Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 17 de xaneiro de 2000 Páx. 619

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Servicios Auxiliares de Arosa, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Servicios Auxiliares de Arosa, S.L., co nº de código 3603212, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 30-11-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 15-10-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 3 de decembro de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de Servicios Auxiliares

de Arosa, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

Este convenio será de aplicación na empresa Servicios Auxiliares de Arosa, S.L., dedicada ó clasificado, manipulado e tratamento de toda clase de productos alimenticios, sendo a súa actividade principal o servicio previo de manipulado, limpeza e tratado de calquera xénero de alimentos para terceiras empresas dedicadas á industria da alimentación. Aplicarase no centro de traballo sito en Ponte Arnelas, 54, Vilanova de Arousa e foi concertado polo comité de empresa e a dirección dela.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afecta a totalidade do persoal de Servicios Auxiliares de Arosa, S.L., existente no momento da sinatura del, así como o que ingrese posteriormente na empresa.

Artigo 3º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor o día da súa sinatura; non obstante, os efectos salariais retrotraeranse ó 1 de outubro de 1999 e terá vixencia ata o 31 de decembro do ano 2002, e o conxunto do articulado manterá a súa vixencia mentres as partes non acorden modificalo. Este convenio entenderase prorrogado de ano en ano, se por calquera das partes non mediase denuncia expresa antes da data do seu vencemento.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas establecidas neste convenio teñen carácter de mínimas e figurarán nas táboas salariais anexas.

Quen viñese gozando dalgunha ou algunhas condicións máis beneficiosas cás que aquí se establecen, deberá conservalas e non poderán ser nin absorbibles nin compensadas.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

As condicións laborais e económicas que por disposición legal ou convencional se puidesen establecer no futuro, serán absorbidas e compensadas coas aquí pactadas globalmente.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e vixilancia das condicións pactadas neste convenio, crearase unha comisión paritaria composta por tres membros de cada unha das partes, social e económica. Pola parte social estará composta de tres delegados de persoal.

Cando para a resolución de calquera asunto non exista acordo, será o xulgado do social competente o que decida.

Artigo 7º.-Contratación.

Poderanse realizar contratos de traballo de duración determinada, tal e como establece a lexislación vixente, coas seguintes peculiaridades:

a) Poderanse realizar contratos de formación para tódalas categorías profesionais.

Os traballadores que se acollan a esta modalidade contractual, deberán ser maiores de 16 anos e meno

res de 21 que carezan da titulación académica requirida para realizar un contrato en prácticas. O salario destes traballadores será o salario mínimo interprofesional para as ditas idades e a duración non poderá ser superior a dous anos.

b) Os contratos en prácticas observarán a lexislación vixente.

c) Contratos para obra ou servicio determinado. Co fin de evitar ó máximo a utilización de formas de contratación externas (ETT ou contratas) e adecua-las contratacións ás necesidades reais da empresa en función dos pedidos que se lle formulen, identificando estes con substantividade propia dadas as especiais características desta empresa, poderanse concertar contratos desta natureza para cumpri-los ditos pedidos, prevendo unha duración limitada no tempo, aínda que estean directa ou colateralmente relacionados co proceso productivo.

d) En canto ós contratos eventuais por circunstancias da producción, deberán responder a unha acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, establecéndose a súa causa de forma expresa. A súa duración máxima será de seis meses dentro dun marco temporal de doce meses.

e) A contratación a través de empresas de traballo temporal queda restrinxida ó 8% do cadro de persoal ó longo do ciclo económico de carácter anual.

f) Poderanse realizar contratos fixos descontinuos segundo a lexislación vixente.

En cada suspensión de traballo do traballador fixo descontinuo, non se considerará extinguida senón tan só ininterrompida a relación laboral e ó seren estas suspensións derivadas da falta de regularidade no traballo, circunstanciais ó desenvolvemento da industria, en concreto e fundamentalmente por falta de pedidos dos clientes para a realización dos servicios encomendados, non se considerarán estas debidas á concorrencia de causas económicas ou tecnolóxicas. As suspensións doutro carácter terán a regulación establecida na normativa vixente para cada caso. Para efectos de obte-las prestacións de desemprego en cada suspensión, entregaráselle ó traballador certificación da empresa que acredite a falta de pedidos.

Os traballadores fixos descontinuos deberán ser chamados cada vez que vaian levarse a cabo as actividades para as que foron contratados, aínda cando e dado o carácter propio da industria, o chamamento do persoal fixo descontinuo poida facerse gradualmente en función das necesidades que esixa en cada momento o volume de traballo que se vai desenvolver e que deberá efectuarse dentro de cada especialidade por orde relativa e sucesiva de antigüidade e categoría, de modo tal que cumpran tódolos traballadores a ser posible o mesmo período útil de traballo ó cabo do ano, computando este a partir da iniciación das actividades en cada temporada de traballo.

O chamamento ó persoal efectuarase mediante a oportuna comunicación, que debe practicarse de forma comprobable, e o traballador terá un prazo de 48 horas dentro das cales debe incorporarse ás tarefas.

En caso de incumprimento da modalidade deste chamamento, o traballador poderá presentar reclamación por despedimento ante a xurisdicción competente, iniciándose o prazo para iso desde o día que tivese coñecemento da falta da convocatoria.

En cada suspensión de traballo, como se expresou, non se considera extinguida a relación laboral, senón tan só interrompida.

Para que produza efectos a suspensión do contrato, esta deberá serlle notificada ó traballador por escrito e referindo nel o motivo e a necesidade da suspensión e notificaráselle así mesmo ó Inem.

En todo caso, cada empresa dará conta de cada suspensión á representación sindical existente nela.

Non poderá suspenderse a actividade de traballadores fixos descontinuos, mentres permanezan en alta na empresa productores contratados con carácter temporal.

A empresa, o día anterior ó chamamento, presentará nas oficinas do Inem unha relación dos traballadores chamados, a cal será visada ou selada.

Nesta relación constarán os seguintes datos:

Nome da empresa.

Número da Seguridade Social.

Nome e apelidos do traballador/a.

Documento nacional de identidade e número da Seguridade Social do traballador/a.

Artigo 8º.-Período de proba.

O ingreso dos traballadores considerarase feito en período de proba se así consta por escrito. O dito período de proba será variable segundo sexan os postos de traballo que se vaian cubrir e que en ningún caso poderá exceder do tempo fixado na seguinte escala:

-Persoal titulado: catro meses.

-Persoal administrativo: dous meses.

-Persoal subalterno, especialistas e peóns: 15 días.

Durante o período de proba, a empresa e o traballador poderán resolve-lo contrato de traballo sen prazo de aviso previo e sen dereito a ningunha indemnización.

Transcorrido o período de proba sen que se produza desistimento, o contrato producirá plenos efectos.

Salvo pacto en contrario, a situación de IT que afecte o traballador durante o período de proba, interromperá o cómputo del, que se reiniciará a partir da data de reincorporación efectiva ó traballo.

Artigo 9º.-Cesamentos voluntarios.

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente no servicio da empresa, estarán obrigados a poñelo en coñecemento desta, cumprindo os seguintes prazos de aviso:

Persoal titulado: dous meses.

Persoal técnico non titulado e administrativo: un mes.

Persoal subalterno, profesionais e peóns: quince días.

Artigo 10º.-Formación profesional.

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria de formación profesional, integrada por tres membros da parte social e tres da parte económica.

Serán funcións desta comisión:

-Requirir das administracións autonómicas competentes o recoñecemento desta comisión como interlocutor social sectorial, que reciba a información existente sobre programas e cursos de formación profesional con financiamento oficial que afecten ó sector, co fin de colaborar tanto nos que estean en marcha, como os que se poidan programar en diante.

Elaborar estudios sobre necesidades e requirimentos de formación profesional no sector para chegar a defini-la organización e programación dela, tanto ocupacional como regrada.

Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da formación profesional na empresa.

Artigo 11º.-Seguridade e hixiene.

A empresa desenvolverá as accións e medidas en materia de seguridade e saúde laboral que sexan necesarias para lograr unhas condicións de traballo onde a saúde do traballador non se vexa afectada por elas.

Estas accións e medidas deberán estar encamiñadas a lograr unha mellora de calidade de vida e de medio natural no traballo, desenvolvendo obxectivos de promoción e defensa da saúde, mellora das condicións de traballo, potencialización das técnicas preventivas como medio para a eliminación dos riscos na súa orixe e a participación sindical nos centros de traballo.

As técnicas preventivas deberán ir encamiñadas á eliminación do risco para a saúde do traballador desde a súa propia xeración, tanto no que afecta ás operacións que se vaian realizar como nos elementos empregados no proceso.

De acordo coas esixencias técnicas de maquinaria empregada nos distintos procesos industriais, a empresa deberá realizar de forma eficaz as oportunas accións de mantemento preventivo delas, de forma que contribúa a eleva-lo nivel de seguridade e confort no local de traballo.

Artigo 12º.-Xornada.

Acórdase establecer unha xornada en cómputo anual de 1.800 horas. En ningún caso se poderán realizar máis de 9 horas ordinarias de traballo efectivo. En todo caso, entre o final da xornada e o comezo da seguinte, mediarán como mínimo 12 horas. A xornada será de luns a venres.

Artigo 13º.-Horario de traballo.

A empresa establecerá, logo de deliberación cos representantes legais dos traballadores, a xornada diaria e semanal, en función de que esta sexa xornada

partida ou continuada. Cando se realice a actividade a quendas, serán de mañá ou tarde.

Anualmente o calendario laboral elaborado pola empresa expoñerase en sitio visible en cada centro de traballo.

A empresa, cando existan razóns organizativas ou productivas, poderá realiza-los cambios horarios necesarios, poñéndoo en coñecemento dos representantes sindicais.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias.

Horas extraordinarias habituais: trataranse de evitar ó máximo.

Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes, así como no caso de risco de perda de materias primas, entendendo como tales a forza maior: realización.

A dirección da empresa informará periodicamente o comité de empresa ou os delegados de persoal sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas e, se é o caso, a distribución por seccións. Así mesmo, en función desta información e dos criterios máis arriba sinalados, a empresa e os representantes legais dos traballadores determinarán o carácter e natureza das horas extraordinarias.

En ningún caso, as horas extraordinarias poderán pasar do máximo legal de 80 ó ano, salvo o disposto no punto 2 anterior.

Para os efectos do cómputo das 80 horas ó ano indicadas, deberá quedar sentado que non se computarán para o efecto as que foran compensadas por descanso.

O importe das horas extraordinarias aboarase coa seguinte recarga: 25% de incremento.

O traballador terá a opción de elixir se as horas extraordinarias que realizou se lle aboan na forma antedita ou se se lle compensan por tempo de descanso. Se opta por tempo de descanso, a relación será por cada hora extraordinaria realizada, corresponderanlle 1,25 horas diarias de descanso. O momento no que o traballador poida gozar das horas ordinarias que fose acumulando, será establecido de mutuo acordo entre traballador e empresario e sempre dentro do ámbito de vixencia do contrato.

Prohíbeselles realizar horas extraordinarias ós menores de 18 anos.

Artigo 15º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado por este convenio gozará dunhas vacacións de trinta días naturais de duración ou na parte proporcional ó tempo traballado.

Cando as vacacións sexan fraccionadas por proposta da empresa, non se terán en conta os días festivos pero si os domingos. O fraccionamento a que queda facultada a empresa non poderá exceder de dous períodos, agás acordo individual ou cos representantes dos traballadores.

Excluirase do período de desfrute o de maior actividade productiva.

O réxime salarial para o desfrute de vacacións estará constituído pola media que percibise o traballador durante os días de traballo, nos últimos tres meses.

No non recollido neste artigo, haberá que aterse ó lexislado no Estatuto dos traballadores.

Artigo 16º.-Percepcións salariais.

As percepcións salariais para o ano 1999 establécense no anexo I.

No ano 2000 incrementarase a táboa de 1999 co IPC nacional resultante do dito ano máis 1 punto e no ano 2001 ó 2002 o IPC.

Artigo 17º.-Percepcións de carácter extraordinario.

Todo traballador terá dereito a dúas mensualidades en concepto de pagas extraordinarias, consistentes no equivalente a trinta días cada unha delas do salario total da táboa do convenio. Aboarase o día 15 dos meses de xullo e decembro e en proporción ó período traballado.

Artigo 18º.-Nocturnidade.

Establécese un complemento de nocturnidade do 10% sobre o salario base para cada categoría, agás o que realiza habitualmente o traballo nocturno.

Táboa salarial convenio

Ano 1999

Técnico titulado120.000

Encargado mantemento máquinas105.000

Encargado xeral105.000

Xefe administración120.000

Encargado sección90.000

Oficial administrativo84.000

Auxiliar administrativo78.000

Conductor83.000

Vixilante77.143

Auxiliar de fabricación77.143

Peón77.143

Artigo 19º.-Complemento de productividade.

De acordo coas disposicións vixentes sobre convenios colectivos, é obxecto deles o incremento da productividade nas empresas. É obxectivo da empresa implantar un sistema de remuneración por primas de producción, con carácter xeral, por seccións ou quendas de traballo, de acordo coas circunstancias e as posibilidades perseguidas.

Corresponderalle á dirección de empresa, de acordo co comité de empresa ou delegados de persoal, determina-los rendementos, tomando como medida de actividade mínima esixible a que desenvolva un operario medio entregado ó seu traballo sen o estímulo dunha remuneración por incentivo, ritmo que pode manter día tras día, facilmente, sen que esixa esforzo superior ó normal.

As primas de producción negociaranse entre a dirección da empresa e os representantes legais dos traballadores durante a vixencia do convenio e sobre

os seguintes productos: lura, lura pequena, bacallao, gamba, mexillón, polbiños, peituga de polo, paella, pescada, linguado, productos cárnicos e outros productos traballados na empresa.

Os valores establecidos só poderán ser modificados cando concorra algún dos seguintes casos:

1. Mecanización.

2. Mellora das instalacións que faciliten a realización dos traballos.

3. Cando o traballo sexa de primeira serie fixando un valor provisional mentres non se fixe máis tarde o definitivo.

4. Cambios do método operatorio, distintos dos descritos no sistema anterior de traballo.

5. Cando exista erro de cálculo.

Artigo 20º.-Réxime disciplinario.

En canto a faltas e sancións, ambas partes remítense para a súa aplicación ós artigos 17, 18 e 19 da Resolución do 13 de maio de 1997, da Dirección Xeral de Traballo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación do acordo de cobertura de baleiros.

Artigo 21º.-Regulación subsidiaria.

En todo o non previsto neste convenio, será de aplicación o Estatuto dos traballadores.

ANEXO I

A empresa obrigarase á sinatura deste convenio a contratar a 25 traballadores fixos descontinuos, 50 máis para o 1 de xaneiro do ano 2000 e 25 máis para o 1 de xaneiro do ano 2001.

Todos eles con expresa exclusión dos agora existentes na empresa.

Ponte Arnelas, 28 de setembro de 1999.

Rubricado pola empresa e traballadores.

ANEXO II

No ano 2001 incrementarase o salario real co IPC previsto máis un punto.

Ponte Arnelas, 28 de setembro de 1999.

Rubricado pola empresa e polos traballadores.