Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2000 Páx. 663

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de decembro de 1999 pola que se convocan axudas económicas para os proxectos e os traballos dos equipos de normalización lingüística dos centros educativos non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia que imparten ensinanzas de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional.

A Administración educativa de Galicia garante que os alumnos, conforme van acabando cada un dos ciclos nos que o ensino do galego é obrigatorio, vaian acadando un dominio oral e escrito similar dos idiomas galego e castelán, tal e como determina o artigo 14.3º da Lei 3/1983, de normalización lingüística.

Para poder conseguir iso, esta mesma lei encoméndalle á Xunta de Galicia a regulamentación no ensino do uso desas dúas linguas oficiais en Galicia. Esa regulamentación está establecida nos decretos 247/1995 e 66/1997.

Como órgano impulsor e dinamizador das medidas necesarias para levar a cabo o que dispoñen eses decretos e, consecuentemente, para conseguir que os alumnos acaden o dominio e o uso do galego que establece a Lei de normalización lingüística, cada centro individualmente ten que constituír un equipo de normalización lingüística. Este equipo é o que recollen os decretos 324/1996, do 26 de xullo (DOG do 9 de agosto) e 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 21 de outubro), polos que se aproban os regulamentos orgánicos dos institutos de educación secundaria e das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, respectivamente, decretos que foron desenvolvidos, tamén respectivamente, polas ordes do 22 de xullo e do 1 de agosto de 1997 (publicadas no DOG do 2 de setembro).

Por todo isto, e para axudar a que eses equipos poidan levar a cabo aqueles proxectos extraordina

rios que incidan na promoción do galego, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Convócanse axudas económicas en réxime de concorrencia competitiva destinadas a contribuír ó financiamento daqueles proxectos que incidan directamente na promoción do galego nas aulas que realicen no curso académico 1999/2000 os equipos de normalización lingüística dos centros de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional de Galicia. Estes equipos son os constituídos de acordo co establecido nos decretos 324/1996 e 374/1996.

2. Os proxectos e os traballos para os que se solicite axuda serán os contidos na programación anual de actividades elaboradas e aprobadas por cada centro para acada-los obxectivos recollidos nos plans específico e xeral para o uso do idioma galego (artigos 83 e 64 dos decretos 324/1996 e 374/1996, respectivamente) e os obxectivos contemplados no Decreto 247/95.

3. As axudas financiaranse con cargo á aplicación 07.06.353E.226.14 no caso dos centros públicos, e 07.06.353E.471.0 no caso dos centros privados dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, por unha contía máxima respectiva de 50.000.000 de pesetas (cincuenta millóns) , para os centros públicos e 7.000.000 (sete millóns) para os centros privados.

Artigo 2º

As axudas destinaranse preferentemente a:

1. A adquisición de material didáctico, bibliográfico, fonográfico, videográfico e informático en galego, imprescindible para a realización dos proxectos.

2. Os gastos de material necesario para:

a) A elaboración e/ou a disposición dos materiais pedagóxicos precisos para a realización de proxectos que incidan na promoción do galego nas aulas nas diferentes etapas educativas. Ten especial interese a realización de accións e proxectos extraordinarios de promoción do uso do galego nas aulas e na comunidade educativa.

b) A organización de programas e actividades en galego, que teñan como finalidade o fomento do uso da lingua propia de Galicia entre os distintos compoñentes da comunidade educativa do centro.

Artigo 3º

1. Para acceder a estas axudas será necesario que o equipo de normalización lingüística estea formalmente constituído segundo o disposto nos artigos 82 do Decreto 324/1996 e 63 do Decreto 374/1996, e que o seu programa de actividades fose aprobado

polo centro e enviado canda a programación xeral anual á Inspección educativa.

2. Non se lles poderá conceder axuda económica ningunha a aqueles centros que non xustificasen debidamente as axudas que lles fosen concedidas para o ano académico 1998/1999 ó abeiro das ordes do 5 de xaneiro de 1999 (DOG nº 11, do 19 de xaneiro) e Orde do 21 de abril de 1999 (DOG nº 90, do 12 de maio) ou que non cumpran o sinalado no artigo 4.4º desta orde.

En canto ó disposto nos puntos 1 e 2 deste artigo, será a Inspección educativa a que lle presente á correspondente comisión avaliativa citada no artigo 5º desta orde o informe relativo a cada centro.

Artigo 4º

1. O prazo de presentación das solicitudes será o dos 20 días seguintes ó da publicación desta orde no DOG.

2. As solicitudes realizaranse utilizando o formulario que figura como anexo a esta orde. Irán asinadas polo coordinador do equipo de normalización lingüística, co visto e prace do director do centro, e mandaranse á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Canda a solicitude presentarase un proxecto, asinado polo coordinador do equipo de normalización lingüística, co visto e prace do director do centro, no que se especifiquen, englobándoas no punto correspondente do artigo 2º, as actividades previstas para acada-los obxectivos que figuran nos plans específico e xeral para o uso do galego. Con cada unha das accións terá que figura-la súa cuantificación económica.

4. Tanto o proxecto coma as actividades que se realicen para levalo á práctica faranse necesariamente segundo o establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre normativización da lingua galega.

Artigo 5º

Para o exame e a avaliación das solicitudes constituirase en cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha comisión integrada por:

-O delegado provincial, que a presidirá.

-Un representante do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega, da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Un inspector ou inspectora de educación.

-O xefe do Gabinete de Normalización Lingüística.

-Un funcionario ou funcionaria da delegación provincial, que actuará de secretario.

Unha vez examinadas e avaliadas as solicitudes, as comisións presentaranlle as propostas de concesión ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

Artigo 6º

1. Antes do 30 de xuño de 2000, cada equipo, coa conformidade da dirección do centro, terá que lles remitir ós gabinetes de normalización lingüística das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha memoria das actividades realizadas durante o ano 2000 para as que se lle concedeu a axuda, e as facturas orixinais, das que non se aboará o IVE, expedidas ó nome do propio centro educativo, correspondentes ós gastos de material ocasionados pola súa realización por un importe igual ó da axuda concedida.

2. Non entrega-las memorias e dos xustificantes de gasto ós que fai referencia o punto 1 deste artigo 6º no prazo sinalado poderá ser causa de revogación da axuda concedida e producirá como efecto a denegación de axuda para o ano académico seguinte, procedendo o centro ó reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se poidan esixir.

3. O seguimento e a avaliación dos traballos para os que se lles conceden as axudas ós equipos e a verificación do cumprimento do establecido nos plans específicos e xeral para o uso do galego nos centros levaraos a cabo a Inspección Educativa, consonte o disposto no artigo 11 do Decreto 247/1995.

4. No caso dos centros privados, estes terán que presentar certificacións expresas de non ter contraído ningunha débeda, por ningún concepto coa Xunta de Galicia, e de estar ó día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Artigo 7º

O pagamento das axudas concedidas farao a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través das súas delegacións provinciais, logo da xustificación dos interesados.

Disposicións derradeiras

Primeira.- Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Univeritaria