Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 14 de xaneiro de 2000 Páx. 538

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 29 de decembro de 1999 pola que se anuncia a convocatoria de axudas para actividades realizadas por escolas de tempo libre.

Ante a importancia que hoxe adquire a organización de actividades de tempo libre e de utilización do lecer polos mozos, así como a axeitada formación dos responsables e técnicos de actividades de animación sociocultural, debe apoiarse o traballo que realizan as escolas de tempo libre existentes na nosa Comunidade Autónoma, en tanto que centros recoñecidos oficialmente pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para impartiren esa formación específica.

A realización de cursos ordinarios para a obtención dos títulos establecidos oficialmente en materia de tempo libre e animación sociocultural, como aqueloutros máis específicos de perfeccionamento e actualización para as persoas xa tituladas, así como outras actividades formativas nesa materia, é cometido das escolas de tempo libre, entidades que a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, pretende promocionar coa convocatoria destas.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto. O artigo 1º.1 desta orde establece que os expedientes de gasto imputables ós capítulos II, IV, VI e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderán iniciarse no exercicio inmediatamente anterior, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta, que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vai materializa-la contraprestación.

A aplicación desta orde supón a posibilidade de axiliza-lo proceso de execución orzamentaria, beneficiando moi especialmente os propios administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento, toda vez que o artigo 3.1 dispón que na tramitación anticipada de expedientes de subvencións se poderá chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ó da disposición ou compromiso de gasto.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude concederá subvencións para a realización de actividades desenvolvidas polas escolas de tempo libre.

2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes programas de actividades:

a) Cursos de formación para dirixentes ou responsables de asociacións xuvenís.

b) Cursos de directores e monitores en actividades de tempo libre.

c) Actividades de aire libre para titulados en actividades de tempo libre.

d) Conferencias, xornadas e congresos sobre as temáticas de tempo libre.

e) Realización de actividades de carácter socioeducativo dirixidas a trata-las distintas problemáticas que hoxe en día afectan á xuventude.

f) Intercambios técnicos con outras comunidades autónomas e países estranxeiros.

3. Quedan excluídos, para os efectos de subvención, os programas docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude financiará as anteditas subvencións con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.482.0 dos orzamentos xerais da Comu

nidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 cunha contía máxima de 10.088.000 pesetas.

Artigo 3º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar subvención as escolas de tempo libre inscritas no rexistro oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude (Decreto 313/1995, do 23 de novembro, polo que se regula o recoñecemento das escolas de tempo libre, se aproban os programas de formación que se van impartir e se establece a composición e o funcionamento da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre -DOG nº 237, do 13-12-1995- e o Decreto 381/1996, do 17 de outubro, polo que se modifica o anterior -DOG nº 213, do 30 de outubro-).

2. Será requisito imprescindible para poder solicitar subvención o ter xustificadas debidamente as axudas recibidas no último ano.

3. Igualmente, para ter acceso ás axudas previstas nesta orde, será obrigatorio que os solicitantes cumpran o previsto nos artigos 8 e 10.1º C do Decreto 313/1995, do 23 de novembro, na redacción dada polo Decreto 381/1996 antes citado.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes serán dirixidas á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e poden presentarse no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI do responsable da entidade que subscribe a petición, acreditando a súa lexitimación.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

c) Certificación dunha conta bancaria aberta pola entidade titular da escola de tempo libre.

d) Breve memoria explicativa das actividades que se pretende realizar.

e) Orzamento de ingresos e gastos da actividade.

f) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. A Dirección Xeral de Xuventude poderá requirir, se fose necesario, a emenda dos defectos apreciados na documentación presentada, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Contía máxima obxecto de subvención.

1. A contía da axuda concedida non poderá supera-lo 75% do orzamento total das actividades subvencionadas.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade para desenvolver polo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A avaliación dos proxectos presentados farase tendo en conta os seguintes criterios:

1. Proxectos destinados a promociona-la formación de directivos do asociacionismo xuvenil.

2. Cursos de perfeccionamento de carácter monográfico, xornadas ou outros tipos de actividades formativas orientadas a trata-las distintas problemáticas que hoxe afectan á xuventude.

3. Proxectos de actividades de intercambio de profesorado e técnicos en animación xuvenil entre comunidades autónomas e países estranxeiros.

4. Aqueles nos que as actividades con finalidade formativa, cultural ou de integración social primen sobre os simplemente recreativos.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán sometidas a informe dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude. Posteriormente, a directora xeral de Xuventude elevará proposta de resolución á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que resolverá.

2. A resolución da solicitude de subvención seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a dictou ou ser impugnados directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

3. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude reserva para si o dereito de orientar tecnicamente o proxecto de actividades, así como comproba-la súa execución, cando o considere conveniente.

4. Os solicitantes ós que non lles fose concedida subvención disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da recepción da notificación, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención.

1. Unha vez notificada a resolución da concesión da subvención e antes de que se proceda á tramitación

da fase de proposta de pagamento, o beneficiario da subvención terá que presenta-las acreditacións establecidas no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo do que se estableza na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

2. A xustificación das axudas efectuarase antes do día 15 de outubro de 2000 mediante a presentación de facturas orixinais ou fotocopias compulsadas, que ademais irán recollidas nunha relación na que figurarán todas elas xunto co seu importe, relación que deberá ser asinada pola persoa responsable da entidade subvencionada.

Para os efectos de xustificación, soamente se admitirán os recibos ou facturas que se acheguen e que figuren na relación, especificando cada un deles a actividade realizada, a data da súa execución, así como o NIF do que subscribe, que deberá ser persoa allea á entidade receptora.

Ademais, deberase presentar unha sucinta memoria na que se deixará constancia do resultado das actividades realizadas e que foron obxecto de subvención.

Artigo 9º.-Pagamento da subvención.

1. Recibida e comprobada a documentación a que fai referencia o artigo 8º, a directora xeral de Xuventude realizará proposta de pagamento da subvención.

2. Non obstante, unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, a directora xeral de Xuventude poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 50% sobre a subvención concedida, sempre que o seu importe non supere os límites que estableza a vindeira Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, para o anticipo de pagamentos en subvencións correntes.

Nos demais casos, o procedemento de pagamento efectuarase conforme dispoña a normativa orzamentaria de aplicación.

3. No caso de non aplicar ó fin previsto a totalidade da subvención concedida, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude só aboará a parte proporcional do investimento real efectuado.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións estarán obrigados a:

1. Non modificar, sen autorización da directora xeral de Xuventude, o programa de actividades inicialmente aprobado.

2. Facilitar á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a realización das comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación, sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración da Xunta de Galicia.

3. Facer constar en toda a publicidade xerada pola actividade obxecto da axuda, que recibiu subvención da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, Dirección Xeral de Xuventude,

utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

4. Presentar, no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

5. Estar sometido ás actuacións de comprobación que efectuará á Dirección Xeral de Xuventude, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

Artigo 11º.-Posible revogación da subvención.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude procederá ó reintegro total ou parcial da subvención concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de habelos, segundo o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención.

Disposición adicional

No caso de que unha vez dictada a resolución de concesión de axudas, amparadas por esta orde, quedase crédito orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite as cantidades consignadas na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, pero, no que se refire ós prazos de execución, poderanse subvencionar actividades realizadas polas entidades solicitantes desde o 1 de xaneiro de 2000 se son actividades que se consideran importantes para a xuventude, conforme os criterios de avaliación establecidos no artigo 6º desta orde, e se cumpren os requisitos esixidos e condicións establecidas nela.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude