Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 31 de xaneiro de 2000 Páx. 1.253

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de decembro de 1999 pola que se regulan determinados aspectos relativos a autorización de centros privados exclusivos de formación profesional específica, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, estableceu os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias, definindo os espacios formativos e as superficies mínimas correspondentes.

Pola súa parte, os reais decretos polo que se crean os distintos títulos de formación profesional específica, establecen os espacios formativos específicos para cada un dos ciclos formativos, así como o grao de utilización co fin de permiti-lo seu uso entre diversos ciclos que requirisen o mesmo tipo de espacio.

O Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo, veu modifica-lo Real decreto 1004/1991 e algúns dos reais decretos polo que se crearon títulos de formación profesional específica, especialmente no que atinxe ós espacios formativos, definindo novos espacios en determinadas familias profesionais e establecendo distintas superficies mínimas para 30 e para 20 alumnos, deixando sen concreta-las superficies mínimas de determinados espacios de uso común, en centros exclusivos de formación profesional específica.

En aplicación do devandito Real decreto 777/1998, o Decreto 296/1999, do 21 de outubro (Diario Oficial de Galicia do 18 de novembro), polo que se desenvolven determinados aspectos dos currículos dos ciclos formativos de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia, adapta entre outras, estas modificacións para os currículos dos ciclos formativos publicados con anterioridade ó referido real decreto, e establece o grao de utilización que corresponde ós novos espacios formativos.

Tendo en conta a experiencia acumulada na aplicación destas normas faise necesario establecer criterios uniformes no proceso de autorización de ensinanzas de formación profesional específica.

Na súa virtude, de acordo co artigo 31 do Estatuto de autonomía e o artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 23) que establecen que lle corresponde á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias de planificación, regulación e administración do ensino en toda a súa extensión.

Esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Os centros que se pretendan establecer en edificacións que non sexan de uso exclusivo escolar deberán contar con accesos independentes desde o exterior.

Segundo.

1. Dado que no artigo 19 do R.D. 777/1998 citado non se cuantifican as medidas de determinados espacios formativos, é preciso especifica-las superficies mínimas que posibiliten a concesión da preceptiva autorización administrativa e permitan o adecuado desenvolvemento das actividades que se realicen neles, seguindo os criterios que se establecen no mencionado artigo, do xeito seguinte:

Espacio formativoSuperficies mínimas

a) Despachos de dirección, actividades de coordinación e orientación:30 m en total, distribuídos en tres espacios, dos que os dedicados a actividades de coordinación e os de orientación terán como mínimo 10 m cada un deles.

b) Secretaría.12 m.

c) Biblioteca.30 m, para centros entre 1 a 5 unidades.

50 m, para centros entre 6 e 10 unidades.

60 m, para 11 ou máis unidades.

d) Sala de profesores:20 m, para centros entre 1 e 5 unidades.

Para centros con máis de 5 unidades a superficie anterior de 20 m incrementarase en 4 m por cada unidade máis.

2. As autorizacións faranse para 30 alumnos/unidade ou para 20 alumnos/unidade, respectando o establecido no anexo XIV do Decreto 269/1999, do 21 de outubro (Diario Oficial de Galicia do 18

de novembro), no que se indican as superficies dos espacios formativos e o grao de utilización destas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa a dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria