Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 14 de xaneiro de 2000 Páx. 528

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 23 de decembro de 1999 pola que se establecen liñas de actuación e estímulo á formación de mulleres naquelas profesións ligadas a sectores e actividades considerados prioritarios en Galicia.

O Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en materia de medidas activas de emprego, determina unha regulación unificada de tódalas convocatorias de axudas e subvencións que en materia de medidas activas de emprego realiza a citada consellería en canto á súa presentación, tramitación, valoración e resolución, e na súa disposición derradeira primeira, autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta disposición.

A consolidación das actividades económicas existentes, sobre todo a aparición de actividades novas na súa concepción, vén esixir un incremento na capacitación dos recursos humanos utilizados nelas.

A innovación técnica e organizativa das actividades económicas, a incorporación masiva da muller ó mundo do traballo e a preocupación que leva consigo a plena integración comunitaria demandan plans adecuados á realidade actual, plans nos que a formación que se imparta, se adapte ás necesidades existentes.

A formación para o emprego débese conformar como unha acción programática co fin de superar concepcións tradicionais de ofertas de emprego en profunda transformación.

Neste marco, esta orde pretende concreta-los principios xerais contidos no dito decreto no relativo á formación ocupacional, coordinando as accións de formación coas actividades de orientación profesional e a execución de accións e programas que faciliten a inserción laboral das mulleres e a mellora da súa cualificación profesional.

Como consecuencia da posta en funcionamento do Servicio Galego de Colocación o 1 de xaneiro de 1997, incorpórase a obriga das entidades impartidoras de introduci-lo currículo dos/as alumnos/as que rematen os cursos na base de datos do dito servicio.

As devanditas axudas financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.50.212A.461.0, 14.50.212A 462.0, 14.50.212A 471.0, 14.50.212A.481.0, 14.50.212A.484.0, recollidas no proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 e o importe global destinado a elas ascenderá a 262.400.000 pesetas.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa a que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2000, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 14 de outubro de 1999.

A tramitación desta orde acóllese ó disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, toda vez que o Consello da Xunta de Galicia na súa sesión celebrada o día 14 de outubro de 1999 aprobou o proxecto de orzamentos xerais para a Comunidade Autónoma para o ano 2000.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas de conformidade co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a convocatoria pública dos plans de actuación, as condicións e os requisitos para a realización do programa de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuven

tude, a prol das mulleres mediante a execución das seguintes actuacións:

a) Apoio a programas de formación profesional realizados por entidades locais, asociacións, empresas ou grupo de empresas en favor das mulleres.

b) Coordinación de accións de formación ocupacional con actividades de orientación profesional e plans de fomento da economía social e a promoción de empresas.

c) Programas destinados a facilita-la inserción laboral das mulleres impulsando a súa cualificación profesional, naquelas profesións demandadas polo mercado de traballo.

d) Proxectos formativos de cáracter singular que poidan achegar un valor engadido ás accións anteriores.

Artigo 2º.-Xestión e execución.

1. A xestión das accións previstas nesta orde correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a través do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Poderán colaborar na impartición das accións previstas neste programa e, consecuentemente, solicita-la súa inclusión na programación, as entidades que se citan a continuación:

a) As asociacións e outras entidades de carácter social que carezan de ánimo de lucro e figuren inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais dependente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, na área de actuación específica da muller.

b) As entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) As empresas ou grupos de empresas, exclusivamente para a formación das súas propias traballadoras.

d) As centrais sindicais ou as organizacións empresariais legalmente constituídas.

Para a impartición das accións de formación profesional ocupacional poderá establecerse a sinatura de convenios entre o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e as entidades concesionarias.

2. Tódalas entidades sinaladas no parágrafo anterior e que obteñan a concesión de axudas para a impartición de accións previstas nesta orde non poderán subcontratar ou cederlle a un terceiro a súa impartición.

Artigo 3º.-Colectivos beneficiarios.

1. Poderán participar nas accións formativas previstas nesta orde:

a) As mulleres que se atopen inactivas e poidan acredita-la súa condición de paradas, nos cursos destinados a mulleres desempregadas.

b) Traballadoras en activo, con exclusión das que presten os seus servicios en calquera tipo de Administración pública, sexa cal sexa o seu vínculo con ela, nos cursos dirixidos a mulleres activas ou que exercen unha actividade laboral.

2. Nos anexos I e II desta orde deberá indicarse o colectivo específico para o cal se solicita a subvención.

Artigo 4º.-Selección de alumnas.

1. Con carácter xeral, o número de alumnas participantes en cada curso estará comprendido entre 15 e 20, sen que en ningún caso poidan terse en conta máis de 15 alumnas para o cómputo da subvención, non podendo inciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 12.

2. A entidade que vai imparti-lo curso realizará unha convocatoria pública mediante anuncio que se publicará de conformidade coas instruccións que establecerá o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller en modelo normalizado, na que necesariamente se deberá facer consta-lo financiamento da acción por parte do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, polo menos a través dun dos xornais de maior tirada da provincia, e efectuará a selección entre as que acudan a ela, tendo en conta que as alumnas seleccionadas deben ser, agás nos cursos de activas, desempregadas, o que deberán acreditar mediante a inscrición nalgunha das oficinas de emprego do Servicio Público de Emprego no momento da súa incorporación ó curso, e certificación acreditativa da vida laboral da desempregada, levantando a correspondente acta que se deberá remitir ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, con sete días de antelación ó comezo dos cursos. As

traballadoras en activo deberán acredita-la súa condición mediante a presentación dun certificado de vida laboral expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social acompañado, se é o caso, da tarxeta do Servicio Público de Emprego que acredite que figuran en situación de mellora de emprego.

Nas accións formativas destinadas a mulleres desempregadas a entidade impartidora deberá, así mesmo, remitir á oficina de emprego correspondente, relación de candidatas seleccionadas para os cursos e comunica-las incidencias (altas/baixas) que se produzan ó longo del.

O custo dos anuncios que non se adapten ós anteditos requisitos e a calquera outro que puidera ser establecido polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller non será aboado con cargo ás axudas previstas nesta orde.

3. As alumnas deberanse incorporar ó curso na data do seu inicio. De non se incorporar ou de se producir baixas dentro da primeira cuarta parte do curso, poderanse substituír por alumnas procedentes da convocatoria pública, sempre que teñan o nivel

de acceso correspondente á fase do curso á que se incorporen. Neste caso a persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel da alumna.

4. Os cursos nos que, a pesar de que se intentase completa-lo número de alumnas, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ó 50% do número programado, poderán ser suspendidos polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Neste caso a entidade terá dereito a unha indemnización calculada de acordo co principio de proporcionalidade que será proposta pola Comisión de Avaliación prevista no artigo 12 e será aprobada pola directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 5º.-Dereitos e deberes das alumnas.

1. As alumnas que resulten seleccionadas para un curso non poderán asistir a outro simultaneamente, nin causar baixa nun para acceder a outro incluído dentro da programación de formación ocupacional do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. As alumnas terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento os cursos de formación ocupacional e a de facilita-la documentación que sexa solicitada pola entidade impartidora dentro dos 5 primeiros días lectivos, sendo causa de exclusión destes ó incorrer en mais de dúas faltas de asistencia non xustificadas nun mes.

3. As alumnas que rematen os cursos con aproveitamento obterán un diploma oficial, no modelo que se estableza polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, acreditativo da súa realización no que constarán os seguintes datos:

a) Nome, apelidos e DNI da alumna.

b) Denominación do curso.

c) Lugar e datas de realización.

d) Número de horas e programa impartido (incluídos os módulos de políticas de igualdade e sobre información, orientación profesional e técnicas de búsqueda de emprego).

e) Entidade impartidora.

Poderá concederse o diploma a aquelas alumnas que causen baixa no curso por colocación, cando o/a docente estime que ten os coñecementos equivalentes ó nivel do curso e asistira ó 75 por 100 das horas del.

Artigo 6º.-Especialidades formativas.

1. Os cursos serán de carácter presencial e desenvolveranse, agás no caso de activas, preferentemente en horario de mañá.

2. Nas especialidades formativas terán preferencia as profesións máis demandadas polo mercado laboral, as vencelladas ós novos xacementos de emprego

e ás novas tecnoloxías, así como as vencelladas a profesións ou oficios con menor índice de ocupación feminina, nos termos que establece a orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16-9-1998, e que, en todo caso, estarán incluídas no catálogo de especialidades formativas.

As accións formativas deben incluír obrigatoriamente un módulo de políticas de igualdade que terá unha duración mínima de 8 horas e máxima de 12 horas.

Así mesmo incluirán módulos de orientación e información profesional que terán unha duración máxima de 20 horas, que conterán información sobre as posibilidades de emprego abertas para a formación recibida e orientación sobre as técnicas de busca de emprego, posibilidades de autoemprego e fórmulas de economía social.

Artigo 7º.-Inicio e remate.

Con carácter xeral as accións formativas deberanse iniciar antes do 31 de maio, mentres que o remate e xustificación destas mesmas producirase, necesariamente, como data límite o 30 de novembro de 2000, debendo estar xustificados os custos inherentes a elas, mediante certificación do xefe do Servicio de Cooperación, Estudios e Programas do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, o 30 de decembro de 2000.

Quedan exceptuadas dos prazos establecidos no parágrafo anterior as accións formativas derivadas dos supostos previstos no artigo 13.3º desta orde.

Artigo 8º.-Axudas.

1. As accións formativas impartidas ó abeiro desta orde serán obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución.

2. As anteditas subvencións terán unha contía máxima por cada curso que será a resultante do número de horas del, polo número de alumnas e o importe do seu módulo. Os módulos asignaranse a cada curso segundo a súa clasificación en función do seu nivel formativo e do grao de dificultade da técnica utilizada.

3. Computaranse como alumnas que remataron o curso aquelas que precisen abandonalo antes da súa finalización por ter atopado un emprego ou ocupación productiva, sempre que se acredite documentalmente tal extremo e o número de alumnas que o rematen non supere o do previsto para el.

4. A percepción da subvención prevista neste artigo, que financia o 100% dos custos xerados pola impartición da acción formativa, será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza.

Artigo 9º.-Gastos subvencionables.

1. Os gastos correspondentes a cada curso dividiranse en tres módulos: «A» referido ós custos de

persoal, «B» referido ó resto dos custos aboables do curso, e «C» referido ás bolsas e axudas ás alumnas. A cada un destes módulos fixaráselle un importe máximo, sendo a suma deles igual ó custo máximo subvencionable.

2. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes ó módulo «A», os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de profesorado, comprendendo os soldos ou honorarios do persoal docente incluíndo os gastos de Seguridade Social.

b) Gastos de persoal directivo e administrativo e do adicado ó seguimento e control do curso e, en xeral, das actividades de coordinación sen que poida superarse, en ningún caso, o 15 por cento do módulo «A». Estas actividades non poderán realizarse polo persoal docente do curso.

3. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes ó módulo «B», os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes das alumnas, comprendendo o importe das pólizas ou primas correspondentes a tódalas alumnas asistentes, polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de impartición das clases e prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período do curso.

b) Gastos de medios e materiais didácticos como textos e outros dun só uso pola alumna, e os materiais de traballo funxibles utilizados durante as actividades de formación quedando excluídos os gastos de amortización de equipos e ferramentas.

c) Gastos de enerxía eléctrica, de combustibles, así como de mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

d) Gastos xerais, comprendendo aqueles gastos que, sen estaren incluídos nos parágrafos anteriores, se deban imputar ou teñan a súa orixe na actividade do curso: alugueres e seguros, tanto de instalacións como de maquinaria; teléfonos e comunicacións; gastos de administración da entidade necesarios para a posta en funcionamento e permanencia dos cursos; e publicidade expresamente demandada e realizada de conformidade coas normas establecidas nesta orde, para a execución dos cursos aprobados e programados.

Sobre os custos dos módulos «A» e «B» efectivamente gastados e xustificados poderase calcular un 10% correspondente ós gastos de difícil xustificación. Este importe deberase imputar, en todo caso, ó módulo «A».

4. O módulo «C» estará constituído polas bolsas, cando se trate de desempregadas minusválidas, e as axudas de transporte, manutención e aloxamento ás alumnas desempregadas, ás que terán dereito de conformidade coas normas que en desenvolvemento desta orde dicte a directora xeral do Servicio Galego

de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e sempre que a partir do comezo do curso correspondente poidan acreditar atoparse nos supostos de concesión e a duración del sexa superior a catro horas diarias e vinte semanais.

Artigo 10º.-Solicitudes.

1. As entidades que cumprindo as condicións establecidas no artigo 2º desexen colaborar na impartición das accións formativas previstas nesta orde deberán formaliza-la correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde asinada polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado.

A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) DNI do solicitante e documentación que acredite que posúe poder suficiente para actuar en nome da entidade.

b) Tarxeta de identificación fiscal da entidade.

c) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado (anexo II).

d) Memoria detallada xustificativa da acción no modelo normalizado que se publica como anexo III a esta orde, na que se farán consta-los criterios que se van utilizar para a selección das alumnas. Cando se trate de asociacións, consignarase o número de membros que a integran.

e) Se é o caso, compromiso de contratación ou promoción profesional, por un período de alomenos seis meses dun mínimo do 15% das alumnas, asumido pola entidade impartidora ou por aquela que vaia contratar ou promocionar ás alumnas formadas.

f) Declaración expresa subscrita polo/a titular ou polo/a representante legal da entidade de non percibir ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra entidade pública ou privada.

g) Declaración pola que se expresa a submisión ás actuacións de comprobación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

h) No caso de que impartise cursos incluídos na programación da consellería correspondentes ó exercicio de 1999, deberan xustifica-lo grao de inserción laboral acadado polas alumnas formadas.

i) Ficha de solicitude de transferencia bancaria (anexo IV).

2. As solicitudes presentaranse no Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ou nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio da solicitante ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemen

to administrativo común, modificado pola Lei 4/1999. Se as solicitudes fosen presentadas nas delegacións provinciais, estas remitiranas o día seguinte ó da súa recepción ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 11º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, o órgano competente requirira ó solicitante para que, no prazo de dez (10 ) días, achegue os documentos preceptivos ou emende os erros detectados, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 12º.-Procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido no artigo 6 do Decreto 377/1998, do 23 de decembro, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados no parágrafo 1º do artigo 6 do antedito decreto, os expedientes remitiránselle á Comisión da Avaliación para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente para resolver.

3. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior a Comisión de Avaliación estará composta pola secretaria do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que a presidirá, e serán vocais o xefe de Servicio de Cooperación, Estudios e Programas e o xefe de servicio de Administración Xeral, que actuará coma secretario.

4. A Comisión de Avaliación á hora de barema-las solicitudes terá en conta, entre outros, os seguintes criterios:

a) A existencia doutros recursos formativos na zona.

b) As que promovan unha cualificación das mulleres naquelas profesións nas que se atopan subrepresentadas, as que estean especialmente ligadas a sectores económicos prioritarios en Galicia ou nas actividades económicas das súas comarcas, e as que fomenten o autoemprego e a constitución de empresas de economía social.

c) O grao de cumprimento demostrado pola entidade na impartición das accións formativas, concedidas en exercicios anteriores; valorándose para tales efectos a calidade da acción impartida, o índice de inserción laboral das alumnas formadas, así como o cumprimento das condicións de seguimento e avaliación e a correcta xustificación dos gastos.

d) A mellor idoneidade do centro no que se vai imparti-la formación, valorando para iso o nivel de adecuación das instalacións, aulas e talleres ás esixencias das accións formativas propostas.

e) A maior adecuación do perfil do persoal docente, do material didáctico dispoñible e da metodoloxía do programa proposto.

f) A inclusión dunha fase de prácticas profesionais non laborais, adecuada ós coñecementos impartidos.

g) A poboación e o número de mulleres desempregadas do territorio para o que se solicitan os cursos.

h) A realización de accións formativas destinadas a mulleres procedentes de casas de acollida.

i) A existencia de compromiso de contratación ou promoción profesional.

Artigo 13º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da Comisión de Avaliación, de cubri-lo trámite de audiencia cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalle á directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. A devandita resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa notificación.

2. A notificación das resolucións deberá producirse no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimada.

3. Poderanse efectuar resolucións complementarias cando existisen fondos provenientes de renuncias totais ou parciais de subvencións inicialmente concedidas ou doutros remanentes dos módulos.

Artigo 14º.-Obrigas.

Ademais das obrigas establecidas no artigo 9 do Decreto 377/1998, do 23 de decembro, os beneficiarios das axudas deberán:

a) Remitirlle, dentro dos 7 días anteriores ó comezo dos cursos, ó Servicio de Cooperación, Estudios e Programas do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller:

a.1) O programa docente completo, estructurado por módulos, indicando o tempo en horas de cada un deles, así como os contidos teórico-prácticos del.

a.2) As datas de inicio e remate dos cursos e, se é o caso, a planificación temporal das actividades relacionadas co curso.

a.3) O enderezo completo do lugar de impartición.

a.4) A relación de docentes que van a imparti-lo curso xunto coa documentación acreditativa de que a súa formación e experiencia é suficiente.

a.5) Resultado da selección de alumnas.

Unha copia desta documentación deberá expoñerse no taboleiro de anuncios do centro onde se imparta. Calquera modificación posterior destas circunstancias deberá ser autorizada previamente polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

b) Remitir, o día do inicio do curso, certificación xustificativa do seu inicio e, de se-lo caso, das modificacións producidas en relación cos datos sinalados no parágrafo anterior.

c) Remiti-lo resto da documentación necesaria para a impartición e xestión do curso no tempo e na forma que se estableza por resolución da directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

d) Realizar un informe da situación laboral das alumnas formadas, unha vez transcorridos 6 meses e un ano desde a finalización do curso, co fin de coñece-la súa porcentaxe de colocación.

e) Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acorda-los órganos competentes do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, tanto no relativo ó desenvolvemento da acción formativa coma á súa xestión e tramitación administrativa e documental.

f) Contratar un seguro de accidentes para as alumnas polos riscos que inclúan os de traxecto ó lugar de impartición das clases prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período do curso ou das prácticas non laborais en empresas.

g) Realizar unha memoria descritiva dos cursos unha vez finalizados estes.

h) Introduci-lo currículum das alumnas que rematen o curso, coa súa conformidade, na base de datos do Servicio Galego de Colocación na forma que se estableza pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

i) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15º.-Pagamento.

O aboamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata un 50% do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, sempre que transcorrera a primeira cuarta parte do curso e se remita ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da

Muller documentación acreditativa do inicio do curso e das modificacións producidas ata a data.

b) O 50% restante, unha vez rematada a acción formativa e recibida a certificación do responsable da entidade, acreditativa do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida e a declaración subscrita polo mesmo que constate a non percepción de ningún tipo de axuda pública ou privada destinada á impartición do curso, ademais da liquidación final na que se xustifiquen tódolos gastos coa relación de nóminas e facturas e a certificación de gastos por módulos.

Nos supostos de proxectos formativos con compromiso de contratación ou promoción profesional, non se realizará a liquidación final en tanto non se remitan copias dos contratos de traballo rexistrados polo organismo público competente.

Se se trata de entidades con ánimo de lucro, antes de proceder ó cobramento do anticipo ou da liquidación final terán que acreditar que está ó día na súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das subvencións recollidas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario.

Segunda.-Se por calquera causa, no momento no que a Comisión de Avaliación teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario/a que para o efecto designe a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro/a funcionario/a do mesmo servicio có substituído.

Terceira.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá financia-la elaboración do diagnóstico de necesidades e de plans de formación ocupacional e de reciclaxe profesional naqueles sectores productivos que coide oportunos, nos ámbitos local, comarcal e autonómico.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, no ámbito das súas competencias, para dicta-las resolucións e intruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude