Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 20 de xaneiro de 2000 Páx. 808

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 1999, da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de repoboación forestal dos predios A Veliña, Fragacha, Preguntadoiro e outros, nos termos municipais das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e Muras (Lugo), promovida por Promotor de Suelos y Superficies, S.L.

En cumprimento do disposto no artigo 5 punto 7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 19 de novembro de 1999, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de repoboación forestal dos predios A Veliña, Fragacha, Preguntadoiro e outras, nos termos municipais das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e Muras (Lugo), promovida por Promotor de Suelos y Superficies, S.L., que figura no anexo.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 1999.

Tomás Fernández Couto Juanas

Director xeral de Montes e Medio Ambiente

Natural

ANEXO

Resolución do 19 de novembro de 1999, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de repoboación forestal dos predios A Veliña, Fragacha, Preguntadoiro e outras, nos termos municipais das Pontes de García Rodríguez

(A Coruña) e Muras (Lugo), promovida por Promotor de Suelos y Superficies, S.L.

O Decreto 81/1989, do 11 de maio, sobre medidas de ordenación das novas plantacións co xénero Eucaliptus (DOG nº 104, do 1 de xuño), establece, no seu punto 2, a elaboración dun estudio de avaliación de impacto ambiental segundo o Real decreto lexislativo 1302/1986, incorporado ó marco lexislativo autonómico mediante o Decreto 442/1990.

No Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia (DOG do 25 de setembro), establécese a obriga de formular declaración de impacto ambiental (DIA) con carácter previo á resolución administrativa que vai adoptar o órgano substantivo para a autorización da actividade obxecto do proxecto.

O proxecto de referencia trátase da repoboación forestal nos predios da Valiña, Fragacha, Preguntadoiro e outros, con especies do xénero Eucaliptus, contando cunha superficie total para repoboar de 371,09 ha.

No anexo I recóllese o resumo do proxecto.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 2º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, e con data 13 de abril de 1999, someteuse a información pública o estudio de impacto ambiental. Os resultados definitivos deste trámite foron remitidos pola Dirección Xeral de Montes e MAN con data do 15 de novembro de 1999, constando no expediente as alegacións presentadas no prazo establecido que se resumen no anexo III desta DIA.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Montes e MAN consulta a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

No anexo II resúmese o contido das consultas efectuadas.

Sobre o contido do proxecto e do estudio de impacto ambiental presentados, os resultados de información pública e os informes recibidos sobre as consultas efectuadas, este órgano ambiental impón no condicionado desta DIA as medidas e condicións que se citan, encamiñadas a defini-los motivos polos que se resolveu a viabilidade do proxecto.

No que se refire ás alegacións presentadas, no que afecta a aspectos ambientais como perda de diversidade biolóxica, solicitude de diversificación das plantacións, afección a masas arbóreas autóctonas e paisaxe aparecen recollidas nos puntos 3.3, 3.4, e 3.6, complementándose co que se require do promotor no punto 4.1. desta DIA.

Así mesmo, comprobándose mediante inspección ambiental, realizada o 15 de xuño de 1999 polo Servicio de Calidade Ambiental da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente na Coruña, que a empresa promotora da actuación iniciou a realización do proxecto sen contar coa autorización

previa, requiriuse o 18 de xuño de 1999 -por esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental- á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural como órgano competente a suspensión da execución do proxecto e a apertura dun expediente sancionador ó seu promotor.

Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 482/1997, do 30 de decembro, formula a DIA do proxecto de repoboación forestal dos predios A Veliña, Fragacha, Preguntadoiro e outros, nos concellos das Pontes de García Rodríguez e Muras.

O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o órgano ambiental é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, ámbalas dúas da Consellería de Medio Ambiente.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación presentada, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece por esta DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

Esta declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións de reforestación sobre unha superficie total de 371,09 ha, a base de Eucaliptus globulus e Eucaliptus nitens, tal e como se indica no documento «Estudio de impacto ambiental do proxecto de repoboación forestal dos predios A Veliña, Fragacha, Preguntadoiro e outros. Termos municipais das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e Muras (Lugo). Promotor Suelos y Superficies, S.L.».

Os predios que se van repoboar están situados na cola do encoro da Ribeira, conca media do río Eume, na súa marxe dereita, entre as cotas 470 e 670 m.s.n.m. En cotas inferiores ós 500 m.s.n.m plantarase E. globulus e nas superiores E. nitens.

Para realiza-la plantación con árbores dunha savia de idade, realizarase unha roza mecánica de toda a superficie que se vai repoboar, subsolado nas parcelas de pendente inferior ó 35%, ocos de plantación realizados mecanicamente para pendentes superiores e plantación cun marco de 3,5x2 m o que fai un total de 1.429 pés/ha.

O proxecto indica tamén a plantación dun dez por cento da superficie que se vai repoboar con frondosas diferentes ó Eucaliptus sp. (Quercus rubra, Prunus avium, Acer pseudoplatanus).

As superficies sobre as que se van realizar estes labores veñen definidas no Plano nº 5. Operaciones y Labores. Escala 1:5.000. Mayo 98. Para outras zonas ou áreas que se van repoboar precisarase unha nova declaración.

Condicionado

1. Protección das augas.

1.1. En ningún caso poderá afectar a zonas pertencentes ó dominio público hidráulico sen contar coa oportuna autorización do organismo de conca.

1.2. Non se depositarán entullos nin materiais sobrantes das fases de limpeza, preparación do terreo e plantación na zona de servidume nin en lugares próximos, que poidan incorporarse ós leitos en épocas de chuvias ou enchentes de caudal.

2. Protección do solo.

2.1. Sempre que sexa posible e co fin de diminuí-la erosión producida polas augas de escorregada realizarase un subsolado, seguindo o método de curvas de nivel, que deberá ser descontinuo, levantando o apeiro 2 m cada 20 m de subsolado.

2.2. Para as pendentes superiores ó 35% realizarase a preparación do solo a liñas de máxima pendente, subsolando de xeito intermitente co fin de limitar procesos erosivos.

2.3. Ademais, os labores de preparación do terreo realizaranse, tal e como indica o EsIA, en tempero.

2.4. Usarase a rede viaria existente, quedando prohibida a apertura de novos camiños e pistas.

2.5. Tódolos materiais vexetais xerados nos labores de roza serán incorporados ó solo no lugar da roza.

3. Protección da fauna e da flora.

3.1. A reforestación levarase a cabo sobre unha superficie total máxima de 371,09 ha.

3.2. En ningún caso se realizarán accións que afecten a vexetación ripícola sen contar coa previa autorización do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural na provincia correspondente, sen prexuízo das competencias do organismo de conca.

3.3. No contorno dos leitos fluviais existentes e nunha banda de entre dez e vinte metros contados desde a ribeira e de non existir formacións arbóreas, repoboarase con frondosas distintas do Eucaliptus sp., concretamente Alnus glutinosa e Salix sp., de dúas savias de idade mínima, de acordo coa densidade indicada no proxecto para as frondosas diferentes do eucalipto.

3.4. Ademais da superficie á que se refire o punto anterior (3.3), reservarase un 10 (dez) % do total da superficie que se vai repoboar para frondosas distintas do eucalipto, conformando bosquetes de distribución irregular en estacións que permitan o seu crecemento. Estes bosquetes evitarán as formas alongadas ou lineais, debendo tender a formas con ancho e longo semellante.

3.5. As accións de roza para a zona definida no punto 3.3 desta DIA serán en todo caso de xeito manual, así tamén para os labores de preparación do terreo e plantación.

3.6. Non se realizará ningunha acción relacionada co proxecto nas zonas nas que existan masas doutras frondosas e que poidan afecta-la súa persistencia.

3.7. Os cerramentos que se realizarán para a protección inicial da repoboación non poderán ser de arame de espiño.

4. Documentación adicional.

4.1. Nun prazo máximo dun (1) mes desde a notificación desta DIA e, en calquera caso, previamente á autorización administrativa, o promotor deberá presentar diante do órgano substantivo, que o remitirá ó órgano ambiental a seguinte documentación adicional:

4.1.1. Plano escala 1:5.000 dotado de coordenadas UTM onde se mostren:

-As masas forestais de frondosas preexistentes non cultivadas e a súa superficie.

-Os rodais de frondosas distintas do eucalipto que se vai implantar, de acordo co requirido no punto 3.4. desta DIA, e a súa superficie.

-As plantacións de eucalipto que se pretenden implantar e a súa superficie.

4.1.2. Calendario de execución dos labores de restauración indicando as previsións de superficies repoboadas e pendentes de repoboar.

4.2. Nun prazo máximo de dous (2) meses desde a notificación desta DIA e, en calquera caso, previamente á autorización administrativa, o promotor presentará:

4.2.1. Dous (2) exemplares da prospección arqueolóxica superficial intensiva da zona que abrangue o proxecto, realizada por técnicos competentes, en cumprimento do previsto na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser necesario, un programa de actuacións arqueolóxicas compatible co plan de obra, de cara á protección e conservación dos depósitos arqueolóxicos.

A avaliación da documentación solicitada nos puntos anteriores deberá ser informada favorablemente por esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e será comunicada ó órgano substantivo para os efectos oportunos, non podendo realiza-las accións do proxecto sen contar con este informe favorable.

5. Vixilancia ambiental.

5.1. Nun prazo mínimo dun (1) mes antes do comezo dos labores de repoboación, o promotor notificará a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de comezo.

5.2. Nun prazo non superior a tres (3) meses desde o remate dos labores de repoboación, o promotor

presentará un informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se indiquen:

-Labores realizados, incluíndo superficies de actuación e planos dotados de coordenadas UTM.

-Incidencias ocorridas durante os traballos de repoboación.

5.3. Anualmente, contando desde a recepción do informe requirido no punto 5.2., o promotor presentará un informe de seguimento que recolla:

-Labores realizados.

-Avaliación das marras, especialmente das superficies destinadas a frondosas distintas do eucalipto (Quercus rubra, Prunus avium e Acer pseudoplatanus).

-Incidencias.

6. Condicións adicionais.

6.1. Para efectos de seguimento desta DIA o órgano substantivo comunicará ó órgano ambiental a data de notificación da DIA á empresa promotora.

6.2. A proposta de aval que deberá fixarse polo órgano substantivo para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e para facer fronte ós posibles danos que produzan ó medio, segundo o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, será dun millón cincocentas setenta e dúas mil setecentas trinta e sete (1.572.737) pesetas correspondentes ó 4% do orzamento de execución por contrata.

6.3. As condicións indicadas nesta DIA son de obrigado cumprimento para a empresa promotora, sen embargo, poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes, desde que lle sexa notificada esta DIA polo órgano substantivo, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado á empresa promotora.

6.4. Se unha vez emitida esta DIA se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico, sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e se corrixan estas.

6.5. O incumprimento total ou parcial por parte da empresa promotora das condicións expostas nesta

DIA poderá ser causa suficiente para proceder ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

6.6. Esta resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións nela. En materia urbanística, o proxecto estará de acordo co disposto na Lei 1/1997, do solo de Galicia.

6.7. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 1999. Francisco Pan-Montojo González. Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto ten como fin a plantación forestal de predios situados na cola do encoro da Ribeira, conca media do río Eume, na súa marxe dereita, entre as cotas 470 e 670 m.s.n.m, con Eucaliptus globulus e E. nitens, dunha savia de idade, sobre unha superficie total de 371.09 ha das que o 10% serán repoboadas con outras frondosas, concretamente Quercus rubra, Prunus avium, Acer pseudoplatanus.

Os principais labores que se van realizar serán os seguintes:

-Roza mecánica continua da vexetación existente.

-Preparación do terreo a base de subsolado e fresado.

-Apertura de ocos de plantación.

-Plantación manual das plantas de eucalipto.

-Primeira rega.

-Reposición de marras.

Medidas correctoras

No proxecto presentado tense en conta a inclusión das seguintes medidas correctoras:

-Implantación de frondosas en valgadas.

-Co obxecto de protexe-lo solo deixarase sobre o terreo a vexetación rozada.

-Levantamento do subsolador como mínimo cada 20 m.

-Nas zonas chás da parte superior o subsolado realizarase segundo curvas de nivel, sendo esta operación menos agresiva que o subsolado en máxima pendente.

-Evita-la execución das obras en períodos de reproducción da fauna e en épocas nas que o terreo estea seco.

-Evita-los labores de limpeza e roza do terreo en épocas de risco de chuvias torrenciais.

ANEXO II

Resultado das consultas realizadas

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural destaca a inexistencia de informes baseados en traballos de campo relativos ó impacto da explotación sobre o patrimonio arqueolóxico, polo que é conveniente a realización dunha prospección arqueolóxica intensiva da zona que abranga a explotación proxectada que deberá incorporar:

-Prospección arqueolóxica de campo de toda a superficie da explotación, para a catalogación e delimitación dos restos arqueolóxicos localizados.

-Proxecto de obra que incorporará, de ser necesario, un programa de actuacións arqueolóxicas compatible co plan de obra, de cara á protección e conservación dos depósitos arqueolóxicos, en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria informa favorablemente o proxecto ó axustarse á lexislación vixente, realizando algunhas discrepancias respecto a afirmacións contidas no estudio de impacto ambiental, como a mellor regulación das augas de escorregamento cunha cobertura arbórea e aumento da estabilidade e diversificación de especies respecto da situación actual.

