Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 14 de xaneiro de 2000 Páx. 524

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 348/1999, do 23 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Santiago de Compostela, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de expropiación para a ordenación funcional da rúa San Lázaro (Camiño Francés), tramo: estrada N-547.

O Concello de Santiago de Compostela, en sesión que tivo lugar o día 22 de marzo de 1999, aprobou o proxecto de expropiación para a ordenación funcional da rúa San Lázaro (Camiño Francés), tramo: estrada N-547, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52

da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente de data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de decembro de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 17 de novembro de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a estrada de Lugo (CN-547) ó seu paso por San Lázaro está a sufrir considerables cambios no que se refire á demanda de uso e funcionalidade por motivos tales como a creación de novas rúas de acceso a equipamentos tan importantes como o estadio de San Lázaro, Pazo de Congresos, entrada no polígono das Fontiñas.

Todos estes cambios supoñen a necesidade de ordena-la travesía do núcleo de San Lázaro para adaptala ás novas necesidades, tanto desde o punto de vista do tráfico rodado como do tránsito dos peóns.

A urxencia, pois, vén motivada pola necesidade de resolver axeitadamente o funcionamento da devandita estrada e dar resposta inmediata ó problema actual de tráfico e o que xerarán os referidos equipamentos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Santiago de Compostela para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de expropiación para a ordenación funcional da rúa San Lázaro (Camiño Francés), tramo: estrada N-547.

Santiago de Compostela, vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais