Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 17 de xaneiro de 2000 Páx. 619

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 2/2000, do 7 de xaneiro, polo que se declara o ano 2000 ano de Manuel Murguía.

A Real Academia Galega decidiu dedica-lo Día das Letras Galegas do ano 2000 a Manuel Murguía, figura fundamental do Rexurdimento, literato, historiador e periodista; a súa extensa obra contribuíu de xeito fundamental ó engrandecemento de Galicia.

Comezou moi novo unha prometedora carreira literaria que abrangueu varios xéneros como a novela, o ensaio, o xornalismo e a crítica literaria.

Desde o seu traballo de historiador propiciou unha renovación metodolóxica na historiografía de Galicia o cal sentará as bases do traballo científico posterior neste campo.

Considerado no seu tempo como unha das figuras máis senlleiras de Galicia, foi cronista xeral do reino e presidente da Real Academia Galega. Durante toda a súa vida desenvolveu un importantísimo labor de defensa da lingua e a identidade de Galicia, o que o fixo merecente dun posto de honra na nosa historia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xaneiro do ano dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declárase o ano 2000 en Galicia ano de Manuel Murguía, polo que debe constituír unha obriga para tódolos galegos participar na homenaxe debida a este insigne persoeiro da nosa historia.

Artigo 2º

As institucións públicas galegas, os centros de ensino, as bibliotecas, as asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia dedicarán unha parte da súa actividade a poñer de relevo a obra deste historiador, xornalista e escritor que tanto fixo polas letras galegas.

Artigo 3º

Como testemuño da homenaxe a Manuel Murguía, a Xunta de Galicia acuñará unha medalla conmemorativa de trescentos exemplares numerados.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xaneiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo