Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 10 de xaneiro de 2000 Páx. 278

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 1999, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se fai pública a lista definitiva de adxudicatarios, puntuacións e oficinas de farmacia adxudicadas no concurso público convocado por Resolución do 20 de xaneiro de 1998.

De conformidade co establecido no nº 3 da base V da Resolución do 20 de xaneiro de 1998, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se convocou concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia, esta secretaría xeral, tendo en conta a proposta conxunta das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra,

RESOLVE:

Primeiro.-Aproba-la lista definitiva de adxudicatarios e puntuacións obtidas polos participantes no concurso público convocado por resolución desta secretaría xeral con data do 20 de xaneiro de 1998 (DOG do 30 de xaneiro), que se incorpora e esta resolución como anexo I.

Segundo.-Admiti-las renuncias dos solicitantes que figuran na lista que se achega como anexo II.

Terceiro.-Adxudica-las oficinas de farmacia ás que se refire o anexo III desta resolución ós solicitantes que tamén se indican no referido anexo.

Cuarto.-De acordo coa base VI da convocatoria, os farmacéuticos que non sexan adxudicatarios no momento da firmeza en vía administrativa da resolución deste concurso pasarán a formar parte dunha lista de reserva na que figurarán pola súa orde de puntuación.

No caso de que se producisen renuncias con posterioridade á firmeza da resolución e con anterioridade á apertura da nova oficina ou no caso de que o concursante adxudicatario non designase oportunamente o local proposto, a oficina de farmacia entenderase adxudicada a quen figure nese momento en lugar máis alto na lista de reserva e tivese solicitado ese municipio.

Se se producisen renuncias con anterioridade á firmeza desta resolución, esta secretaría xeral dictará nova resolución procedendo a reasigna-las oficinas de farmacia ós concursantes adxudicatarios.

Quinto.-Unha vez que sexa firme en vía administrativa a resolución pola que se resolve este concurso público, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais notificaraa mediante fax a cada unha das comunidades autónomas nas que os adxudicatarios exerceran ultimamente como farmacéuticos, coa indicación de que, segundo o disposto no artigo 4.3º do Decreto 288/1996, do 12 de xullo, sobre competencias e procedemento para a autorización de apertura de oficinas de farmacia, a adxudicación dunha destas oficinas a un farmacéutico xa titular doutra, determinará automaticamente a perda da autorización que se viña posuíndo, aínda no caso de renuncia e con indicación, tamén, de que a perda da dita autorización se fará efectiva a partir do momento da apertura da nova oficina adxudicada.

Sexto.-As delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais deberán remitir a esta secretaría xeral no prazo de 10 días certificación na que conste se, dos datos que constan na unidade, resulta que algún dos adxudicatarios transmitiu a súa anterior oficina de farmacia nos cinco anos anteriores á data desta resolución.

Sétimo.-Inmediatamente antes da acta de apertura da nova oficina, os adxudicatarios deberán acreditar, con certificacións recentes das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais -ou, no seu defecto, dos colexios provinciais de farmacéuticos- correspondentes ó municipio no que exercesen ultimamente como titulares de oficinas de farmacia, que non transmitiron a súa oficina nos cinco anos anteriores a esta resolución nin con posterioridade a ela.

Oitavo.-No caso dos adxudicatarios que tiveran farmacia aberta ultimamente noutra Comunidade Autónoma, unha vez que procedan á apertura da nova oficina, a correspondente delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais comunicará mediante fax tal circunstancia á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais -ou, no seu defecto, ó Colexio Provincial de Farmacéuticos- correspondente ó lugar do último exercicio, á vez que lle será requirido á delegación ou colexio a expedición de certificación acreditativa da non transmisión da antiga oficina.

Noveno.-No caso dos adxudicatarios nos que concorrese a circunstancia á que se refire o nº 3 do artigo 4º do Decreto 288/1996, a perda da anterior autorización farase efectiva a partir do momento da apertura da nova oficina de farmacia adxudicada.

Décimo.-No caso dos adxudicatarios que foran titulares da única oficina de farmacia existente no municipio, a apertura da nova oficina de farmacia adxudicada quedará en suspenso ata que se resolva o novo concurso público para a adxudicación da oficina que deixe vacante, sen prexuízo da súa obriga de designar local en prazo se resultase adxudicada outra oficina de farmacia no mesmo municipio a outro concursante con menor puntuación na lista.

Décimo primeiro.-Nos casos en que se adxudique máis dunha oficina de farmacia nun mesmo municipio, terá dereito a designar local preferentemente quen quedase en lugar máis alto da lista de adxudicatarios.

Nestes casos, os prazos para a designación do local por cada un dos seguintes adxudicatarios do mesmo municipio comezarán a correr desde que se lle notifique a designación do local efectuada polo anterior.

Décimo segundo.-Publíquese esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décimo terceiro.-Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 1999.

Manuel Antonio Silva Romero

Secretario xeral da Consellería de Sanidade

e Servicios Sociais