A Dirección de Montes e Medio Ambiente Natural informa que tendo en conta criterios de sostibilidade social, ambiental e económica, estímase máis viable para a zona o uso ordenado derivado da plantación proxectada. Indica a conveniencia de que as plantacións con frondosas alternativas, ademais das zonas de ribeira previstas no estudio, se realicen en rodais dispersos ó longo da superficie a reforestar e nas estacións que o permitan, co fin de xerar bosquetes de caducifolias situadas fóra das ribeiras. Esta superficie adicional debería ser como mínimo doutro 10% e permitiría incrementa-la biodiversidade do conxunto da repoboación. Especificamente no contorno dos leitos fluviais e na franxa que oscila entre os 10 e 20 m da ribeira, as rozas non serán mecanizadas senón manuais e do mesmo xeito a preparación do terreo terá que realizarse manualmente e non mediante mecanización continua. Co fin de garanti-la conservación do leito e a continuidade dos biotopos propios do bosque de galería

deberá procederse á repoboación, ou se é o caso, a conservación e mellora de especies frondosas distintas do eucalipto como o ameneiro (Alnus glutinosa) e salgueiro (Salix sp.). Así mesmo indica que o promotor solicitou a exclusión da superficie que se vai repoboar, os predios que presentan reclamacións de propiedade por parte de terceiros e que foi notificada ós interesados.

ANEXO III

Alegacións

Francisco Romero Rodríguez e dez veciños máis dos concellos das Pontes de García Rodríguez e Xer

made alegan que o proxecto afecta a terreos da súa propiedade, que se pecharon camiños de dominio público e que as obras descritas no proxecto xa foron parcialmente realizadas, polo que solicitan que se requira polo órgano competente a suspensión das actividades; que se deixe expedito o camiño pechado e sobre todo que non se realicen repoboacións en terreos que non pertenzan ó promotor.

O alcalde-presidente do Concello das Pontes de García Rodríguez fai constar que a empresa promotora pretende repoboar superficies que non lle pertencen e que xa materializou parte do proxecto de repoboación. Así mesmo indica que pechou un camiño de titularidade municipal e que a repoboación non garda a debida distancia ós leitos fluviais de acordo co indicado na Lei de augas e o Regulamento do dominio público hidráulico.

O presidente da Asociación Guerrilleiros das Fragas alega que o proxecto xa ten materializado parte da repoboación sen contar coa declaración ambiental, solicitando a suspensión na súa realización. Ademais indica que no EsIA non reflicte a existencia de masas arbóreas autóctonas (fragas), solicitando a paralización da plantación, a non aprobación do estudio ambiental. Consideran, así mesmo, que a afección á paisaxe é excesiva, que afectaría a especies protexidas, especialmente mamíferos, e limitaría o uso de espacios como a Aula da Natureza de Cabalar, a área recreativa de Caneiro, campo de traballo de Vilarbó e distintas rutas de sendeirismo. Ademais formulan a posible afección ó parque natural das Fragas do Eume, que se atopa á tres quilómetros. Propoñen que a plantación preserve un 10% para especies que conforman o bosque natural da comarca, principalmente na beira dos regos e co fin de servir como corredores faunísticos; que outro 20% se repoboe con frondosas non autóctonas de

madeiras de alta calidade, orlando as plantacións nas beiras dos regos; que outro 35% se destine a coníferas e o 35% restante ó eucalipto.

A directora xeral da Asociación Ecoloxista Néboa Medio Ambiente alega que o proxecto xa se ten iniciado estando o expediente en tramitación, solicitando a súa suspensión. Indican así mesmo que se obviou a presencia de masas arbóreas autóctonas e que a afección á paisaxe é moi elevada, solicitando a sanción para o promotor por ter iniciado a plantación antes do permitido pola lei; que se obrigue

o promotor a realizar unha plantación máis diversa. Indican que a repoboación que se pretende limitaría o uso de espacios como a Aula da Natureza de Cabalar, a área recreativa de Caneiro, campo de traballo de Vilarbó e distintas rutas de sendeirismo. Ademais formulan a posible afección ó parque natural das Fragas do Eume, que se atopa á tres quilómetros. Propón que a plantación reserve un 20% para especies que conforman o bosque natural da comarca, plantados nas beiras dos regos e que servirían como corredores de fauna, reservando outro 20% para frondosas non autóctonas de madeiras de alta calidade, un 30% para piñeiros e o 30% restante para eucaliptos.