Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 31 de xaneiro de 2000 Páx. 1.252

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 16/2000, do 20 de xaneiro, polo que se regula a débeda da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio 2000.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (Diario Oficial de Galicia nº 214, do 5 de novembro), establece no título II capítulo I Das operacións de endebedamento, as normas ás que se deberán suxeita-las operacións de endebedamento.

O artigo 29.2º establece que o endebedamento tanto da Comunidade Autónoma como dos seus organismos autónomos terá que ser autorizado por lei, a cal, sen prexuízo de fixar calquera outra característica das operacións de endebedamento por realizar, deberá sinala-lo importe máximo autorizado.

Do mesmo modo, o artigo 31 establece que no endebedamento que a Comunidade Autónoma leve a cabo con persoas físicas ou xurídicas para atender necesidades transitorias de tesourería, calquera que sexa a forma como se documente, o prazo de reembolso será inferior a un ano. O límite máximo destas operacións establécese na lei de orzamentos de cada exercicio.

A Lei 7/1999, do 29 de decembro (Diario Oficial de Galicia nº 252, do 31 de decembro), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 establece:

1. No seu artigo 26.1º fíxase, de acordo co previsto no artigo 32 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, a variación da posición neta debedora da Comunidade Autónoma ó final do exercicio do ano 2000. En canto á autorización e formalización da emisión das operacións de endebedamento, é de aplicación ó artigo 33 do mencionado Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, no que se establece que a emisión de débeda pública ou operacións de crédito que realicen a Comunidade Autónoma ou os seus organismos autónomos terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda, dentro dos límites sinalados pola lei.

2. No seu artigo 27 establécese que o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá concertar ou emitir operacións de débeda de tesourería durante o exercicio do ano 2000 conforme o disposto no artigo 31 do texto refundido da Lei de réxime financeiro

e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Co presente decreto acórdase a autorización pertinente para que, á medida que xurdan as necesidades de financiamento, poida ser formalizada esta débeda pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil,

DISPOÑO:

Capítulo I

Débeda a longo prazo

Artigo 1º

1. Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para a formalización, durante o ano 2000, de operacións de endebedamento ata un importe que non supere o límite máximo da variación da posición neta debedora fixado no artigo 26.1º da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000. Enténdese como variación da posición neta debedora o resultado de deducir do importe das operacións de endebedamento que se formalicen no ano 2000, as amortizacións de débeda que se efectúen no mesmo exercicio.

2. Estas operacións de endebedamento poderán formalizarse de maneira fraccionada en función das necesidades de financiamento da Comunidade Autónoma atendendo ás circunstancias dos mercados financeiros.

Artigo 2º

As operacións ás que se refire o artigo anterior poderán realizarse por un prazo superior a un ano, e levaranse a cabo mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos, ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado de natureza semellante. Poderanse utilizar simultaneamente os procedimentos indicados dentro dos límites anteriormente sinalados.

Capítulo II

Débeda de tesourería

Artigo 3º

Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para concertar operacións de crédito ou emitir débeda pública, en calquera das súas modalidades, por un prazo de reembolso inferior a un ano, para atender necesidades transitorias de tesourería.

Artigo 4º

O importe que se concertará ou emitirá, de acordo co artigo anterior, non poderá superar en ningún momento, como límite acumulativo máximo para as operacións en vigor, o disposto no artigo 27 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Disposición adicional

O conselleiro de Economía e Facenda fixará as condicións, tipo de xuro, modalidade, amortización e demais características ás que terán que axustarse as operacións de débeda reguladas neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda