cume do Coto do Forno (punto 3); segue en liña recta ata o cume do outeiro situado 200 m ó nordés da Rochela, rodeado polo río Lérez que o arrodea semicircularmente ó seu paso (punto 4); segue en dirección sudoeste, mantendo a cota 820 pola ladeira da Pena Valgrande ata un punto no camiño que ascende pola devandita aba, á altura de Pena Redonda, no vértice sueste da parcelación para pasteiros alí existente (puntos 5 e 6); segue cara ó noroeste polo devandito camiño que limita polo leste a parcelación, atravesa unha granxa de visóns e atópase coa estrada nacional de Vegadeo, á altura do km 67,7 (punto 7); segue en liña recta ata o outeiro chamado Entre as Penas (punto 8); segue en prolongación da

liña recta anterior ata o cruzamento coa estrada de Forcarei ó mosteiro, ó seu paso polo núcleo de Andón (punto 9); desde alí únese co punto de partida, pechando así a liña que envolve o contorno de protección.