Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 14 de xaneiro de 2000 Páx. 525

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 1999, da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, dos estatutos do Consorcio Río Arnoia.

Visto o texto dos estatutos que rexerán o Consorcio Río Arnoia, observándose que a súa aprobación se realizou conforme o disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 150 e seguintes, así como os 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites de:

Primeiro.-O proxecto de estatutos foi elaborado pola comisión xestora e aprobado pola asemblea de concelleiros dos concellos de Cartelle, A Merca e Ramirás.

Segundo.-Con data do 26 de xullo de 1999, o devandito proxecto recibui informe favorable da Deputación Provincial de Ourense.

Terceiro.-Segundo certificación da Secretaría do Concello de Cartelle e do ente preconsorcial Río Arnoia, o proxecto foi sometido ó trámite de información pública durante o prazo dun mes, mediante a súa publicación no BOP de Ourense (BOP nº 175, do 2 de agosto de 1999), sen que se producise ningunha reclamación ou alegación respecto deles.

Cuarto.-Así mesmo, con data do 7 de outubro de 1999, a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local emitiu informe favorable do contido do proxecto de estatutos.

Quinto.-O presidente da comisón xestora remitiu con datas de entrada nesta consellería do 16 e 25 de novembro de 1999, certificación dos acordos dos concellos de Cartelle, A Merca e Ramirás de aprobación definitiva dos estatutos e da constitución do Consorcio Río Arnoia para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Xa que logo, a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local

ACORDA:

Dispoñe-la publicación dos estatutos do Consorcio Río Arnoia no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 141.2º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 1999.

José A. Álvarez Vidal

Director xeral de Xustiza e Administración Local

Estatutos

Consorcio Local Río Arnoia

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Denominación e municipios que integran o consorcio.

Coa denominación de Río Arnoia e integrado polos concellos de Cartelle, A Merca e Ramirás constitúese

un consorcio, como entidade local, intermunicipal, dotado de personalidade xurídica propia, para o cumprimento do obxecto e fins que se determinan.

Artigo 2º.-Dereitos e obrigas.

-Confeccionar e cumpri-los estatutos, normas que os desenvolven e acordos que de forma válida se adopten.

-Asistir, por medio de representantes, con voz e voto ás sesións dos órganos.

-Garanti-las achegas ordinarias e extraordinarias que se establezan.

-Recibir información por medio dos seus representantes.

-Calquera outra establecida pola lexislación, estatutos e normas que os desenvolven.

Artigo 3º.-Obxecto e fins.

1. Obxecto:

O obxecto fundamental do consorcio que se constitúe será a recuperación da zona delimitada polo curso do río Arnoia ó seu paso polos tres concellos membros, promovendo actividades relacionadas coa recuperación do patrimonio natural, etnográfico e antropolóxico de todo o territorio, mediante a restauración das súas marxes e das súas construccións máis atraentes, que permitan a realización e o desfrute de actividades naturais, culturais, turísticas e de lecer ou outras actuacións futuras que puntualmente se acorden.

2. Actuacións:

Tal obxecto concretarase, principalmente, nas seguintes actuacións:

2.1. Creación dunha escola-obradoiro coa que, ademais de promove-la inserción dos xoves dos tres concellos ó mercado laboral, facilite a recuperación do río Arnoia e outros puntos de interese dentro do territorio intermunicipal.

2.2. Xestión, dirección e representación da escola-obradoiro.

2.3. Consecución de medios económicos, necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.

2.4. Calquera outra finalidade que poida ser aprobada como tal pola xunta xeral.

Artigo 4º

O domicilio do consorcio local para os efectos fiscais e administrativos sitúase no concello da Merca, estrada de Celanova, nº 3, CP 32830 A Merca (Ourense).

Artigo 5º

1. O consorcio rexerase por estes estatutos, Lei de Administración local de Galicia, Lei reguladora de bases de réxime local, texto refundido de réxime local, Lei de facendas locais e demais normas vixentes de aplicación ós concellos.

Capítulo II

Órganos de administración e goberno

Artigo 6º

Son órganos de goberno do consorcio:

1. A xunta xeral.

2. O presidente.

Artigo 7º.-A xunta xeral.

1. É o órgano colexiado superior do goberno e xestión do consorcio local que estará integrada por nove (9) membros -tres por cada concello consorciado-: o alcalde-presidente máis dous concelleiros elixidos polos respectivos plenos municipais.

2. A xunta xeral, constituirase, antes do décimo quinto día hábil seguinte ó da publicación íntegra dos estatutos, trala súa aprobación definitiva.

Nesta sesión, nomearase presidente do modo previsto no artigo 8, que será sucedido do xeito que se determine. Asemade, nomearase secretario-interventor de entre os que presten os seus servicios como tales nalgún dos concellos consorciados.

3. Os membros da xunta xeral, mentres son membros das corporacións consorciadas, cesarán, en todo caso, tras un proceso de eleccións locais, aínda que seguirán como membros en funcións da xunta xeral ata que as novas corporacións nomeen os seus respectivos representantes na xunta xeral.

Artigo 8º.-O presidente.

1. O presidente do consorcio e da súa xunta xeral será elixido por esta, no acto da súa constitución, de entre os alcaldes-presidentes. A elección realizarase por maioría absoluta na primeira convocatoria e simple na segunda.

O presidente poderá renunciar ó seu cargo pero deberá dar conta á xunta xeral, que procederá á elección dun novo presidente, segundo o procedemento sinalado no parágrafo anterior.

2. O presidente será substituído no caso de vacante, ausencia ou enfermidade. Estas substitucións serán determinadas pola xunta xeral, no acto da súa constitución, de entre os alcaldes-presidentes. A elección realizarase por maioría absoluta na primeira convocatoria e simple na segunda.

3. O presidente perderá a súa condición, e incluso a de membro da xunta xeral, ó cesar como alcalde-presidente. Non obstante, e mentres non se produza a súa substitución, seguirá actuando como presidente ata que a xunta xeral realice a nova elección.

Artigo 9º.-O secretario.

O secretario-interventor do consorcio será un dos secretarios dos concellos integrantes ou funcionario en quen delegue, designado polo sistema de rotación por anos naturais.

Terá como funcións a fe pública e o asesoramento legal así como o control íntegro de xestión orzamentaria e a dirección da contabilidade.

Capítulo III

Atribucións dos órganos de goberno

Artigo 10º.-Competencias da xunta xeral.

Correspóndelle á xunta xeral:

-Elixir presidente e acorda-lo xeito de substituílo na súa ausencia.

-Aprobar e modifica-los seus orzamentos e plans de investimento; a autorización e disposición de gastos; recoñecemento de obrigas e aprobación das contas, segundo a Lei de facendas locais.

-Aprobación dos proxectos de obras, a contratación de obras, servicios ou subministracións e, se é o caso, a aprobación dos proxectos das obras.

-Aproba-lo proxecto e programa de actuación do obxecto e fins do consorcio.

-A admisión de novos concellos ou entidades no consorcio.

-Exercer toda clase de accións administrativas e xudiciais e exerce-la defensa dos procedementos que se sigan fronte ó consorcio.

-Elabora-la memoria anual de actividades, aprobala e publicala, se fose o caso.

-Adoptar tódalas medidas que procedan para o mellor funcionamento do consorcio e que estean dentro dos seus fins.

-A modificación total ou parcial dos estatutos.

-A disolución do consorcio.

-Aproba-lo cadro de persoal, a relación de postos de traballo e fixa-las retribucións.

-Adquisición e alleamento do patrimonio.

-Controlar e fiscaliza-la xestión do órgano de goberno.

Artigo 11º.-Correspóndelle ó presidente.

Tódalas competencias non atribuídas á xunta xeral e, en especial, as seguintes:

-Representa-lo consorcio.

-Dirixi-lo goberno e administración do consorcio.

-Redacta-la orde do día, convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións; dirixi-las deliberacións e decidi-los empates con voto de calidade.

-Publica-los acordos da xunta xeral, executalos e facelos cumprir.

-Exerce-la dirección superior de persoal.

-Supervisa-las obras e servicios que afecten ó consorcio.

-Dar conta á xunta xeral para o seu coñecemento das instruccións ordenadas no ámbito da súa competencia.

-Exercer accións xudiciais e administrativas en caso de urxencia.

-Dispoñer de gastos conforme o orzamento, ordenar pagamentos e render contas.

-Conferirlles delegacións xerais ou especiais ós integrantes do consorcio nos termos e co alcance que se determine.

Artigo 12º.-Réxime de sesións.

1. A xunta xeral realizará sesións ordinarias, segundo a periodicidade que aquela estableza e, no seu defecto, cada dous meses; e sesións extraordinarias no caso de dispoñelo o presidente, por sí mesmo, ou por solicitude dos membros que representen unha cuarta parte, cando menos, do número de membros que integran a xunta xeral.

2. A válida realización de sesión require a presencia da maioría absoluta dos membros da xunta xeral en primeira e en segunda convocatoria. O intervalo de sesións entre ámbalas dúas convocatorias será dunha hora como mínimo.

3. Os acordos aprobaranse por maioría simple dos presentes, agás os casos sinalados no parágrafo seguinte; en caso de empate decidirá o presidente.

4. Será preciso a maioría absoluta do número legal de membros da xunta xeral para adopta-los seguintes acordos:

-Nomeamento de presidente.

-Modificación de estatutos.

-Concertar operación de crédito.

-Disolución do consorcio.

5. Nas respectivas sesións asistirá con voz pero sen voto o secretario-interventor.

Artigo 13º.-Recursos económicos.

O consorcio posuirá os seguintes recursos económicos:

a) A dotación consignada anualmente no orzamento ordinario de cada un dos organismos ou entidades que o compoñen.

b) Subvencións que se poidan recibir de entes públicos ou particulares.

c) Achegas ordinarias e extraordinarias que estableza o consorcio.

d) Auxilios, doazóns, herdanzas e legados.

e) Rendemento de actividades e servicios.

f) O producto de operacións de crédito.

g) Calquera outra que se axuste á estricta legalidade.

O patrimonio do consorcio estará integrado polos bens que os entes consorciais lle adscriban para o cumprimento dos seus fins e os que o consorcio adquira con cargo ós seus propios fondos.

As achegas das institucións e entidades que constitúen o consorcio fixaraas a xunta xeral, aboaranse no prazo e forma que esta determine e serán anuais, considerándose renovadas por un ano ou exercicio

máis se non hai constancia por escrito do contrario con dous meses de antelación á súa renovación.

A xunta xeral confeccionará e aprobará para cada exercicio económico un orzamento dentro dos prazos legalmente establecidos.

Co obxecto de que a xunta xeral aprobe o seu orzamento, o presidente elaborará, coa antelación suficiente, un anteproxecto de gastos e ingresos do consorcio, que será presentado á xunta xeral para a súa aprobación.

Artigo 14º.-Incorporación dun concello ou entidade.

Poderanse incorporar ó consorcio outras administracións, institucións privadas ou axentes en xeral, logo de solicitude, debéndose toma-lo acordo de aceptación por unanimidade da xunta xeral e polo órgano colexiado máis representativo do ente solicitante.

Artigo 15º.-Separación dun membro.

A separación de calquera dos integrantes do consorcio poderá levarse a efecto en todo momento mediante comunicación dirixida ó presidente do consorcio, xunto coa certificación do acordo adoptado en tal sentido polo seu órgano de goberno competente, na que se exprese tal vontade de separación.

Así mesmo, producirase a separación forzosa dun consorciado cando, trala apertura de oficio pola presidencia dun expediente contradictorio, se apreciase un reiterado incumprimento das obrigas consorciais por parte do antedito concello.

O acordo da xunta xeral de separación tomarase por maioría absoluta.

Artigo 16º.-Modificación dos estatutos.

Os estatutos poderán ser modificados por solicitude dalgún dos membros do consorcio, logo de petición motivada e razonada, xustificando os cambios propostos e, se é o caso, de afectar ós seus intereses económicos, avaliación do impacto proposto.

Os cambios deberán ser informados pola xunta xeral e polos concellos integrantes do consorcio e os acordos deberán ser adoptados por unanimidade.

Artigo 17º.-Duración e disolución do consorcio.

O consorcio constitúese por tempo indefinido debido ó carácter permanente dos servicios que se van prestar e que motivan a súa constitución.

Non obstante poderá promoverse e acordarse a disolución mediante o procedemento e cumprimento dos requisitos establecidos nos parágrafos seguintes.

Procederase á disolución cando se ordene por imperativo legal e, se é o caso, por acordo adoptado por maioría absoluta dos seus integrantes.

Os devanditos acordos, unha vez emitidos informes pola xunta xeral, deberán ser ratificados polos concellos ou entidades consorciadas dando conta á Xunta de Galicia e a deputación provincial.

Serán causas obxectivas de disolución:

-Imposibilidade de cumprimento dos fins para os cales se creou o consorcio.

-Incapacidade económica de dous dos seus membros.

-Realización do fin concertado.

A xunta xeral, acordada a disolución, e antes da súa disolución xurídica, procederá á liquidación dos seus dereitos e obrigas de acordo coas normas reguladas para o efecto na Lei de sociedades mercantís.

Artigo 18º.-Dereito supletorio.

Ó non contido nestes estatutos seralle de aplicación directa a lexislación local de Galicia e de bases de réxime local e, no seu defecto, observarase o regulado nas disposicións concordantes e aplicables dictadas pola Comunidade Autónoma e, no seu defecto, pola Administración do Estado.